A Generalitat asinou o mesmo pacto que o Sergas cunha empresa americana e publicou a parte que a Xunta oculta

Páxinas e fragmentos dos convenios asinados por Medtronic coa Generalitat (esquerda) e coa Xunta (dereita) CC-BY-SA Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde non foi o único organismo público que acordou convenios coa multinacional estadounidense Medtronic, especializada en "tecnoloxía, servizos e solucións médicas". Máis dun ano antes de que a Xunta asinase ata cinco pactos coa filial española da compañía nos que lle permite "testar" os seus produtos e servizos en hospitais públicos, a Generalitat de Catalunya acadara con Medtronic un acordo para o Hospital de Bellvitge (L'Hospitalet) parecido ao que a Administración galega pechou para o Hospital Clínico de Santiago. Os textos e condicións de ambos convenios son moi semellantes, pero os procedementos tiveron unha diferenza fundamental: a sanidade pública catalá fixo público o contido íntegro do acordo con Medtronic, mentres que a Consellería de Sanidade optou por ocultar as súas cláusulas máis substanciais.

Como informou Praza.gal, a Xunta só publicou no seu rexistro de convenios as cláusulas xerais dos acordos con Medtronic. Por iso o pasado outubro a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS solicitou formalmente accederen aos contidos concretos dos convenios que abriron a porta a Medtronic nos hospitais de Santiago, A Coruña e Lugo, condicións recollidas en cadanseus anexos. A resposta de Sanidade foi a denegación de acceso a estes anexos porque, segundo o documento asinado polo secretario xeral da consellería, Alberto Fuentes, a súa "divulgación" podería "supoñer un prexuízo para o segredo comercial e/ou propiedade industrial" de Medtronic.

A parte do convenio con Medtronic que o Sergas se nega a revelar para non prexudicar o "segredo comercial" da empresa foi divulgada en internet polo Institut Català de la Salut

"O mero coñecemento da información por quen de forma individual ou particular exerce o seu dereito de acceso", sinalaba o alto cargo, "podería determinar" que os "intereseses" de Medtronic "se visen prexudicados". Esta restrición, recorrida pola asociación de pacientes ante a Comisión de Transparencia que depende do Valedor do Pobo, non se deu no caso catalán. Alí o convenio con Medtronic recibiu o mesmo tratamento que calquera outro: foi incluído como referencia no Diari Oficial de la Generalitat xunto aos demais convenios asinados polo Institut Català de la Salut no segundo semestre de 2015, e o ICS publicou unha copia íntegra no seu portal de transparencia.

Os dous acordos permiten á multinacional actuar en hospitais públicos

A documentación publicada pola Generalitat permite coñecer, así, que o que daquela era o Goberno presidido por Artur Mas acordou con Medtronic desenvolver en Bellvitge durante seis anos un proxecto de mellora da "eficiencia" e da "calidade" a través do deseño dun "marco operativo integral da área do corazón" deste hospital. O título é idéntico ao do convenio que Medtronic pecharía para un cuatrienio co CHUS ao ano seguinte e algúns dos seus parágrafos son tamén os mesmos. Así, o convenio catalán de 2015 xustifica a súa sinatura no feito de que a Área do Corazón do Hospital Universitario de Bellvitge xoga xa un papel moi importante na atención a pacientes con enfermidades cardiovasculares na Comunidade Autónoma de Cataluña e, tanto pola súa traxectoria como polo talento dos seu profesioanis, está en boa posición para gañar aínda máis protagonismo". O anexo ocultado pola Xunta e ao que tivo acceso Praza.gal di exactamente o mesmo, pero referido ao Clínico de Santiago.

"Cesión" de equipamentos e gasto público indeterminado

Fragmentos dos acordos de Medtronic en Catalunya en 2015 (esquerda) e en Galicia en 2016 (dereita)

Alén destes treitos idénticos -nalgunhas páxinas mesmo se reproducen erros tipográficos- o convenio co ICS amosa como Medtronic conseguiu aplicar da man do Goberno de CiU na Generalitat unha política comercial moi semellante á que despois aceptaría o Executivo do PP na Xunta. Así, en Catalunya a multinacional "comprometeuse" a "ceder o dereito de uso durante a duración do presente acordo" de "equipamento e instalacións" para a unidade coronaria do hospital e así "realizar de forma eficiente a asistencia aos pacientes que son ingresados e tratados" nela.

Ambos convenios son presentados como acordos sen achega económica, pero a sanidade pública dá en asumir gastos

No CHUS, como revelou este diario, tamén existe "cesión" de equipamentos para a área cardiolóxica, concretamente dun TAC e unha resonancia magnética. Non obstante, no anexo galego que a Xunta se nega a publicar foi incluída unha restrición adicional: esta nova maquinaria non está ao servizo de todo o Sergas nin de todo o hospital, senón que o seu uso "farase exclusivamente para servir os fins deste acordo".

No convenio galego Medtronic subliña que a maquinaria "cedida" está só ao "servizo" do convenio; no catalán, a empresa inclúe unha estimación dos gastos que está disposta a asumir

No que si coinciden os dous documentos é en asignar á sanidade pública unha serie de gastos indeterminados despois de presentar o convenio como un acordo sen achega económica. Non en van, tanto en Bellvitge como en Santiago é a Administración a que asume os "gastos correntes" e de "mantemento" da maquinaria e instalacións implicadas no acordo e, do mesmo xeito, o hospital público achega o persoal necesario para poñelo en marcha.

Os anexos asinados en Catalunya e Galicia tamén cadran en incluír mostras dos produtos de Medtronic, descricións detalladas dos sistemas que a empresa prevé probar e a incorporación dun executivo da compañía para traballar "a tempo completo" no hospital público. No entanto, no acordo catalán -que xerou controversia política e sindical en 2016 pola presenza no organigrama de Medtronic dunha antiga directiva de Bellvitge- a empresa incluíu un cadro coa "estimación dos custos anuais" que estaba disposta a "soportar" -entre 430.000 e 790.000 euros-, mentres que en Galicia non o fixo.

Hospital de Bellvitge en L'Hospitalet (Barcelona) CC-BY-SA H501zalc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.