A manifestación en defensa da sanidade pública convocada para este próximo domingo en Santiago por diversas entidades e co apoio dos partidos da oposición pairou este mércores sobre a sesión de control á Xunta no Parlamento, na que os portavoces de PSdeG, Común da Esquerda e BNG, con maior ou menor intensidade, apelaron á mobilización da cidadanía. Fronte a eles, o presidente amosouse compracente: “Menos mal que estamos aquí para defender a Galicia”, dixo.
O presidente enumera investimentos en centros de saúde e tecnoloxía como resposta ás demandas de máis persoal sanitario
O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, centrou a súa intervención en enumerar longas listas de concellos nos que hai activas actualmente diversas mobilizacións en demanda de máis pediatras, médicos de familia, especialistas ou ambulancias. “Están todos equivocados, señor Feijóo?”, preguntou o socialista, asegurando que “claro que hai unha maioría que sae á rúa, sae en toda Galicia e vostede non a quere escoitar”. Caballero tamén pediu un debate monográfico no Parlamento sobre sanidade co propio Feijóo.
Similar reproche sobre a situación dos recursos humanos do Segas lanzou a portavoz do BNG, novamente Olalla Rodil pola recente maternidade de Ana Pontón, quen lembrou que son numerosos os “profesionais da sanidade que asinan contratos por hora, que acumulan centos nun ano”. “Volveremos saír á rúa este domingo en Santiago”, apelou a nacionalista, que reclamou un plan urxente de mellora da atención primaria, “convocar as 5.000 prazas que hai vacantes no Sergas” e “abrir as 800 camas que pechou o seu goberno” porque “os recortes matan”.
Pola súa banda, o portavoz do grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez, que centrou a súa intervención na situación do rural, tamén criticou a “censura” que o Sergas vén de impoñer ás protestas deses profesionais e apelou igualmente a lanzar “un berro unánime pola sanidade pública”.
“Hoxe hai máis infraestruturas, centros de saúde e hospitais, tecnoloxía”, di Feijóo, que ameazou con facer públicas eivas sanitarias do bipartito
A resposta de Feijóo aos tres foi a de salientar os investimentos materiais do Sergas. “Hoxe hai máis infraestruturas, centros de saúde e hospitais, tecnoloxía”, dixo, acompañando posteriormente as súas verbas de fotografías sobre a situación dalgunhas infraestruturas sanitarias hai unha década e as melloras introducidas polo seu Goberno. Feijóo mesmo asegurou que cando chegou á Xunta en 2009 un equipo tecnolóxico do Sergas cuxo emprazamento non identificou “queimaba” aos pacientes en vez de tratalos e ameazou veladamente con facer públicas outras eivas sanitarias do anterior bipartito de PSdeG e BNG.
Feijóo asegurou que esta “é a lexislatura do rural” porque “estamos producindo máis madeira, carne, viño”
E se no eido sanitario, cuestión na que centraron as súas preguntas PSdeG e BNG, o presidente respondeu con investimentos materiais, pola situación no rural, polo que lle preguntaba Común da Esquerda facendo ver a perda demográfica, de servizos e de terras produtivas, Feijóo asegurou que esta “é a lexislatura do rural” porque “estamos producindo máis madeira, carne, viño”.
O popular menosprezou novamente o acordo de investidura do BNG con Pedro Sánchez, considerou o PSdeG unha “mascota” do presidente do Goberno central e mesmo botou en cara ao portavoz de Común da Esquerda, que ten unha explotación agrícola na que el mesmo segue a traballar, que “o rural galego non é o céspede da Complutense”. Fronte a eles, Feijóo presentouse a si mesmo: “Menos mal que estamos aquí para defender a Galicia”.
Como nas últimas sesións de control, a deste mércores rematou cunha nova gran ovación das filas populares a Feijóo. As eleccións galegas están cada vez máis preto.