A oposición atribúe “as rectificacións” de Feijóo coa mina de Touro e o paridoiro de Verín á súa “estratexia electoral”
“Sabe cantos pediatras poderiamos contratar cos cartos que nos adebedan? 5.000 pediatras”. A frase, lembrando a débeda do Estado con Galicia provocada pola reforma do IVE aprobada por Rajoy, é do presidente Feijóo, e pronunciouna este mércores na sesión de control á Xunta no Parlamento xusto despois de cualificar a toda a oposición de “aprendices de xestión sanitaria”. Fíxoo ao tempo que anunciaba que agora si o Goberno galego levará ao central á Xustiza pola débeda e mentres a oposición atribuía as súas “rectificacións” co paridoiro de Verín e a mina de Touro á “estratexia electoral” dos populares. Fronte a esas recentes dúas non decisións da Xunta en Verín e Touro, este mércores Feijóo tentou retomar a iniciativa política pola vía do seu enfrontamento a Sánchez.
“Unha vez esgotadas todas as posibilidades de diálogo, por suposto que a Xunta seguirá esgotando todas as posibilidades no ámbito xudicial”, dixo Feijóo cando foi instado polo BNG -a portavoz foi a deputada Olaia Rodil pola recente maternidade de Ana Pontón- a que denuncie xa a débeda dos 198 millóns do IVE de decembro de 2017 cuxa transferencia a Galicia quedou no aire desde aquela pola reforma implantada polo Goberno de Rajoy. Agora o actual Goberno do PSOE di non prever solucións ao respecto despois de que fose rexeitado o seu proxecto de Orzamentos para 2019, onde si incluíra unha compensación.
Feijóo di do PSdeG que é “un partido mascota” de Pedro Sánchez e acusa a BNG e Común da Esquerda de manter dobre discurso en Galicia e Madrid a conta da débeda do IVE
Catro meses despois de votar en contra dunha iniciativa dos nacionalistas para ir xa daquela á xustiza, Feijóo decide agora dar o paso e retomar a iniciativa política nese eido ao tempo que acusa a BNG e o grupo Común da Esquerda de manter un dobre discurso por reclamar en Galicia que a Xunta esixa esa débeda ao tempo que apoian en Madrid o Goberno de Sánchez. Pola súa banda, dos socialistas galegos o presidente asegurou que son “un partido mascota” de Pedro Sánchez.
Na sesión deste mércores ademais da pregunta do BNG pola débeda do IVE o presidente foi interrogado por PSdeG e o grupo Común da Esquerda pola marcha atrás na decisión da Xunta de pechar o paridoiro de Verín. Feijóo optou por relacionar os dous temas e, despois de criticar que os partidos da oposición, “aprendices de xestión sanitaria” segundo os cualificou, empregan a sanidade de xeito electoralista, asegurou que a débeda do Goberno central con Galicia permitiría contratar “5.000 pediatras”.
Os portavoces de PSdeG e Común da Equerda, Gonzalo Caballero e Antón Sánchez, como antes xa fixera a nacionalista Rodil, atribuíron pola contra o cambio de postura do Goberno galego a conta do paridoiro de Verín á “estratexia electoral” dos populares e lembraron a sucesión de argumentos distintos que a Xunta ofreceu para xustificar o peche. Unha “rectificación” que a oposición tamén ve na decisión do Goberno galego de non autorizar a mina de Touro polo seu impacto ambiental despois de meses de mobilización cidadá.
O presidente do Parlamento censura que Antón Sánchez chamase “censor franquista” a Feijóo pero permite que este diga que Común da Esquerda “están en contra de vacinar os nenos”
O debate deste mércores tamén deixou dous enfrontamentos entre Antón Sánchez e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices. O primeiro, na súa interpelación a Feijóo, dixo que era “un triste censor franquista en San Caetano” pola súa política informativa a conta do peche do paridoiro de Verín, frase que o presidente da Cámara obrigou a retirar cunha chamada á orde a Sánchez. Posteriormente Feijóo, dirixíndose a Sánchez e lembrando as dúbidas sobre as vacinas amosadas hai dous anos pola eurodeputada de AGE Lidia Senra, inmediatamente desautorizada pola súa formación, díxolle: “Vostedes están en contra de vacinar os nenos”. Sánchez esixiu a Santalices que obrigase a rectificar a Feijóo como antes fixera con el, pero o presidente da Cámara rexeitouno.