Os 198 millóns de euros da recadación do IVE de decembro de 2017 que o Goberno de España non ingresou a Galicia pola aplicación naquel mes da reforma da xestión do imposto aprobada polo Executivo de Mariano Rajoy está a centrar a pugna do gabinete de Alberto Núñez Feijóo fronte á coalición do PSOE e Unidas Podemos. O feito de que o Ministerio de Facenda activase esta semana o financiamento autonómico de 2020 -algo máis de 7.000 millóns para Galicia- sen compensar eses cartos perdidos sérvelle á Xunta do PP para, a escasos meses das eleccións, reforzar o seu discurso dunha aldraxe a Galicia por parte dos socialistas con independencia da orixe da débeda, toda vez que a súa resolución depende agora deles.
Catro meses despois de que o PP votase no Parlamento contra reclamar os 198 millóns pendentes nos tribunais, agora o presidente amaga con facelo cando a resposta estea "adecuadamente argumentada"
Neste escenario, e catro meses despois de que o PP votase no Parlamento contra unha iniciativa na que o BNG apostaba por reclamar nos tribunais todos os fondos estatais pendentes, o presidente da Xunta amaga nos últimos días con facelo. "Cando teñamos a decisión hilvanada, dirémolo", "se está adecuadamente argumentada, farémola pública de inmediato", dixo tras considerar que o actual Goberno debe "pagar as facturas ás comunidades autónomas e non aos independentistas" e despois de considerar que a xustificación que ofrece a ministra de Facenda para non completar o pagamento son "gracietas". "Qué jeta, qué morro y qué cara", dixo mudando ao castelán na súa resposta á prensa tras o Consello da Xunta destes xoves.
Feijóo subliña que María Jesús Montero se "comprometeu en agosto de 2018" a "arranxar en 2019" un buraco cuxa orixe se remonta a xullo de 2017. O daquela ministro de Facenda do PP, Cristóbal Montoro, activou o coñecido como Subministro Inmediato de Información (SII) do IVE, pensado para controlar en tempo real os ingresos deste tributo por parte de grandes empresas. Entre as contrapartidas por ese maior control estivo que a recadación por IVE puidese ser ingresada ata o día 30 de cada mes, e non co 20 como límite como ata ese momento.
Eses dez días a maiores provocaron que o IVE de decembro de 2017 chegase ás arcas estatais en xaneiro de 2018. Esa é a razón pola que para computar a parte que corresponde ás autonomías (50% do recadado) se tivesen en conta só 11 meses e non 12, como correspondería nun ano normal.
Medio ano despois desa disfunción, o PP perdeu o Goberno e a nova ministra socialista asegurou que buscaría unha solución
Medio ano despois desa disfunción -que só sucedeu ese mes-, a moción de censura desbancou o Goberno de Rajoy e elevou a Pedro Sánchez á presidencia. No inicio do mandato, a nova ministra de Facenda, María Jesús Montero, asegurou que buscaría unha solución ao problema -que suma uns 2.000 millóns para o conxunto das autonómias- e así o transmitiu a mandatarios autonómicos como o propio Feijóo nuns meses nos que o PP galego comezaba a axitar o problema. Segundo o PPdeG, o que sucedía era que Pedro Sánchez en persoa "recortaba 200 millóns aos galegos para dárllelos aos independentistas cataláns".
A solución avanzada por Montero chegou nos Orzamentos de 2019; tras seren rexeitados, barallou alternativas que non concretou e agora esgrime que a débeda xa caducou
A solución avanzada por Montero chegou no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2019 que, explicado en termos simples, computaban trece exercicios do IVE no canto de doce para así compensar o mes perdido e facelo, ademais, nos prazo de dous anos contemplado no vixente sistema de financiamento autonómico. Pero eses Orzamentos nin sequera chegaron a debaterse no Congreso porque triunfaron as emendas á totalidade que presentaran PP, Ciudadanos, PDeCAT, ERC, Coalición Canaria e Foro Asturias.
Unha cuestión técnica que vira política nun sistema caducado
As contas caeron e precipitaron o adianto electoral. E as canles ordinarias para satisfacer a débeda, 198 millóns no caso galego, entraron no tempo de desconto mentres se barallaban vías alternativas como un préstamo estatal sen xuros ás autonomías que despois sería compensado. Pero esas alternativas non chegaron a concretarse e agora a ministra Montero esgrime que a débeda xa caducou, porque "o dano de 2017 tíñase que reparar en 2019", nas contas públicas que decaeron.
É neste marco como unha cuestión técnica, a repercusión nun único mes -decembro de 2017- dun cambio de xestión do IVE para facelo máis preciso, virou política. A mudanza de cor política no Goberno de España permitiu ao PP galego facer bandeira da débeda sobre a teoría de que, en realidade, do que se trata é dos socialistas a castigar a Galicia por ter un goberno de signo conservador. E mesturar, ademais, a cuestión do financiamento autonómico -cartos do Estado para financiar as competencias propias das autonomías- coa do investimento do Estado en Galicia -obras que os Ministerios do Goberno central realizan en territorio galego-.
O sistema de financiamento autonómico está caducado dende 2014 e aínda que a lei obriga a reformalo cada cinco anos, isto non sucedeu
Esta disputa ten como pano de fondo unha cuestión moito menos atractiva política e mediaticamente que o discurso dos agravios mutuos. Os ingresos por IVE e todos os demais recursos estatais que chegan ás autonomías réxense por un sistema que leva seis anos caducado. Segundo a Lei Orgánica de Financiamento das Comunidades Autónomas (LOFCA), os criterios cos que o Estado financia as autonomías de réxime común deben revisarse "cada cinco anos".
O último acordo data de 2009, aínda con Zapatero, e o Goberno de Rajoy fixo os primeiros movementos para artellar un novo a comezos de 2017, cando o sistema xa levaba tres anos caducado. En xullo dese ano chegaron as conclusións da comisión nomeada para revisar o sistema, que non chegaron a aplicarse. Agora, o novo Goberno central di ter entre as súas prioridades concluír o proceso nun momento no que, se o Goberno de Rajoy cumprise a lei neste aspecto, tería que estar a concluír a revisión do financiamento autonómico do período 2015-2020, o que nunca se aprobou.