"Qué morro, qué jeta y qué cara". O pasado xoves o presidente da Xunta mudou de idioma a metade da resposta a un xornalista sobre os fondos do financiamento autonómico que o Estado non transferiu a Galicia -198 millóns bloqueados pola reforma do IVE aplicada polo Goberno de Rajoy no ano 2017 e aínda non compensados-. O ton da resposta, na que Alberto Núñez Feijóo deu en mofarse da ministra de Facenda, María Jesús Montero, descualificando como "gracietas" as súas explicacións ao respecto, é un bo termómetro dos meses que restan ata que o propio Feijóo asine o decreto de disolución do Parlamento e convocatoria de eleccións.
Nos círculos políticos xorden cada semana ruxerruxes de adianto electoral e mentres, a maquinaria partidaria máis potente do país trabállase nunha idea forza: o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos castiga a Galicia
Á lexislatura galega quédanlle, como máximo, uns sete meses. Nos círculos políticos do país xorden cada semana os ruxerruxes de adianto electoral -nos últimos días houbo quen chegou a falar do 19 de abril para a cita coas urnas-, as reflexións sobre unha cuarta candidatura de Feijóo que disque semella inevitable e tamén as composicións de lugar sobre o xeito en que se fiaría unha coalición de esquerdas na Xunta se o PP perde a maioría absoluta e unha eventual representación da extrema dereita de Vox non lle é dabondo para reter o poder.
Ruxerruxes aparte, a carreira está lanzada e a maquinaria partidaria máis potente do país xa está a pleno rendemento e aferrada a unha idea forza: o Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos castiga a Galicia e réstalle investimentos para llos dar ao independentismo catalán. Unha -pequena- mostra disto é a xornada organizada polo PP este sábado na Cidade da Cultura, na que o partido propiciou encontros dos seus deputados e deputadas cos membros do Goberno galego para exaltaren polo país as medidas do gabinete de Feijóo.
A parte pública do acto rematou cun mitin de Feijóo aos seus, un relatorio do que o PP sinala como agravios do PSOE -pero tamén de Unidas Podemos e do BNG- a Galicia cunhas cantas doses de mensaxes en clave interna. Para os socialistas, como o pasado xoves en San Caetano, tivo o líder conservador munición gorsa: o novo Goberno de España "perdeu a dignidade cos independentistas e a vergoña cos galegos", fai que "resulte efectivo cometer delitos" e está no poder "a costa de quen sexa, incluída Galicia", proclamou volvendo sobre asuntos como o financiamento ou o AVE.
Feijóo reitera apelación á "moderación" e á "axenda propia" do PPdeG, pero semella difícil que poida evitar a presenza de Pablo Casado en Galicia durante a campaña
En clave interna, quen é presidente da Xunta dende hai 11 anos reiterou a súa apelación á "moderación". O PPdeG non está sometido a "imposición minoritarias" nin ás "posicións extremas", advertiu. E ademais, "a nosa comunidade ten a súa propia axenda e prioridades", proclamou nun acto no que a palabra "Galicia" era máis visible que as siglas "PP" e tras o que o servizo de prensa da formación distribuíu unha imaxe do seu líder ante unha pantalla xigante amosando unha enorme bandeira galega. Todo isto nun contexto no que, non obstante, semella difícil que poida evitar a presenza de Pablo Casado en Galicia a medida que se achegue a cita coas urnas.
Catro das cinco iniciativas do PP no primeiro pleno do ano, para o Goberno central
Mostra da importancia que o PP outorga á confrontación co Goberno central na súa estratexia preelectoral son as súas prioridades no vindeiro pleno do Parlamento, o primeiro de 2020 e tamén o primeiro do que se presenta como derradeiro período de sesións da lexislatura. Nel, catro das cinco iniciativas formuladas polos populares van dirixidas ao Goberno central e a elas engádese unha comparecencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, dedicada explicitamente a debullar peticións ao Executivo que preside Pedro Sánchez.
Ás catro iniciativas do PP sobre o Goberno central no primeiro pleno do ano engádese unha comparecencia de Rueda destinada a debullar peticións ao Executivo que preside Pedro Sánchez
Así, en primeiro termo, o PP defenderá unha proposición non de lei con medidas para "demandar ao Goberno central coa fin de simplificar o proceso de retorno dos españois e das súas familias" na emigración. Outra proposición non de lei, neste caso rexistrada de urxencia polo secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, centrarase nas esixencias da Xunta "ao Goberno de España" para "esixir a convocatoria urxente da Mesa das Pontes" sobre o peche da térmica de Endesa nesa localidade. Estas iniciativas son, de seu, non vinculantes, pero servirán para propiciar debates na Cámara galega sobre o Goberno de España.
A única iniciativa non dedicada ao Goberno central é unha pregunta concibida para dar pé a que o conselleiro de Sanidade anuncie investimentos no hospital de Verín
Tamén na quenda de preguntas ao Goberno o PP propiciará que conselleiros e conselleiras falen do Executivo central. Así, Tellado tamén asina unha pregunta ao conselleiro de Industria "a respecto do anunciado polo Goberno do Estado en materia enerxética" e o deputado Jaime Castiñeira fai o propio coa conselleira de Infraestruturas a respecto da "decisión do Goberno español de deixar sen servizo de venda de billetes presenciais" varias estacións de tren.
A única iniciativa do PP no pleno que non está vinculada ao Goberno de España é unha pregunta destinada ao conselleiro de Sanidade sobre un dos principais focos de conflito para a Xunta nos últimos meses, o hospital de Verín. Concibírona para que Jesús Vázquez Almuíña fale da "previsión, por parte do Goberno galego, de actuacións de mellora" neste centro sanitario da comarca de Monterrei.