A precampaña está lanzada e, pola banda socialista, a batalla do PSdeG é tamén desta volta, se cadra con máis intensidade ca nunca nos últimos quince anos, a batalla da dirección federal do PSOE. No primeiro Comité Nacional do partido -máximo órgano entre congresos- do ano 2020 o secretario xeral e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, contou co apoio de quen de facto é o número dous de Pedro Sánchez no aparello socialista, o ministro José Luis Ábalos, e xunto a el lanzou unha apelación á dirixencia da formación: deben prepararse para "acabar 2020 gobernando Galicia".
O líder do PSdeG augura unha "campaña sen tregua" na que "o PP e todos os sectores conservadores do país" van "atacar por todos os medios" e insta os cargos do partido a "poñer o chaleco antibalas" e dirixirse á cidadanía
Como no último ano, Caballero bota man dos resultados dos procesos electorais de 2019 para dar por feito que Galicia vive xa un "novo tempo político" pero advirte: a carreira electoral "vai ser moi dura". O PP, augura, vai "utilizar todo o poder da Xunta" para "unha campaña sen tregua". "Van utilizar todo o que poidan que sexa verdade e todo o que necesiten sendo mentira; van atacar por todos os medios aos nosos referentes e a este candidato". Porque "Feijóo sabe", segundo Caballero, que "o cambio pasa" polo PSdeG.
É por iso que, para o líder socialista, a tarefa dos vindeiros meses é clara. "Poñer o chaleco antibalas para resistir os ataques e difamacións do PP e de todos os sectores conservadores do país" e pasar o "último tramo do goberno do PP en Galicia" pensando "na cidadanía". O PSdeG, asegura, falará de "política económica", do "déficit de praza de residencias para maiores" ou de que "a sanidade pública é a prioridade dos socialistas e vai marcar o novo tempo político". Tamén das iniciativas do Goberno de España en materia de pensións, da suba do salario mínimo ou "da transición ecolóxica acompañando os traballadores".
Pero malia formular propostas políticas, cre o candidato socialista, "o ataque vai ser furubundo". "Unhas veces vannos ningunear porque preferirán mover outras opcións", outras veces "mentirán sobre o que facemos en España e o que queremos facer en Galicia". E outras, prevé, "sairán á rúa contra o Goberno de España". Todo isto, cre, mentres "nos din que o PP vai sacar maioría absoluta". Pero "non nos van minar", asegura Caballero, que lanzou unha última advertencia á cúpula do PSdeG: "A última hora, se o necesitan, buscarán socios na ultradereita".
Ábalos, a Feijóo: "Voume centrar no AVE, que el se centre na sanidade e cumpra con Verín"
A intervención do secretario de organización e ministro de Transportes ante o Comité Nacional do PSdeG estivo marcada polas peticións de dimisión que PP, Vox e Ciudadanos lle lanzan polo seu encontro en Madrid coa vicepresidenta de Venezuela. Alén das mensaxes en clave estatal, Ábalos deixou en Compostela a mensaxe que xa lanzara noutras ocasións o propio Pedro Sánchez. "Voume envorcar nesta campaña como se fose a de España, temos que tentar que en Galicia tamén se abra o cambio que se abriu en España" para que "non quede atrás", pero tamén para que o PP non utilice a Xunta como "trincheira" contra o Executivo de coalición, di.
Ábalos asegura que a dirección do PSdeG se vai "envorcar" na carreira electoral galega
Neste contexto, Ábalos repasou as áreas da súa xestión directa, dende as datas do AVE -na liña do afirmado na xornada anterior na Coruña- ata o futuro da AP-9 -"estamos dispostos á transferencia" e "imos facer as bonificacións de peaxes que nos comprometemos", di-, pero tamén foi ao corpo a corpo con Feijóo, a quen non ve cualificado para falar de "lealdade" institucional. "Eu voume centrar no AVE, e voulle pedir que se centre na sanidade e na educación", que é o que lle "corresponde". "Que cumpra co paridoiro de Verín", retou, antes de advertir que "leal non é estar desexando que nós fracasemos" nin "utilizar os galegos como reféns" contra o Goberno central.