Ábalos pon agora o foco na seguridade do AVE galego e despraza a entrada en servizo de 2020 a 2021

O ministro Ábalos (terceiro pola dereita), con outros cargos e autoridades na entrega do premio a Gallego Jorreto na Coruña © Concello da Coruña

Outro ministro máis no sarillo de lle pór datas á entrada en servizo da conexión ferroviaria de alta velocidade coa Meseta. O titular de Transportes -nova denominación do Ministerio de Fomento- do Goberno de España, José Luis Ábalos, acudiu este venres á Coruña a entregar o Premio Nacional de Arquitectura que concede o seu departamento a Manuel Gallego Jorreto. Alí, como era de agardar, foi cuestionado a respecto dos prazos do AVE galego nunha semana na que foron noticia por duplo motivo. E alí desprazou a entrada en servizo de 2020 a 2021 mentres Alberto Núñez Feijóo utilizaba o discurso concibido como homenaxe ao arquitecto para axitar esta controversia.

O informe do Tribunal de Cuentas que revelou paralizacións irregulares dos traballos en 2016 e 2017 e as declaracións dun voceiro da Comisión Europea en España, insistindo en que o prazo de finalización a Galicia a efectos da UE é 2022, -data que Adif di que indicou con marxe para non perder fondos europeos ante posibles demoras- axitaron un dos debates preferidos da Xunta no seu tirapuxa co Goberno do PSOE. O mesmo que propio Ábalos herdou en 2018 asumindo os prazos que o seu predecesor, o popular Íñigo de la Serna, dera por bos cando deu en admitir que a prometidísima data de 2018 era imposible: entrada en servizo en 2020 do groso da liña ata Madrid.

O prazo de 2020, sinalado polo ex-ministro do PP e asumido por Ábalos ao chegar ao Goberno, está no aire ao ser imposible calcular con exactitude a duración das probas de seguridade previas á entrada en servizo

Ese prazo de 2020 está no aire ao ser imposible calcular con exactitude a duración das probas de seguridade previas á entrada en servizo. As mesmas que, baixo a sombra do accidente de Angrois duran máis que noutrora. E nelas pon agora o foco o propio Ábalos, indicando en resposta á prensa na Coruña que no treito de Zamora a Pedralba de la Pradería -na Seabra- "están a piques de concluír as probas de seguridade", que "van moi ben". Acto seguido, agrega, estas probas entrarán xa en territorio galego, ata as proximidades de Ourense. Ademais, especificou, está operativo ata Zamora o sistema de control constante da velocidade ERTMS. O mesmo que puido evitar o accidente de Angrois.

Trens de Adif que efectúan as probas no tramo Zamora-Pedralba, na estación zamorana o 11 de xaneiro de 2020 © Adif

Ábalos torna no primeiro alto cargo do Goberno central que liga os prazos do AVE coas leccións do accidente de Angrois, pero faino despois de asumir como propios os axustados prazos do Goberno do PP 

O feito de que sexan as probas de seguridade as que marcan o ritmo "en Galicia enténdese moi ben, porque hai moita sensibilidade en torno á seguridade", enfatizou o ministro Ábalos, como recolle La Opinión, evocando así o sinistro de Angrois. O titular de Transportes torna así no primeiro alto cargo do Goberno de España que liga directamente os prazos do AVE coas leccións do accidente no que morreron 80 persoas en 2013

Pero faino, non obstante, despois de asumir como propios os axustados prazos que indicara o Goberno do PP -entrada en servizo en 2020. Non obstante, agora indica que "sempre se falou de 2021" e é o horizonte que está disposto a "manter" nun escenario no que a Xunta pide que o AVE estea operativo para o Xacobeo. Esa celebración, advirte Ábalos para evitar cinguirse a un mes en concreto, é "todo o ano".

As referencias do ministro a primar a seguridade chegan mentres as vítimas de Angrois seguen a reclamar a apertura dunha investigación técnica independente sobre o sucedido, como pide a UE

As referencias do ministro a primar a seguridade e a introdución dos ecos daquel accidente no debate sobre os prazos do AVE chegan nun contexto no que, non obstante, as vítimas do descarrilamento seguen a reclamarlle a apertura dunha investigación técnica independente sobre o sucedido, reclamación que formulou a Comisión Europea e que polo momento o actual Goberno non atendeu, igual que tampouco atendera o Executivo de Mariano Rajoy. Así o lembraba a Plataforma Víctimas Alvia 04155 esta mesma semana nunha carta ao novo vicepresidente segundo do Goberno central, Pablo Iglesias.

Mentres Ábalos sinalaba todos estes matices e indicaba o que semella un novo prazo, 2021, Feijóo dispúñase a utilizar o seu discurso na entrega do premio a Gallego Jorreto para axitar a cuestións das datas, un dos eixos do seu enfrontamento co Executivo que preside Pedro Sánchez. O AVE, proclamou o presidente da Xunta, non debe ser "vítima de incomprensibles malabarismos coas datas"

Cronograma do AVE galego divulgado polo Ministerio de Fomento en outubro de 2018 © Ministerio de Fomento

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.