Ana Pastor alegou ao Tribunal de Cuentas que a parálise do AVE no seu mandato foi herdanza de José Blanco, que o nega

Alegacións de Ana Pastor ao informe do Tribunal de Cuentas que desvelou que as paralizacións de obras do AVE foron irregulares CC-BY-SA Praza Pública

A ex-ministra popular escribiu ao ente fiscalizador dicindo que non podía explicar as irregularidades detectadas polo tempo transcorrido e porque non ten a documentación

“No período anterior ao meu nomeamento como ministra subscribiuse no Ministerio de Fomento un acordo de non dispoñibilidade orzamentaria que conlevou, nalgúns casos, a rescisión de contratos e obrigou noutros a reprogramar obras que daquela se estaban a executar”. Así, atribuíndo parte da responsabilidade ao seu antecesor socialista, José Blanco, alegou o pasado novembro a ex-ministra popular de Fomento Ana Pastor contra o informe do Tribunal de Cuentas agora feito público e adiantado este mércores por Praza.gal que desvela como Adif paralizou obras do AVE galego de xeito irregular entre 2014 e 2017, pero fundamentalmente nos dous últimos anos dese período. Pola súa banda, o ex-ministro socialista considérao "excusas" e lembra que cando se paralizaron as obras o PP xa aprobara varios orzamentos xerais do Estado. "É botarlle moita jeta", di Blanco de Pastor.

Carta de alegacións de Ana Pastor ao informe do Tribunal de Cuentas CC-BY-SA Praza Pública

Pastor sempre mantivo durante o seu mandato que o AVE estaría rematado en 2018 e agora Blanco considera que as "excusas"  da popular supoñen "botarlle moita 'jeta'"

Pastor, á fronte de Fomento desde decembro de 2011 ata xullo de 2016, cando foi nomeada presidenta do Congreso e substituída no ministerio catro meses despois por Íñigo de la Serna, foi consultada polo Tribunal de Cuentas por se quería realizar alegacións ao seu informe. A agora deputada, que sempre mantivo durante o seu mandato que o AVE estaría rematado en 2018, remitiu ao ente fiscalizador unha carta, con encabezamento do Congreso, na que en dous folios sinala que non pode formular alegacións polo tempo transcorrido e porque non dispón de documentación e remítese ás que puidese formular o ministerio ou Adif. Porén, a continuación si formula tres consideracións. 

Pastor atribúese “constantes” reunións de “coordinación” entre as administracións que interveñen na realización das infraestruturas ferroviarias, pero Cuentas conclúe criticando a falta de coordinación

Ademais da antedita atribución de parte da responsabilidade ao seu antecesor socialista, Pastor engade que comparte as recomendacións formuladas polo Tribunal de Cuentas de que se planifiquen mellor as infraestruturas ferroviarias e lembra que durante o seu mandato aprobouse a Lei do Sector Ferroviario “que incluía a necesidade de elaborar unha estratexia indicativa ferroviaria”. Porén, catro anos máis tarde esa estratexia aínda non existe. Igualmente, Pastor atribúese “constantes” reunións de “coordinación” entre as administracións que interveñen na realización das infraestruturas ferroviarias. Porén, Cuentas conclúe criticando a falta de coordinación entre administracións.

Pola súa banda, ao coñecer a información de Praza.gal o ex-ministro socialista lembrou que cando o ministerio de Ana Pastor paralizou os traballos os populares xa aprobaran varios orzamentos xerais do Estado e asegura que "se se mantivese a execución orzamentaria en termos do 2008-12, o AVE galego hoxe era realidade". "Como din vulgarmente é botarlle moita jeta. En fin, cousas veredes", valora o socialista.

O informe do Tribunal de Cuentas foi solicitado polo Congreso, con maioría absoluta do PP, en 2014

Ademais dos dous folios de alegacións da ex-ministra, o Tribunal de Cuentas tamén recibiu alegacións máis extensas e técnicas da presidenta de Adif desde xuño de 2018, a tamén galega Isabel Pardo de Vera, que previamente fora directora de explotación e construción da empresa pública desde mediados de 2016. A ela atribúen varias fontes o desbloqueo dalgúns dos treitos paralizados do AVE galego. 

O propio Tribunal de Cuentas sinala que as alegacións foron estudadas e incorporadas as consideracións que se estimaron pertinentes no propio informe de fiscalización, pero sen identificar cales se aceptaron e cales non. O resultado foi o documento final que conclúe que as suspensións dos traballos analizadas foron produto de decisións contrarias á lei, incoherentes ou froito de “inadecuada planificación”.

Un informe que foi solicitado polo Congreso dos Deputados ao Tribunal de Cuentas en 2014, cando o PP contaba con maioría absoluta, e aprobada a súa elaboración polo ente fiscalizador a comezos de 2018, aínda cos populares no Goberno central.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.