O debate sobre o remate do AVE que obvia as leccións aprendidas de Angrois

Obras do AVE na Gudiña a comezos deste mes de xaneiro CC-BY-NC-SA Praza Pública

Fronte ao ano e medio que duraron as probas na última liña aberta, a de Granada, na Ourense-Santiago concentráronse en seis meses e os maquinistas non chegaron a circular pola vía na que ocorreu o accidente

O AVE entre Galicia e a Meseta está un mes máis próximo do seu remate que hai un mes, cando se produciu o último debate a conta dos seus prazos. E dous meses máis próximo que hai dous meses, cando o penúltimo debate. Pero este xoves unha nota de prensa da Comisión Europea na que daba conta dun trámite repetido varias veces nestes anos, a decisión de destinar unha nova partida de fondos comunitarios ao AVE galego, reabría a cuestión ao sinalar que “se espera que a liña de ferrocarril estea operativa a partir de xaneiro de 2022”, afirmación que o executivo comunitario acompaña en Twitter dun “boas novas en Galicia!”. Adif contextualiza a data como un prazo administrativo amplo para non perder os fondos europeos, pero deslígaa da posta en servizo da liña, que supedita ás probas de seguridade. 

Nos algo máis de douscentos quilómetros que restan por rematar do AVE, entre Zamora e Ourense, na metade, ata Seabra, xa están circulando os trens en probas, mentres que na outra metade están ultimándose as instalacións técnicas. O groso do investimento, o que requiren os túneles e os viadutos, está rematado, en parte grazas ás decisións políticas de realizar eses grandes gastos tomadas no seu momento polos ministros galegos José Blanco e Ana Pastor. 

O que resta, asegura Adif, son cuestións técnicas duns meses, pero despois hai que facer as probas de seguridade da liña, que competen a un órgano independente, a Axencia Estatal de Seguridade Ferroviaria (AESF). E esas probas, tras o accidente de Angrois de 2013, con 80 mortos, xa non son o mesmo. Se na liña Ourense-Santiago na que ocorreu o accidente duraron seis meses, no AVE a Granada, o último en entrar en servizo, prolongáronse un ano e medio.

Durante a instrución xudicial do accidente de Angrois e a comisión de investigación política celebrada no Congreso quedaron en evidencia as présas coas que se traballou naqueles seis meses nos que xa había unha data fixada

A data de inauguración do AVE Ourense-Santiago foi feita pública polo propio ministro daquela, José Blanco, o 23 de xuño de 2011, cando a anunciou para o 10 de decembro seguinte. O socialista sempre asegurou que se limitou a comunicar o que lle transmitían os técnicos, e pon como proba de que a data non tiña motivación política o feito de que o treito acabou sendo inaugurado despois de perder as eleccións xerais do 20 de novembro daquel ano, que non estaban fixadas cando en xuño fixo o anuncio. E o máximo responsable técnico da seguridade na liña, o daquela director da Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, imputado polo accidente, sempre negou recibir presións políticas. Pero o certo é que durante a instrución xudicial do accidente de Angrois e a comisión de investigación política celebrada no Congreso quedaron en evidencia as présas coas que se traballou naqueles seis meses nos que xa había unha data fixada.

Peritaxe independente sobre Angrois que sinala que todas as viaxes de probas se fixeron pola vía 2, máis segura, e non pola 1, a do accidente CC-BY-SA Praza Pública

As viaxes de formación dos condutores no AVE Ourense-Santiago realizáronse apenas tres semanas antes da inauguración, entre o 16 e o 19 de novembro de 2011

Durante aquelas probas os maquinistas non chegaron a circular polo punto da curva de Angrois no que despois ocorrería o accidente. As viaxes de formación dos condutores realizáronse apenas tres semanas antes da inauguración, entre o 16 e o 19 de novembro, e fixéronse só por unha das dúas vías paralelas da liña, a esquerda en sentido Santiago, mentres que o accidente ocorreu na dereita, que aínda non estaba rematada. As dúas vías tiñan sinalizacións e sistemas de seguridade distintos, ata o punto de que o accidente nunca tería ocorrido na vía esquerda.

Despois, aos poucos días da inauguración da liña, xa co PP á fronte de Fomento, un maquinista xefe daríase conta do risco que existía en Angrois na vía na que ocorreu o accidente, pero a súa advertencia aos seus superiores sería arquivada e o maquinista accidentado nunca recibiría formación adicional sobre aquela cuestión.

Nas probas dos Alvia entre Ourense e Santiago non se detectaron os erros que unha semana despois da súa posta en servizo en xuño 2012 levou a Renfe e Adif a desconectar o seu sistema de seguridade

Tamén foi aos poucos días doutra posta en servizo, a dos Alvia como o finalmente sinistrado, cando se desactivou a bordo, porque daba fallos, o sistema de control constante da velocidade (ERTMS) que puido evitar o accidente. A posta en servizo dos trens, medio ano despois da inauguración da liña, foi anunciada pola daquela ministra Ana Pastor o 9 de xuño de 2012, fixándoa para o día 17 dese mes, apenas unha semana despois. Pero só unha semana máis tarde, o 23 de xuño, Renfe pediu a Adif a súa desconexión porque daba uns fallos que non se detectaran durante a fase previa de probas, na que non se realizara o movemento concreto do tren no que despois apareceron os problemas. A operadora non foi quen de arranxar o erro no máis dun ano que pasou ata que ocorreu o accidente.

Anuncio da entrada en servizo dos Alvia híbridos en xuño de 2012 CC-BY-SA Praza Pública

Durante os últimos anos as vítimas do sinistro tamén revelaron actas internas de Adif nas que se sinala como desde abril de 2011, antes de fixarse a data da inauguración da liña, o departamento de Cortabitarte reclamaba a outras áreas a necesidade de contar cunha avaliación externa da seguridade no treito da curva de Angrois, pero o 26 setembro, coa data da inauguración xa fixada e a menos de tres meses dela, esa reclamación deixa de aparecer e acéptase a cambio un informe de seguridade elaborado pola propia empresa construtora.

Fomento autorizou a posta en servizo da liña de Angrois unha hora despois de que llo pedise Adif e o cargo que o fixo argumentou que xa a revisara antes dese formalismo pero non foi quen de detallar con que informes

Posteriormente, na comisión de investigación no Congreso, a deputada de En Marea Alexandra Fernández revelaría que Fomento autorizou a posta en servizo da liña un día antes da súa inauguración e apenas unha hora despois de que Adif lla pedise formalmente. O responsable desa autorización, Eduardo Santiago, subdirector de Coordinación de Seguridade Ferroviaria de Fomento, argumentou que esa foi a última validación formal dos documentos de seguridade do AVE Ourense-Santiago que el e os seus colaboradores xa levaban supervisando desde días antes, pero non foi quen de detallar que informes lle entregara Adif para certificar a seguridade da liña.

Petición de Adif e autorización de Fomento de posta en servizo do AVE Ourense-Santiago e cargo do ministerio que a supervisou CC-BY-SA Praza Pública

Malia os antecedentes de problemas de seguridade ocorridos unha vez que gobernos de PSOE ou PP xa puxeran data ás inauguracións ou da liña de Angrois ou dos Alvia, a Xunta reclama agora concreción na entrada en servizo do AVE cando aínda nin comezaron as probas de seguridade e malia que está a piques de rematar a construción física da liña, o que nas últimas dúas décadas provocou os sucesivos atrasos, eses si por decisións políticas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.