O presidente esgrime “un informe que nos trasladan os técnicos da consellería” pero preguntado pola ausencia na Xunta de funcionariado con experiencia ferroviaria remítese a incumprimentos previos
Co AVE entre Galicia e a Meseta xa na súa recta final, instalándose as vías e con trens xa circulando en probas no treito máis próximo a Zamora xa, existen dúbidas sobre o Goberno central socialista poderá cumprir co seu compromiso de respectar o prazo que dera o anterior executivo popular de que o ano próximo xa circule o AVE ata as proximidades de Ourense. Este xoves, ao tempo que a atención mediática estaba fixada na saída dos restos de Franco do Valle de los Caídos, o presidente Feijóo intentou atraer os focos galegos sobre el solemnizando as dúbidas sobre a alta velocidade e sentenciando que “ningún galego poderá utilizar o AVE en 2020 entre Galicia e Madrid nin o AVE Lugo-Madrid en 2021”, data esta última que nunca estivo comprometida xa que nunca se proxectou un AVE a Lugo.
A afirmación lanzouna Feijóo esgrimindo un “informe que nos trasladan os técnicos da consellería”. Porén, a Xunta carece de funcionariado especializado en materia ferroviaria, polo que preguntado por esa cuestión o presidente tivo que admitir que o informe centrouse en analizar a tramitación administrativa dos contratos das obras pendentes. Posteriormente fontes do Goberno galego confirmaron que a Xunta carece de técnicos especializados en ferrocarril pero defenderon que os seus enxeñeiros de Camiños, en xeral, están capacitados para avaliar se as obras do AVE van estar rematadas a tempo.
Un informe similar a este, lembrou o propio Feijóo, foi xa realizado pola Xunta mentres gobernaba o PP en funcións, a comezos de 2016, tamén para denunciar o atraso das obras. Feijóo presentou ese antecedente como exemplo da fiscalización do seu goberno sobre o Ministerio de Fomento goberne quen goberne. Porén, daquela a conclusión da Xunta foi que a demora debíase ao bloqueo da formación de Goberno por parte do PSOE, que se negaba a investir novamente a Mariano Rajoy.
En 2016, gobernando en funcións o PP, un informe similar atribuíu os atrasos ao bloqueo do PSOE á formación de Goberno, e en 2011 outro permitiu romper o Pacto do Obradoiro con José Blanco esgrimindo unha obra que despois deixou de ser tan importante
Pero xa houbo outro informe previo da Xunta sobre o ritmo das obras do AVE, o que en 2011 permitiu ao Goberno galego romper o o denominado Pacto do Obradoiro asinado co daquela ministro José Blanco argumentando que non podía cumprir os prazos. Aquel informe baseábase fundamentalmente no treito máis próximo a Ourense, desde a localidade de Taboadea, no que oito anos despois, seis deles con gobernos centrais do PP, aínda non se moveu nin unha pedra. Porén, mentres que durante os gobernos populares ese treito, de 17 quilómetros, deixou de ser fundamental, agora o PP volve empregalo como arma contra o PSOE.