O Goberno socialista non vetou o debate da transferencia da AP-9 a Galicia como viña facendo o PP pero tampouco é unha das súas prioridades. “Nós non temos unha posición de entrada contraria a iso”, dixo este mércores o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, tras manter en Santiago o seu primeiro encontro co presidente Feijóo. Pero a continuación indicou, como fixeron todos os gobernos anteriores, que a transferencia a Galicia podería abrir a porta a peticións similares doutras comunidades, polo que a súa postura final será fixada con “visión de Estado” e tras encargar unha “auditoría” da AP-9.
Ábalos salienta que o actual Goberno non ten “unha posición de entrada contraria” pero advirte de peticións similares doutras comunidades
“Facilitamos o debate no Congreso”, insistiu este mércores Ábalos como proba de boa vontade socialista fronte ao veto anterior dos populares, pero engadiu a continuación que a transferencia “é un elemento susceptible de ser replicado no conxunto do Estado”, polo que pediu tempo para definir a súa postura. Antes, dixo, a próxima semana convocará unha nova reunión da comisión de seguimento da autoestrada conxunta coa Xunta creada durante o anterior Goberno central, encontro que viña sendo reclamado polo Goberno galego. E encargará igualmente unha “auditoría da situación, desta autoestrada”. Ábalos si descartou que o Goberno vaia rescatar nin esa nin ningunha outra autoestrada antes do remate do su período concesional. “Non estamos en condicións de ir rescatando nada”, dixo, xa que “estamos falando duns desembolsos que son tremendamente onerosos para o Estado”. O gabinete do PP chegara a cifrar ese eventual custo en máis de 4.000 millóns de euros baseándose en cálculos erróneos.
Feijóo limitouse a valorar que a postura do ministro é “un clásico no Ministerio de Fomento” xa que “a ningún ministro lle gusta esta transferencia”
Tras esas verbas do ministro, a Feijóo preguntóuselle se ve agora a transferencia da AP-9 máis lonxe ou máis preto, algo que o presidente galego evitou responder. Feijóo limitouse a dicir que a postura do ministro é “un clásico no Ministerio de Fomento” xa que “a ningún ministro lle gusta esta transferencia”, que asegurou que a Xunta seguirá a reclamar goberne quen goberne. “O ministro non dixo que non á transferencia”, foi a frase coa que optou por quedar o presidente galego.
“O que está moi preto é que as obras do AVE finalicen en 2019”, dixo Feijóo en resposta á mesma pregunta, despois de que Ábalos ratificase os prazos de remate da conexión coa Meseta que fixara, na enésima reprogramación dos mesmos, o seu antecesor popular Íñigo de la Serna. A finais de 2019, insistiu o socialista, estarán rematadas as obras para que a continuación se poidan facer as probas de autorizacións de seguridade e os trens operen comercialmente en 2020, como viña sendo previsto. Ábalos tamén asegurou que Fomento conta con empregar na conexión entre Galicia e Madrid os novos trens Avril con maior capacidade e flexibilidade á hora de circular por distintos tipos de vías, pero que dependerá dos prazos de entrega dos convois dun contrato que deixou encarreirado o anterior Goberno.
Corredor Atlántico e promesas para Vigo
O ministro anuncia un plan para definir as melloras concretas a acometer na rede ferroviaria de mercadorías para obter financiamento europeo no marco da inclusión de Galicia no corredor atlántico
Unha cuestión que si quixo salientar Ábalos este mércores á marxe das reclamacións sobre a mesa da Xunta sobre o AVE e a AP-9 foi o interese do seu Goberno por potenciar o corredor atlántico de mercadorías ferroviarias unha vez que a UE aceptou incorporar a Galicia ao eixo previsto inicialmente entre Irún e Aveiro. Segundo Ábalos, Fomento está a elaborar un plan director das actuacións concretas de mellora da rede ferroviaria actual que habería que acometer para propoñelas ante a UE para obter financiamento concreto para acometelas a través dos fondos comunitarios reservados para o corredor atlántico.
Ábalos tamén foi recibido por Abel Caballero quen, malia non obter ningún anuncio ou prazo novidoso, amosou a súa "felicidade absoluta" polo que considerou o desbloqueo de todos os proxectos pendentes na cidade
A reunión de Ábalos con Feijóo produciuse na tarde deste mércores, despois de que pola mañá fose recibido polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. Nesa cidade Ábalos asegurou que o seu goberno impulsará a paralizada conexión de AVE desde Ourense por Cerdedo, pero anunciou novos estudos ao respecto dunha infraestrutura que leva dúas décadas en fase de análises previas. Malia non facer ningún anuncio novidoso nin poñer prazos, Caballero amosou a súa “felicidade absoluta” polo que considerou o desbloqueo de todos os proxectos pendentes na cidade.