"A próxima investidura, a túa". A frase pronunciouna Pedro Sánchez o pasado día 7 nos corredores do Congreso dos Deputados. Cando, minutos despois de ser investido presidente do Goberno de España, recibiu os parabéns do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. "A próxima é a túa", afirmou dándolle unha aperta.
É posible trazar unha liña entre a afirmación do reelixido presidente do Goberno de España e outra pronunciada hai algo máis de 15 anos polo anterior líder do PSOE que presidiu o Executivo central. O escenario fora o acto de proclamación de Emilio Pérez Touriño como candidato á presidencia da Xunta, o 10 de outubro de 2004 en Santiago.
É posible trazar unha liña entre a afirmación de Sánchez a Caballero e as verbas pronunciadas por Zapatero ante Touriño hai década e media: "Esta vez vai en serio"
Alí, un José Luis Rodríguez Zapatero que levaba apenas medio ano na presidencia do Goberno pronunciara unhas palabras que supuxeran todo un aviso a navegantes, pero tamén unha declaración de intencións. "Non temos inconveniente en facer autocrítica do pasado e en recoñecer que non sempre o PSOE de Galicia estivo á altura dos tempos. Pero esta vez vai en serio. E vai por todos", proclamara Zapatero.
"Esta vez vai en serio". Ou, dito doutro xeito, que o líder do PSdeG e ía ter o apoio de todo o aparello do PSOE para desbancar a Fraga. Nin cuestionamentos como os que el mesmo sufrira noutrora nin padecementos como os de Fernando González Laxe, que década e media antes non contara co apoio da cúpula para medirse a un Manuel Fraga ao que, disque, os de Felipe González preferían centrado en Galicia.
Como agora, os socialistas lanzábanse á carreira electoral galega practicamente reestreando o poder estatal e coa incógnita da data electoral galega. Tocaba en outubro de 2005 e Fraga sempre prefería chamar ás urnas no outono, pero finalmente o PP decidiu convocar para o 19 de xuño e no inicio da campaña Zapatero volveu reiterar as 'palabras máxicas' en resposta ao Faro de Vigo: "Hai que saír a gañar e os cidadáns galegos están esperando a un PSOE comprometido con Galicia como nunca. Esta vez vai en serio". Dúas semanas despois, o PSdeG lograba 25 escanos que, sumados aos 13 do BNG, compuñan a maioría absoluta do Parlamento. Ambas forzas superaban o PP en máis de 100.000 votos.
Exame galego á coalición de Sánchez e Iglesias
Naqueles tempos deuse por asumido que o primeiro exame electoral do inesperado Goberno de Zapatero ían ser, precisamente, as eleccións galegas, toda vez que os comicios vascos -celebrados apenas dous meses antes- respondían a unha dinámica dificilmente equiparable á estatal. Agora, década e media despois, esténdese a sensación de que o primeiro test nas urnas do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos que se dispón a botar a andar será, igualmente, Galicia.
Como daquela, esténdese a sensación de que o primeiro test nas urnas do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos será Galicia
A este paralelismo engádese outro máis. Naqueles meses da fin do fraguismo todas as forzas implicadas asumían que o cambio en Galicia pasaba polo pacto entre os de Touriño e o BNG, que na altura encabezaba Anxo Quintana. Desta volta, agás sorpresa maiúscula, un eventual cambio de signo político na Xunta tería, cando menos, tres patas. E para as tres houbo chiscadelas na sesión de investidura coa que botou a andar a segunda xeira de Sánchez no Palacio de La Moncloa.
No caso de Unidas Podemos -cuxa fórmula de concorrencia e alianzas con formacións como Anova aínda están por despexar-, os xestos de Sánchez derivan do seu propio acordo de coalición. Tamén do feito de que no Consello de Ministros vai sentar unha das representantes máis recoñecibles deste espazo político nos últimos anos en Galicia, Yolanda Díaz, que asumirá a carteira de Traballo, mentres en Galicia fraguan acordos que transcenden o local, como o recente pacto orzamentario na Coruña do PSdeG coa Marea Atlántica e o BNG.
No que atinxe ao Bloque, eses xestos derivan do acordo de investidura a cuxa sinatura a formación soberanista decidiu outorgar máxima importancia. A súa portavoz nacional e dende este sábado candidata á Xunta, Ana Pontón, desprazouse ao Congreso para rubricalo persoalmente xunto á voceira socialista, Adriana Lastra, que tamén este sábado compartiu escenario en Santiago con Gonzalo Caballero nun acto con innegables trazos de precampaña.
Sánchez, ao BNG: "Oxalá poidamos atoparnos na colaboración non só en España, senón en Galicia, e que se poida producir un cambio canto antes"
Xunto a Pontón nesa sinatura estaba o deputado do Bloque, Néstor Rego, a quen Sánchez se dirixiu durante o pleno de investidura tamén en clave galega. Tras pecharen un pacto "bo para España e para Galicia", o líder socialista expresou un desexo a Rego: "Oxalá poidamos atoparnos na colaboración non só en España, senón en Galicia, e que se poida producir un cambio canto antes", afirmou en referencia ao Goberno galego case quince anos despois de escribir por primeira vez ao respecto. Cando, como membro do equipo de asesores que a dirección do PSOE enviara á campaña galega que Zapatero decidira tomar "en serio", redactaba discursos augurando a chegada de Touriño á Presidencia, como así sucedera.
De alianzas fala implicitamente o propio Caballero dende hai meses nas súas apelacións á "maioría social progresista" que, reitera, as urnas galegas amosaron en todas as eleccións de 2019. "Os galegos queremos gobernos progresistas que fagan avanzar, non tripartitos de dereitas" como os que "aplaude" Feijóo, sinalaba o pasado venres. "Ese cinismo de Feijóo hai que varrelo electoralmente", proclamou.