Yolanda Díaz, ministra de Traballo nun goberno de Pedro Sánchez con catro vicepresidencias

Yolanda Díaz, con Pablo Iglesias e dirixentes sindicais, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Galicia en Común

Algo máis de sete anos despois da súa primeira incorporación ao Parlamento de Galicia como número dous de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición daquela formada por Anova, Esquerda Unida e Equo, a ferrolá Yolanda Díaz será a ministra de Traballo da primeira coalición que se porá á fronte do Goberno de España dende os tempos da II República. Así o confirmou este xoves o gabinete de Pedro Sánchez, que avanzou ademais a intención de que o Goberno de PSOE e Unidas Podemos conte con catro vicepresidencias, a liderada por Pablo Iglesias e tres máis a cargo de ministras socialistas.

Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida de 2005 a 2017, chegara ao Pazo do Hórreo procedente da política ferrolá, municipio onde chegou a exercer a Tenencia da Alcaldía en coalición co PSdeG de 2007 a 2008. Foi tamén fundamentalmente en Ferrolterra onde exercera maioritariamente o seu traballo como avogada laboralista. Como detalla Anxo Lugilde no seu libro De Beiras a Podemos (Praza Pública, 2014), naquela campaña galega de 2012 Díaz tivera como asesor a Pablo Iglesias. Apenas dous anos máis, o agora futuro vicepresidente fundaría Podemos.

Díaz, avogada de profesión, foi líder de EU, concelleira en Ferrol e deputada de AGE no Parlamento 

O novo partido foi coligado en dúas ocasións ás eleccións xerais (2015 e 2016) con EU e Anova baixo a marca En Marea. En ambas, Díaz foi elixida deputada como número dous da súa lista coruñesa. Tras a ruptura de En Marea, a vindeira ministra de Traballo recuncou como candidata ao Congreso nas dúas xerais de 2019, pero baixo as siglas de Galicia en Común -alianza de Podemos e EU- como cabeza de lista por Pontevedra e en ambas obtivo a acta. 

Díaz e Antón Gómez-Reino foron reelixidos como deputados de Galicia en Común nas eleccións do 10N CC-BY-SA En Marea

Durante ambos períodos formou parte do núcleo máis próximo a Iglesias no traballo parlamentario en eidos como as pensións ou a política industrial, ademais dos asuntos laborais que agora terá que abordar como ministra. Farao, non obstante, nun Ministerio que reformula a súa estrutura, toda vez que perde as competencias en materia de Seguridade Social.

A política laboral no acordo da coalición

O acordo asinado por PSOE e Unidas Podemos para gobernaren en coalición dedica un amplo capítulo á política laboral, que dende a constitución do novo Executivo corresponderá encabezar a Díaz. Así, por exemplo, ambas formacións afirman a súa intención de elaborar un novo Estatuto dos Traballadores nun marco no que fiquen "recuperados os dereitos laborais arrebatados pola reforma laboral de 2012", a do goberno de Mariano Rajoy.

Máis concretamente, o pacto rubricado por Sánchez e Iglesias contempla "derrogar a posibilidade de despedimento por absentismo causado por baixas por enfermidade", suprimir as "limitacións ao ámbito temporal do convenio colectivo" ou cancelar a "prioridade dos convenios de empresa sobre os convenios sectoriais". A suba do salario mínimo, limitacións contra os abusos dos contratos en prácticas ou "reforzar o control da contratación a tempo parcial" son outras das medidas que corresponderán a un Ministerio que, no eido das políticas activas de emprego, terá necesariamente que coordinarse coas comunidades autónomas.

Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, tras a reelección do líder do PSOE como presidente do Goberno de España © PSOE

Os outros ministerios de UP e as tres vicepresidentas

Irene Montero será ministra de Igualdade, Manuel Castells de Universidades e Alberto Garzón, de Consumo

A Secretaría de Estado de Comunicación ratificaba tamén este xoves o resto de ministerios que corresponderán a Unidas Podemos e os nomes das persoas que os dirixirán. Como avanzara a formación que dirixe Pablo Iglesias a algúns medios nos últimos días, o líder de Podemos será titular da Vicepresidencia de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Irene Montero ocuparase do Ministerio de Igualdade, que volve recuperar a condición de departamento independente que xa tivera de 2008 a 2010, con José Luis Rodríguez Zapatero. O sociólogo Manuel Castells será o responsable do Ministerio de Universidades e o líder de Izquierda Unida, Alberto Garzón, será ministro de Consumo.

Carmen Calvo mantense como vicepresidenta primeira; Calviño liderará unha Vicepresidencia Económica e Ribera, a de Transición Ecolóxica

"Nos próximos días iremos avanzando dende a Presidencia do Goberno a composición e filosofía do novo Executivo", sinalaba a mensaxe remitida aos medios dende La Moncloa, se ben pouco despois o gabinete de Pedro Sánchez xa fixo transcender algúns detalles máis. Entre eles, que a vicepresidencia primeira seguirá sendo o cargo de Carmen Calvo, baixo cuxo mando quedarán competencias como Memoria Histórica e laicidade, segundo confirmou eldiario.es. Ademais, ese posto outórgalle un peso político de especial importancia na coordinación interna do Executivo, competencias que adquiren desta volta maior relevancia ao tratarse dun goberno compartido entre dúas forzas políticas.

Este mesmo xoves o PSOE confirmaba, ademais, os nomes das súas outras dúas vicepresidentas: Nadia Calviño e Teresa Ribera. A coruñesa, ata agora ministra de Economía, asumirá a Vicepresidencia de Asuntos Económicos e Tranformación Dixital. A actual ministra para a Transición Ecolóxica ve elevado o rango do seu ministrio ao de Vicepresidencia, que suma ademais as competencias de Reto Demográfico. Horas despois, a Secretaría de Estado de Comunicación divulgaba unha nova confirmación: María Jesús Montero seguirá a dirixir o Ministerio de Facenda e, ademais, exercerá como voceira do goberno de coalición.

Pedro Sánchez preside un Consello de Ministros en outubro de 2018 © Goberno de España

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.