Desde o pasado 1 de xaneiro, xa non hai venda presencial de billetes nas estacións de tren de Redondela, O Carballiño, Guillarei, Sarria, Ribadavia e, no caso da antiga liña de Feve, nas de Ortigueira, Burela e Viveiro. Xa non había en moitas outras e, nalgunhas das do norte de Galicia, Renfe instalara xa unhas máquinas de autovenda que, en varios casos, lucían nos últimos días un cartel coa lenda "Fuera de servicio", ademais de non permitir o pagamento con tarxeta de crédito ou móbil. A alternativa ofrecida é a compra do billete xa dentro do ferrocarril, ese no que, habitualmente, entre Ferrol e o Ortegal non adoita pasar o revisor.
O acordo entre BNG e PSOE prevé a "modernización urxente" da "rede interior ferroviaria galega" e o dos socialistas con Galicia en Común aposta pola "conexión interterritorial"
O desleixo e abandono nesta liña que percorre o norte galego e une Ferrolterra con Xixón é facilmente demostrable en calquera percorrido e denunciado habitualmente polos alcaldes dos concellos polos que pasa ou pola Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo. É un dos tramos que figura no acordo de investidura asinado por BNG e PSOE para a súa "modernización" urxente e "con actuacións concretas ao longo da presente lexislatura" para evitar un desmantelamento que levou por diante milleiros de usuarios.
Non é o único. Tamén o que une A Coruña con Ferrol, A Coruña con Lugo, Vigo coa fronteira portuguesa ou o tramo Ourense-Lugo. En definitiva, a "rede interior ferroviaria galega" e a "conexión interterritorial" como obxectivo nun compromiso que, con menos concreción, tamén pactou o PSOE con Galicia en Común de cara a esta lexislatura que acaba de comezar. Xa que logo, o tren máis alá do AVE destino Madrid, protagonista eterno do debate político e mediático cando as obras están xa a piques de rematar e coa data de finalización só pendente das probas de seguridade.
Mentres o AVE ocupa o debate, chegar de Ferrol a Ribadeo en tren segue levando máis de tres horas, con sorte, nun dos catro únicos trens que diariamente saen de Ferrol cara á desembocadura do Eo. Con fortuna, xa que as avarías, atrasos e cancelacións seguen a ser habituais nunha liña, a que comunica o norte galego, que esmorece entre promesas de mellora e de tornala nun verdadeiro tren de proximidade que nunca chegan. Agárdanse agora as "actuacións concretas" que os socialistas asinaron co Bloque.
Tamén na obsoleta liña que une A Coruña con Lugo. Tal e como adiantou Praza.gal, nos 118,5 quilómetros de vías que unen as súas estacións, os trens non poden circular á mesma velocidade durante máis de dez quilómetros seguidos debido a unha ducia de limitacións impostas durante os últimos anos, polo mal estado das vías ou outras circunstancias sobrevidas. Son máis atrancos que se unen aos condicionantes do propio trazado e que quedaron patentes nun informe encargado polo Eixo Atlántico de cidades de Galicia e o Norte de Portugal sobre esta liña ferroviaria e a de Ferrol-Ribadeo, na que tamén se produce un problema similar.
Malia que o debate segue a centrarse no AVE, a lexislatura abre a porta a melloras en liñas obsoletas e con múltiples problemas como a que une A Coruña e Ferrol ou Ferrol e Ribadeo
A liña, outro dos obxectivos a "modernizar" nesta lexislatura, mantense infrautilizada, con escasas frecuencias, prezos elevados e un percorrido que leva un mínimo de hora e media. A situación é aínda peor no ferrocarril que une A Coruña e Ferrol, cuxas melloras son tamén prometidas agora e reclamadas desde hai tempo por administracións locais, partidos e colectivos como a Plataforma en Defensa do Tren A Coruña e As Mariñas.
É unha hora e vinte para cubrir uns 50 quilómetros que separan A Coruña de Ferrol nun percorrido que podería servir de tren de proximidade dunha grande área de poboación pero que continúa abandonado e con medidas, como a que evitaría que dese un rodeo por Betanzos que atrasa aínda máis a viaxe, adiadas a cada pouco. Desde o recorte de servizos que esta liña sufriu en 2013, o descenso no número de pasaxeiros é constante.
Alén disto, nos vindeiros catro anos está previsto tamén a mellora definitiva da liña que une o eixo atlántico galego con Portugal. O remate destes avances claves no tren Porto-Vigo, fundamentalmente a súa electrificación, están previstos para 2021. O Goberno luso anunciou hai unhas semanas que sería nos primeiros meses dese ano cando a Linha do Minho estaría preparada para que poidan circular trens eléctricos ata Galicia e xubilar de vez os vellos trens Celta.
Pola súa banda, no que atinxe á parte competencia do Ministerio de Fomento de España, na beira galega do Miño, as melloras tamén están en marcha e suman uns 30 millóns de euros. Ademais da electrificación, aplícanse tamén melloras de seguridade. Entre as actuacións, como informou Praza.gal, destaca a que implica dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens entre Tui e Valençae a súa substitución polo sistema automático de detección convois habitual na maioría da rede ferroviaria.
Adif ten en marcha desde hai meses diversas actuacións de mellora da obsoleta rede convencional longamente adiadas
Nos compromisos do PSOE no goberno progresista que será coñecido a vindeira semana inclúense tamén rematar a electrificación do tramo Ourense-Lugo, con tres contratos xa licitados co obxectivo de finalizar uns traballos necesarios para mellorar as prestacións deste ferrocarril. De feito, Adif leva tempo encargando variados proxectos parciais e de menores contía para a mellora de diversos elementos técnicos en boa parte da rede covnencional galega. Ademais, deu os primeiros pasos xa para que Galicia deixe de ter os trens de mercadorías máis curtos da Península.
Son, todos os tramos e liñas, parte dunha rede interior ferroviaria que leva anos estancada en Galicia, cun debate político que adoita escorarse cara ao eixo atlántico e o AVE a Madrid pero que esquece demasiadas veces as comunicacións internas nun territorio no que o despoboamento, sobre todo nas partes máis illadas, continúa.