Fomento estudará dous anos máis se pode evitar que o tren Ferrol-A Coruña dea un rodeo por Betanzos

Liña ferroviaria Betanzos-Ferrol cruzando a ría na primeira vila xunto á estación Betanzos-Cidade CC-BY-NC-SA POL-Xunta de Galicia

Un 'bypass' entre as liñas A Coruña-Lugo e Ferrol-Betanzos permitiría que nesa última localidade os convois non teñan que cambiar de sentido de circulación para completar as súas viaxes, solución xa analizada en polo menos seis informes oficiais desde 2003

Ademais de discorrer por un trazado antigo e cheo de curvas que demoran as súas viaxes, os trens entre Ferrol e A Coruña tardan arredor dunha hora e cuarto, o que fai que estean a perder usuarios, porque, entre outros obstáculos, en Betanzos teñen que dar marcha atrás. Alí as liñas A Coruña-Lugo e Ferrol-Betanzos únense en dirección a Lugo, pero non hai conexión directa entre Ferrol e A Coruña. Ese posible enlace, o denominado bypass de Betanzos, vai ser novamente estudado polo Ministerio de Fomento, para o que se dá outros dous anos de prazo tras admitir que desde principios de século conta xa con outros seis estudos oficiais nos que analizou esa solución.

O Ministerio de Fomento vén de publicar este 2 de xaneiro no Boletín Oficial del Estado (BOE) a licitación do concurso público para a redacción do estudo informativo do ramal de Betanzos cun orzamento máximo de 302.500 euros e un prazo máximo de elaboración de 24 meses. Nos pregos de condicións, Fomento sinala que para elaborar os novos traballos a empresa de enxeñaría que resulte adxudicataria deberá ter en conta outros estudos previos nos que xa se analizou a posibilidade dunha conexión directa para os movementos ferroviarios entre A Coruña e Ferrol sen ter que dar marcha atrás en Betanzos. 

Prego de condicións actual no que Fomento cita ata seis estudos previos para mellorar a conexión entre A Coruña e Ferrol CC-BY-SA Praza Pública

Aparcado o AVE A Coruña-Ferrol contemplado nas previsións orixinais do Eixo Atlántico, Fomento estuda melloras na vía actual para reducir os tempos de viaxe

En concreto, Fomento cita o estudo informativo A Coruña-Ferrol de 2003, o estudo informativo A Coruña-Betanzos de 2003, o estudo informativo do Eixo Atlántico no treito Uxes-Betanzos de 2006, o estudo informativo do Eixo Atlántico no treito Betanzos-Ferrol de 2012 e, en particular, o estudo informativo do Eixo Atlántico no treito A Coruña-Betanzos de 2006 e, baseado nel, un estudo de alternativas concretas para o ramal de Betanzos elaborado en 2016. Unha sucesión de estudos motivada pola desaparición de todas as planificacións públicas da inicialmente prevista extensión do Eixo Atlántico ferroviario de alta velocidade desde Ferrol ata a fronteira portuguesa pero do que finalmente só se executou o treito entre A Coruña e Vigo: a falta de AVE entre A Coruña e Ferrol, Fomento estuda outros xeitos de axilizar a circulación con modificacións máis baratas das liñas actuais. 

Alternativas estudadas en 2016 para o 'bypass' de Betanzos CC-BY-SA Praza Pública

No último estudo concreto das alternativas do ramal de Betanzos de 2016 xa se propuxeron e compararon tres alternativas concretas

No último estudo concreto das alternativas do ramal de Betanzos de 2016 xa se propuxeron e compararon tres alternativas concretas, que serán as que o novo estudo informativo agora licitado deberá tomar como base. A primeira desas alternativas, a considerada intermedia canto a aforro de distancia e tempo, contemplaba un túnel de 942 metros e un viaduto de 205 metros; a segunda alternativa, a que permitiría o percorrido máis directo, prevía un túnel de 1.052 metros e outro de 1.100 metros; e a terceira alternativa, a máis semellante á situación actual, contemplaba un viaduto de 750 metros.

Agora, cos prazos de licitación e elaboración, o novo estudo sobre esas mesmas posibles solucións para facer algo máis rápidas as viaxes entre A Coruña e Ferrol non estaría dispoñible ata 2021. A decisión de acometer ou non a obra sería aínda posterior. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.