Renfe suxire aos seus maquinistas bares de Betanzos nos que facer o seu descanso obrigatorio

CC-BY-SA Praza Pública

A empresa pública Renfe vén de remitir aos seus maquinistas da Coruña un comunicado no que lles suxire dous bares de Betanzos que poden empregar para o seu “refrixerio” durante os descansos que deban realizar nesa localidade. Eses descansos son obrigatorios tras un determinado número de horas conducindo e forman parte da xornada laboral dos maquinistas. No resto de estacións realízanse en espazos habilitados especialmente para tal fin ou, onde non os hai, nas cafeterías das estacións, pero na de Betanzos-Infesta non hai nin unha cousa nin a outra. Renfe proponlles que acudan a Casa Areal, a 200 metros da estación, ou Bar Estrada, a 270 metros, e mesmo lles facilita un plano coa súa situación. Varias fontes do sector consultadas encadran tanto a elaboración por Renfe do documento como a súa divulgación pública polos maquinistas no conflito laboral que teñen aberto empresa e condutores, con varias xornadas de folga durante este mes de xuño.

A inexistencia nesa pequena estación de espazos para o seu “refrixerio” leva a empresa a proporlles ir aos locais de hostalería máis próximos

Os descansos obrigatorios dos maquinistas, que forman parte da súa xornada laboral, están organizados cunha certa flexibilidade e adoitan cumprirse en estacións principais. A normativa interna di que eses descansos deben programarse con antelación en estacións abertas ao público, nas que haxa ou espazos específicos de descanso ou cando menos cafetería. Pero a de Betanzos-Infesta ten os seus vellos edificios pechados e funciona como un simple apeadeiro. Porén, non é un lugar calquera de paso da rede ferroviaria galega senón que é punto de enlace das liñas que chegan desde A Coruña, Ferrol e Lugo. Alí é habitual que trens que circulan entre dúas desas poboacións teñan paradas programadas de varios minutos para agardar por un segundo convoi que chega da terceira localidade e que os pasaxeiros transborden entre eles. Ese tempo de espera computa nalgúns casos como descanso do maquinista, pero coa estación pechada este non ten onde pasalo.

As fontes consultadas enmarcan a elaboración e divulgación do documento no conflito laboral entre empresa e maquinistas

En ausencia de conflitos internos, algúns maquinistas xa acudían por iniciativa propia aos bares próximos durante as paradas e descansos alí. Outros simplemente paseaban pola contorna. Pero na situación actual as posturas tensáronse. É nese contexto no que Renfe vén de remitir este martes aos seus maquinistas con base na Coruña o que denomina como “aviso” e que un voceiro da empresa cualifica de “suxerencia” que di non obrigar a nada. Os maquinistas, pola súa banda, consideran que é unha proba máis dos incumprimentos de Renfe das condicións de traballo pactadas.

O “aviso” inclúe un plano e fotos dos establecementos con indicacións dos días de apertura e peche de cada un

“Para o desfrute dos 45 minutos de refrixerio contemplados na clave 118 do gráfico vixente [o descanso obrigatorio asociado a unha serie de conducións duns trens concretos] infórmase que este realizarase na estación de Betanzos Infesta, para o cal dispón na súa contorna de 2 establecementos de restauración situados a unha distancia da estación de FF.CC. de 200 metros (Casa Areal) e 270 metros (Bar Estrada)”, di o documento. Xunto a ese texto inclúese un plano no que se sinaliza o camiño a seguir para chegar a ambos os dous locais, dúas fotos dos establecementos e mesmo unha indicación cos días de apertura ou peche de cada un.

Documento remitido por Renfe aos maquinistas da Coruña cos bares de Betanzos nos que poden descansar CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.