Co PP no Goberno central a Consellería de Infraestruturas presentaba a desaparición do 20% das estacións e o 10% dos trens de Galicia como un “axuste” por “eficiencia”, pero agora critica a medida como unha perda de servizos no rural
A Xunta vén de revelar que Renfe prevé suprimir a partir do 1 de xaneiro a venda presencial de billetes, obrigando así aos usuarios a mercalos a través de internet ou máquina,s en 8 estacións de tren galegas: Redondela, O Carballiño, Guillarei, Sarria, Ribadavia e, no caso da antiga liña de Feve, en Ortigueira, Burela e Viveiro. O Goberno galego anunciouno a través dunha nota de prensa na que indica que xa trasladou por carta á empresa pública que esa medida “supón ir contra os principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade aos cidadáns no rural, que deben primar sobre os meros obxectivos económicos”.
A postura da Xunta contrasta coa mantida polo Goberno galego hai seis anos, cando o Ministerio de Fomento, daquela dirixido pola popular Ana Pastor, autorizou a Renfe a suprimir 50 dos 485 servizos semanais que prestaba dentro de Galicia (o 10,3%) e pechar completamente 22 das 98 estacións nas que daquela aínda paraban trens (o 22,5%). O daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, xustificara a medida como un “axuste” ou “racionalización” de servizos motivada por unha busca da “eficiencia”. Un recorte cuxa repercusión social Renfe intentara minimizar falando directamente cos directores dos medios de comunicación galegos, como admitira o daquela presidente da empresa pública, o popular Julio Gómez-Pomar.
A Xunta pide "garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns”
Fronte ao perfil baixo que adoptara daquela, agora é a Xunta a que intenta dar proxección mediática ao novo recorte de servizos de Renfe e carga contra a supresión da venda presencial de billetes nesas oito estacións “co fin de garantir e preservar en igualdade de condicións a calidade dos servizos a todos os cidadáns”.
O Goberno galego tamén lembra que hai dous anos xa se intentara suprimir a atención presencial (daquela por parte de Adif, que se reparte ou comparte con Renfe a venda de billetes nunhas ou outras localidades) en varias das estacións. Daquela, di a Xunta, “se atendeu as xestións realizadas polo Goberno galego” e o servizo de venda presencial seguiu a prestarse, pero nalgún caso privatizado.