O pasado venres o Consello de Ministros decidiu manter o groso do recorte de servizos ferroviarios que impulsou en Galicia hai agora cinco anos. Que se ía producir aquel recorte sóubose varios meses antes, pero os usuarios non coñeceron que servizos concretos desaparecían ata o mesmo día en que deixou de circular cada tren. Malia as protestas xerais, o daquela presidente de Renfe e hoxe secretario de Estado de Infraestruturas, Julio Gómez-Pomar, negara a maior e asegurara que si se ofrecera información: “Tivemos dúas rondas informativas cos directores dos medios”, chegara a argumentar.
A estratexia de comunicación de Fomento e o PP ante aquel masivo recorte de servizos ferroviarios en toda España centrouse en argumentar que os servizos rexionais que desaparecían eran os máis insostibles economicamente, ao tempo que se esforzou en publicitar que aumentaban os trens de larga distancia ligados aos novos treitos do AVE. Porén, nin o ministerio, nin Renfe, nin Adif puxeron a disposición dos usuarios a información sobre os servizos que desaparecían ou cambiaban o seu horario, o que deixou pasaxeiros tirados por toda España.
Hai cinco anos o recorte de servizos de media distancia en toda España realizouse sen informar previamente aos usuarios, pero insistindo en que aumentaban os servizos de AVE e longa distancia
O recorte e reestruturación de servizos iniciouse na fin de semana do 2 e 3 de xuño para causar o menor número de problemas, pero sen que Renfe informase os usuarios previamente. O martes seguinte os seus traballadores seguían a contradicirse ao informar dos servizos á cidadanía e o xoves a súa páxina web aínda contiña erros. En plena polémica por esa situación, o venres seguinte, como adoitaba facer cando era ministra, Ana Pastor desprazouse a Santiago, onde asinou un convenio para impulsar os trens turísticos. Xunto a ela viaxou Gómez-Pomar, a quen malia os intentos dos seus acompañantes por evitalo os xornalistas acabaron preguntaron pola falta de información aos usuarios.
O presidente de Renfe negou a maior e asegurou que “en todo momento se deu información a todos os cidadáns”. E enumerou as súas actuacións informativas en Galicia: “Tivemos máis de cinco reunións coa Comunidade Autónoma, tivemos reunións con alcaldes, tivemos dúas rondas informativas cos directores de todos os medios rexionais aquí na Comunidade Autónoma, púxose información na páxina web, púxose información en todas as estacións que tiveron modificacións de horarios, os teléfonos de atención ao cidadán estiveron permanentemente abertos e a realidade é que foi un número mínimo de incidencias”.
As estacións presentaban os seus paneis informativos en branco, os datos da web bailaban de xeito constante ou non se correspondían coa realidade e nos teléfonos e postos de información os empregados non sabían que contestar
Pero varios puntos desa enumeración non eran certos. As estacións presentaban os seus paneis informativos en branco, os datos da web bailaban de xeito constante ou non se correspondían coa realidade e nos teléfonos e nos postos de información os empregados non sabían que contestar. E se naquelas reunións cos directores dos medios de comunicación Renfe trasladou información concreta sobre os servizos que desaparecían, esta non chegou a publicarse ata que efectivamente os trens rexionais deixaron de circular. A mensaxe que lanzaba mentres Fomento de xeito reiterado era a de que se incrementaban os servizos de AVE e longa distancia.