0 Gardados para despois

O Goberno mantén o recorte de servizos ferroviarios que aplicou en Galicia en 2013

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A finais de 2012 o Goberno central decretou a desaparición ao longo de 2013, especialmente a comezos do verán daquel ano, de numerosos servizos de tren convencionais de ámbito rexional no marco da definición das súas denominadas Obrigas de Servizo Público (OSP), isto é, as liñas que o Estado se obriga a manter operativas malia ser deficitarias. Cinco anos despois, o Consello de Ministros deste venres vén de revisar, como obriga a normativa, aquela decisión e, malia que noutras parte de España opta por ampliar os servizos ferroviarios, en Galicia manterase o groso do recorte aprobado daquela.

A “revisión” realizada polo Consello de ministros da decisión de hai cinco anos mellora a liña Vigo-Tui pero ratifica o resto de supresións que supuxeron o peche de 22 estacións

Segundo o Goberno, “a declaración aprobada hoxe consolida os servizos actuais de Cercanías, Media Distancia sobre rede convencional e sobre rede de Ancho Métrico [o antigo FEVE da costa norte de Galicia]”. O Executivo engade que a “revisión” aprobada este venres incorpora algunhas “ampliacións” do que se considera servizo público en varias liñas de Valencia e Andalucía e “anticipa tamén melloras do servizo prestado nas Cercanías de Asturias, Cantabria e Madrid como consecuencia dos estudos realizados”. No comunicado oficial do Goberno non se cita ningún cambio en Galicia, pero o propio ministro de Fomento, Ínigo de la Serna, verbalizou que si haberá un incremento de servizos na liña Vigo-Tui, a mesma que comunica co Porto, na que actualmente só operan dous trens ao día en cada sentido.

Galicia quedará así co groso do recorte acordado polo Goberno en 2012, que supuxo a desaparición de 50 dos 485 servizos semanais internos que prestaba Renfe en Galicia, o 10,3%, así como o peche de 22 estacións. Unhas cifras que se duplicarían se se ten en conta que aquel recorte maquillouse facendo que trens de longa distancia sen paradas intermedias nas vilas existentes entre as cidades substituísen a parte dos rexionais desaparecidos que si paraban nesas poboacións de menor tamaño, que pasaron a quedar sen servizo. Aquel recorte foi avalado polo PP galego, que o considerou "lóxico" e "responsable".

A Coordinadora en Defensa do Ferrocarril Público di que as súas mobilizacións impediron novos recortes

Ante a proximidade da “revisión” aprobada este venres polo Consello de Ministros, asociacións de toda España crearon a denominada Coordinadora Estatal en Defensa do Ferrocarril Público, Social e Sostible. Entre a vintena de colectivos que a forman está a Plataforma pola Defensa do Tren da Coruña e As Mariñas, ademais doutras entidades con implantación en Galicia como Ecoloxistas en Acción, Equo, Esquerda Unida, Podemos, CGT ou o Sindicato Ferroviario. Nas últimas semanas desenvolveron unha intensa campaña en defensa do ferrocarril convencional, tanto con viaxes en tren de protesta nas que recibiron o apoio de diversos partidos e institucións, como con reunións en Bruxelas. Esas mobilizacións, din desde a coordinadora, conseguiron que non houbese máis recortes e que nalgúns lugares se melloren os servizos.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.