Renfe achega Galicia a Madrid e afástaa de si mesma

Trens de ADIF no viaduto do Ulla CC-BY-NC-ND Ministerio de Fomento

A Delegación do Goberno central en Galicia remitíalles, no serán do pasado venres, un comunicado aos medios de comunicación baixo o título Nuevos servicios Renfe a partir de este domingo. Ao longo de catro páxinas o organismo gobernamental ofrece detalles do que cualifica como "incremento e mellora" da "oferta de trens en Galicia". Refírese, deste xeito, á importante reestruturación de liñas que a compañía pública se dispón a emprender no presente mes de xuño e que, esencialmente, consiste en mellorar as conexións con Madrid mentres, ao tempo, se eliminan frecuencias e paradas no interior do país, con especial incidencia en pequenas vilas.

Renfe achega Galicia á capital do Estado e afástaa de si mesma a través dunha operación da que o Ministerio de Fomento aínda non ofreceu todos os detalles pero que, segundo avanzou no Parlamento o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, vai levar por diante 72 conexións ferroviarias. É un "axuste", unha "racionalización", en verbas de Hernández, que se vai "centrar" nas liñas que van da Coruña a Ferrol, da Coruña a Lugo e Monforte, de Santiago a Ourense, de Vigo a Ourense e Monforte e de Ourense a Puebla de Sanabria -esta última desaparece por completo-.

A Xunta xa confirmou a supresión de 72 conexións ferroviarias interiores mentres medran as frecuencias coa capital do Estado

Pero mentres aínda se descoñece cales son exactamente as conexións que desaparecen e as estacións que fican sen trens nin pasaxeiros, o gabinete de Mariano Rajoy opta por amosar un vaso medio cheo. Renfe "estreará un servizo Alvia diario en ambos sentidos entre Lugo e Ferrol con Madrid". "Ademais -continúa o comunicado oficial- crearase unha segunda frecuencia diurna dende A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo coa capital de España".

Concretamente, a reorganización de liñas implicará que os trens híbridos que xa circulaban polo eixo atlántico cheguen a Lugo -o Goberno cualifícaos como "alta velocidade"- nunha conexión diurna que reduce "máis de dúas horas" a viaxe, que antes era de máis de oito horas e agora queda en seis horas e corenta minutos. As 10 horas e 50 minutos que antes levaba o percorrido Ferrol-Madrid queda en sete horas e media. Dentro de Galicia este tren parará en estaciósn como Ourense, Monforte, Guitiriz, ou Teixeiro, entre outras. 

Na mesma comunicación Fomento aproveita para avanzar unha das vías coas que, parcialmente, paliará a supresión de frecuencias interiores. "En traxectos intermedios Renfe porá á venda unha parte da oferta destes trens con tarifa de media distancia para atender a demanda destes percorridos", sinala, para, acto seguido, volver centrarse nos percorridos con destino Madrid, neste caso na "nova frecuencia matinal con Vigo e A Coruña". Segundo o organismo público todas estas modificacións "garanten en todo momento o dereito á mobilidade dos cidadańs e desenvólvense seguindo oxectivos de eficiencia social, medioambiental e económica".

 

Estación ferroviaria de Santiago © Adif

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.