A previsión doutro recorte ao tren convencional une os seus defensores en todo o Estado, entre eles galegos

Tren chegando á vella estación convencional de Padrón CC-BY-SA Praza Pública

En 2012 o Goberno central decretou a desaparición de numerosos servizos de tren convencionais de ámbito rexional no marco da definición das súas denominadas Obrigas de Servizo Público (OSP), isto é, as liñas que o Estado se obrigaba a manter malia ser deficitarias. A aplicación desa medida a mediados de 2013, sen que Renfe informase previamente aos usuarios dos trens afectados, supuxo a desaparición de 50 dos 485 servizos semanais internos que prestaba a operadora en Galicia, o 10,3%, así como o peche de 22 estacións. Unhas cifras que se duplicarían se se ten en conta que o recorte maquillouse facendo que trens de longa distancia sen paradas intermedias substituísen a parte dos rexionais desaparecidos. O Ministerio de Fomento xa anunciou que prepara unha revisión desas Obrigas de Servizo Público, o que para os defensores do tren convencional supón unha ameaza de novos recortes á que queren enfrontarse con unidade.

Nace a Coordinadora Estatal en Defensa do Ferrocarril Público, Social e Sostible, na que participan entre outros a  Plataforma pola defensa do Tren A Coruña e As Mariñas, Ecologistas en Acción, Equo, Esquerda Unida, Podemos, CGT ou Sindicato Ferroviario

A denominada Coordinadora Estatal en Defensa do Ferrocarril Público, Social e Sostible vén de presentarse en sociedade este luns en Madrid agrupando unha vintena de colectivos que traballan en toda España, entre eles a Plataforma pola Defensa do Tren da Coruña e As Mariñas, ademais doutras entidades con implantación en Galicia. O obxectivo é reclamar de xeito coordinado “a mellora dunha rede ferroviaria de calidade en contraposición ao modelo AVE que se impuxo nos últimos 20 anos”.

A Coordinadora estatal estréase cunha Semana de Loita polo Ferrocarril, unha serie de mobilizacións, actos ou conferencias que de xeito coordinado realizarán ao longo dos próximos días as entidades asociadas e que mesmo as levarán a trasladar as súas reivindicacións a Bruxelas a principios de decembro, para reclamar que a rede ferroviaria básica española estea contemplada na definición da rede ferroviaria europea que se prevé para 2023.

Este mércores a Plataforma da Coruña e As Marñias celebrará un debate aberto sobre o ferrocarril ás 20.00 horas no edificio multiusos do Burgo, en Culleredo, precedido dunha viaxe reivindicativa previa en tren

No caso galego, este mércores a Plataforma da Coruña e As Marñias celebrará un debate aberto sobre o ferrocarril ás 20.00 horas no edificio multiusos do Burgo, en Culleredo, precedido dunha viaxe reivindicativa previa en tren que sairá da estación coruñesa de San Cristóbal ás 19.30, con volta tamén en tren ao remate do acto no Burgo.

Xunto coa Plataforma da Coruña e As Mariñas, a Coordinadora estatal está integrada, en orde alfabética, por Ecologistas en Acción, Equo, Esquerda Unida, Movimiento por el tren Ruta de la Plata, Plataforma Andalucía por el Tren, Plataforma Cantabria por lo Público Sin Recortes y Mesas de Movilidad de Cantabria, Plataforma Castilla La Mancha por el Tren, Plataforma en Defensa del Ferrocarril de Palencia, Plataforma per la Defensa d'un Ferrocarril Públic de Qualitat, Plataforma Salmantina en Defensa del Ferrocarril, Plataforma por el Ferrocarril del País Leonés, Podemos, CGT, Sindicato Ferroviario e SOS Tren Asturias, ademais de diversos traballadores ferroviarios e técnicos expertos en mobilidade.

“O obxectivo é, por un lado, denunciar e frear os recortes nos servizos ferroviarios e o peche de liñas previstas a finais e ano polo Ministerio de Fomento e por outro propor a mellora dunha rede ferroviaria de calidade que protexa e potencie o tren de Cercanías e o tren Rexional"

Desde a Coordinadora estatal salientan que o obxectivo é “por un lado, denunciar e frear os recortes nos servizos ferroviarios e o peche de liñas previstas a finais e ano polo Ministerio de Fomento” e por outro “propor a mellora dunha rede ferroviaria de calidade que protexa e potencie o tren de Cercanías e o tren Rexional, un modelo máis asequible, maioritario e socialmente rendible, que pode conectar nunha mesma rede tanto a cidades grandes como pequenas, ás comarcas e ao mundo rural”.

Mapa que amosa os servizos suspendidos e as paradas afectadas por peches ou redución de servizos en 2013 © CC.OO.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.