A alerta lanzouna o sindicato CGT a finais do pasado decembro. A empresa pública Adif, responsable das infraestruturas ferroviarias, estaba a ultimar o traspaso do servizo de venda de billetes e información ao público a Renfe-Viajeros e con el, do seu persoal. No caso galego o proceso avanzaba con normalidade nas sete cidades e mais en Vilagarcía, con 82 persoas, pero estaban a ficar fóra dos cálculos as sete estacións nas que a venda de títulos de viaxe é realizada por persoal do departamento de circulación, e non do comercial. Aquela primeira alerta derivou en mobilizacións sociais e políticas nas localidades afectadas e nun rexeitamento unánime no Parlamento que veñen de lograr unha rectificación por parte do administrador das infraestruturas ferroviarias.
Adif recúa e vén de escenificalo a través de senllas cartas remitidas á Consellería de Infraestruturas e mais aos concellos afectados. O propio presidente da empresa pública, Juan Bravo, asina unha misiva na que confirma que a compañía seguirá a vender billetes no Barco de Valdeorras, Redondela, Sarria, O Carballiño, A Rúa, Guillarei e Ribadavia, que segundo cálculos do propio persoal xeran ingresos por este concepto duns 60.000 euros ao mes e acollen o tránsito dunhas 200.000 persoas que soben e baixan dos trens de Renfe.
Segundo o alto cargo do Ministerio de Fomento a controversia xerada nas últimas semanas non respondeu a unha decisión firme de suspender o servizo nestas estacións, senón á "falta de información clara e en tempo" que xerou unha "situación de desorientación" derivada de "comunicación internas poucos coordinadas" e "desaxustes consecuencia dos cambios que se están producindo estas semanas na nosa organización", en referencia ao transvase de persoal a Renfe. É por isto polo que Bravo pide "desculpas".
Adif atribúe a controversia á "falta de información" e non ao rexeitamento de sindicatos, concellos e da unanimidade do Parlamento galego
Neste sentido, a Xunta subliña que Adif "confirma" que "nin se plantexou nunca o peche destas estacións nin se deixaron de ofrecer servizos en ningún momento". Ao contrario, agrega, o "desconcerto que se xerou" puido "ser froito dos proxectos que se están a impulsar para mellorar o funcionamento das liñas ferroviarias coa fin de acdar un transporte seguro, eficiente e sostible". "Este proceso de modernización", di Infraestruturas que transmitiu Adif, "suporá a instalación, no futuro, de servizos complementarios como máquinas de autovenda", pero isto non "implicará perda dos servizos que os veciños veñen recibindo".
A Xunta dá por confirmado que "todas" estas estacións "permanecerán abertas e mantendo os servizos de venda de billetes"
Así as cousas, o Goberno dá por confirmado que "todas" estas estacións "permanecerán abertas e mantendo os servizos de venda de billetes", como pediron os concellos e mais o persoal afectado e mais a Cámara galega nunha reestruturación que chega en pleno debate sobre os novos e aínda incertos prazos de remate da liña de alta velocidade entre Galicia e Madrid. O temor á perda de servizos reactivou, ademais, reivindicacións a prol do ferrocarril de proximidade e de traballos pendentes como a modernización da conexión co norte portugués, pola que entidades como o Eixo Atlántico de cidades de Galicia e Portugal veñen apostando.