Portugal confirma o remate da mellora do tren Porto-Vigo para "os primeiros meses de 2021"

O tren 'Celta' que une Vigo co Porto, na estación de Guixar CC-BY-NC-SA Praza Pública

De Vigo ao Porto nun tren eléctrico que xubile de vez os vellos Celta. É o escenario no que traballa o Goberno de Portugal, que en resposta ao Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular -a organización que agrupa concellos galegos e do norte portugués- vén de ratificar os "primeiros meses de 2021" como horizonte para o remate definitivo da mellora desta liña ferroviaria, que ten como parte fundamental a súa electrificación.

En resposta ao Eixo Atlántico, Infraestruturas de Portugal nega anulación de obra ningunha e asegura que a Linha do Minho estará preparada para que en 2021 xa poidan circular trens eléctricos ata Galicia

Ante as "noticias aparecidas en medios portugueses sobre atrasos e anulación de obras na Linha do Minho", a entidade que agrupa gobernos locais de ambas beiras da raia dirixiuse a través do seu secretario xeral ao presidente de Infraestruturas de Portugal, António Laranjo, para aclarar o estado das obras. Laranjo respondeu por escrito hai poucos días subliñando que a "modernização da Linha do Minho será uma realidade" e que, unha vez asumida a demora xa coñecida -2019 fora o ano de referencia, inicialmente-, nada impedirá o remate para 2021.

"Todos os investimentos previstos para a Modernização Linha do Minho entre Nine e Valença/Fronteira serão concretizados", di o comunicado, en referencia aos traballos pendentes fundamentalmente de Viana do Castelo á ponte internacional sobre o Miño. Non existe "qualquer anulação ou alteração de objeto de contrato" das obras, subliña a empresa pública portuguesa, que lembra que dende o pasado xullo xa está en servizo "a circulação ferroviária com tração elétrica no troço entre Nine e Viana do Castelo".

Trens eléctricos como o Alfa Pendular -na imaxe, na estación portuense de Campanhã- poderán chegar a Galicia co remate destas obras CC-BY-NC-SA Praza Pública

No que atinxe aos traballos actualmente en curso, Infraestruturas de Portugal aclara ao Eixo que non prevé novas demoras. Así, na "eletrificação e execução de novas estações técnicas (com comprimento de 750 metros, para comboios de mercadorias) no troço Viana do Castelo-Valença tiveram inicio em 30 de julho de 2018" e o seu remaeto está previsto para "o cuarto trimestre de 2020". Neste tempo, aclara, desenvolveranse "ensaios finais para a para emissão da certificação de interoperabilidade e entrada ao serviço".

"Início da circulação ferroviária em modo elétrico será possível nos primeiros meses de 2021", asegura a resposta á entidade que agrupa concellos galegos e portugueses

No referido, especificamente, ao "início da circulação ferroviária em modo elétrico", Infraestruturas de Portugal asegura que "será possível nos primeiros meses de 2021" momento no que só dependerá "dos operadores ferroviarios", isto é, das empresas públicas Comboios de Portugal e Renfe. Tamén da privada Arriva, que ten en marcha os trámites para o seu servizo de tren privado e que, en última instancia, desexa unir con tren eléctrico A Coruña con Lisboa.

Na súa resposta o Eixo Atlántico, Infraestruturas de Portugal explica tamén que ten actualmente en marcha os os trabalhos de implementação de sinalização eletrónica no troço Nine- Viana do Castelo- Valença/Fronteira, cuja colocação ao serviço se prevê que ocorra no 1º trimestre de 2021". Ficará para máis adiante outra parte dos traballos de modernización, a supresión de pasos a nivel, que estarán en marcha ata finais de 2023, segundo a mesma resposta ao Eixo.

O primeiro ministro portugués, António Costa, na inauguración da electrificación da liña entre Porto e Viana do Castelo o pasado 15 de xullo © Cámara Municipal de Viana do Castelo

No que atinxe á parte competencia do Ministerio de Fomento de España, na beira galega do Miño, as melloras tamén están en marcha e suman uns 30 millóns de euros. Ademais da electrificación, aplícanse tamén melloras de seguridade. Entre as actuacións, como informou Praza.gal, destaca a que implica dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens entre Tui e Valença e a súa substitución polo sistema automático de detección convois habitual na maioría da rede ferroviaria. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.