Competencia autoriza o tren A Coruña-Porto que quere lanzar Arriva e rexeita os obstáculos que puña Renfe

Exemplo de horario proposto por Arriva/Deutsche Bahn para a nova liña A Coruña-Porto CC-BY-SA Praza Pública

Tras a luz verde do regulador, agora a empresa privada ten que solicitar a Adif as franxas horarias

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de autorizar á empresa de transportes Arriva, filial da alemá Deutsche Bahn e con importante presenza no sector dos autobuses no norte de Galicia, a operar un servizo de tren A Coruña-Porto. A firma privada comezaría así a competir coa pública Renfe, que puxera obstáculos para esta autorización argumentando que podería afectar ás súas contas. Competencia rexéitao e considera que a incidencia do novo servizo privado será “moi inferior ao 1%” dos resultados que obtén a empresa pública entre A Coruña e Porto.

Segundo a información inicialmente trasladada no seu momento pola propia Arriva a Competencia, o seu novo servizo internacional contaría con catro viaxes diarias en cada sentido que tardarían dúas horas e 48 minutos da Coruña a Porto e que se beneficiaría das melloras da liña actual que xa están en marcha en Portugal. A súa proposta melloraría notablemente o servizo internacional actual que presta Renfe entre Vigo e Porto, con só dúas viaxes diarias en cada sentido.

Proposta de Arriva/Deutsche Bahn para a liña A Coruña-Porto CC-BY-SA Praza Pública

Cando hai un ano Arriva iniciou o proceso para lograr os permisos anunciara a súa intención de comezar a operar o 17 de xullo deste ano, pero desde aquela obstáculos administrativos demoraron o proxecto

Cando Arriva iniciara hai agora un ano, en maio do pasado ano, o proceso para lograr os permisos para o novo servizo ferroviario anunciara a súa intención de comezar a operalo o 17 de xullo deste ano, pero desde aquela diversos obstáculos administrativos demoraron o proxecto. O principal, a petición de Renfe de que Competencia establecese uns criterios para determinar cando se pode prohibir a entrada dun novo operador privado por afectar demasiado aos resultados económicos da empresa pública, obrigada a prestar un mínimo de servizos públicos. 

Competencia estableceu en outubro que ese límite debía ser se os ingresos de Renfe caen máis dun 1% ou 2%, segundo varios criterios, e iniciou a análise dos argumentos en favor dos propios postulados que lle ofreceron as dúas empresas. Agora resolve que a incidencia do novo servizo de Arriva sobre o de Renfe sería “moi inferior ao 1%” e autorízao, deixando aberta a posibilidade dunha nova avaliación da incidencia unha vez que comece a funcionar.

Competencia salienta que co novo servizo de tren o novo tren “aumentarán as frecuencias e facilitarase a creación de ofertas intermodais"

Competencia defende que co novo servizo de tren “aumentarán as frecuencias e facilitarase a creación de ofertas intermodais, que complementarán o servizo ferroviario” coa rede local e interurbana de autobuses de Arriva. O regulador deixa agora os seguintes pasos en mans de Arriva, que “poderá solicitar capacidade na rede ferroviaria de Adif, sempre que dispoña dos certificados de seguridade e de material rodante homologado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.