No marco da mellora da conexión con Portugal, Adif instalará tamén nese treito o sistema automático de detección de trens habitual na maioría da rede ferroviaria pero que tampouco existe aínda no Feve entre Ferrol e Asturias
Como segue ocorrendo en toda a antiga liña de Feve entre Ferrol e Asturias, o sistema de seguridade para evitar o choque de dous trens existente ata agora na liña entre Tui e Valença do Minho era o teléfono. Agora, no marco da mellora xeral da conexión con Portugal que está a acometer Adif, a empresa pública mudará ese sistema por outro electrónico que detecta de xeito automático se xa hai un tren circulando entre as dúas estacións e impide que outro poida facer o mesmo, reducindo así o risco de erro humano existente co sistema telefónico.
O denominado Bloqueo Telefónico consiste en que os responsables de circulación de dúas estacións contiguas se informan a través dese sistema de se hai algún tren xa circulando entre elas, para evitar que así outro poida entrar no mesmo treito da liña, denominado cantón, e colidir co primeiro. Ese sistema hai anos que xa non está presente na inmensa maioría da rede ferroviaria estatal, substituído por outros electrónicos que detectan de xeito automático se xa hai algún tren circulando entre dúas estacións determinada e impide que ningún outro poida entrar nese treito. Pero o Bloqueo Telefónico segue a ser ata agora o sistema de seguridade para evitar choques entre trens existente tanto entre Tui e Valença como entre Ferrol e a localidade asturiana de Cudillero.
As melloras de Adif no treito galego da liña a Portugal, das que xa licitou diversos contratos relacionados coa súa electrificación, da que tamén carecía, acométense ao tempo que xa está en marcha a modernización entre Valença e Porto
Este venres o Consello de Ministros vén de autorizar a Adif a contratar diversas melloras xa anunciadas para a liña entre Vigo e Portugal, e entre elas informa de que “se substituirá o actual bloqueo telefónico entre as estacións de Tui e Valença do Minho (Portugal) por un bloqueo BAU (Bloqueo Automático en Vía única) centralizado con contadores de eixos”, isto é, un sistema automático que detecta non só a presenza dun tren no treito en cuestión senón tamén o momento en que todos os seus vagóns abandonan por completo ese treito para así permitir que poida circular por el outro convoi
As melloras de Adif no treito galego da liña cara a Portugal, das que xa licitou diversos contratos relacionados coa súa electrificación, da que tamén carecía, acométense ao tempo que Portugal ten xa en marcha a modernización da súa liña entre Valença e Porto. Esas actuacións lusas contemplan tamén a construción en Valença dunha terminal de mercadorías ferroviarias con capacidade para trens de mercadorías máis longos que os que poden circular por toda a rede ferroviaria galega, o que está a facer que Adif impulse tamén diversas melloras na rede galega. Unha empresa privada xa amosou o seu interese en aproveitar as melloras en marcha para implantar un novo servizo de pasaxeiros entre Galicia e Porto, mentres segue paralizado o proxecto de construír unha saída sur directa da cidade de Vigo que axilizaría aínda máis as circulacións. Os investimentos que Adif prevé realizar nos próximos anos nas vías actuais poñen en dúbida para diversas fontes consultadas que esa nova saída sur poida pasar en breve do papel á realidade.