A Comisión Europea confirma a construción no norte de Portugal de catro estacións técnicas que permitirán a Valença recibir trens de mercadorías máis longos que os que caben en todas as vías galegas
A Comisión Europea confirmou este xoves que o Fondo de Cohesión destinará outros 68 millóns de euros, ata un total de 125, para mellorar o treito portugués da liña ferroviaria Porto-Vigo. O executivo comunitario salienta que a actuación será especialmente importante para o transporte de mercadorías e confirma que Portugal construirá ao longo da liña catro estacións técnicas, que permitirán que cheguen ata Valença ou poidan montarse nesa vila trens con lonxitudes superiores aos que caben en calquera liña ferroviaria galega.
Dentro do acordo entre Madrid e Lisboa para a mellora progresiva da liña Vigo-Porto, o pasado 15 de xullo Portugal inaugurou as melloras dun primeiro treito duns 44 quilómetros entre Nine, ao norte do Porto, a onde xa chegaba a electrificación da liña, e Viana do Castelo. Esas mesmas obras aínda se están a acometer nos 48 quilómetros que separan Viana e a ponte internacional sobre o Miño en Valença, na que xa se poden ver os postes para a colocación da catenaria, o cable que transmite a electricidade aos trens.
A propia Comisión Europea salienta que os 68 millóns da segunda fase de fondos europeos non só irán destinados á mellora da electrificación e os sistemas de seguridade senón que inclúen “a construción de catro estacións en Midões, Barroselas, Carreço e Carvalha para permitir o cruzamento de trens de mercadorías máis grandes”. Esas estacións, segundo a planificación portuguesa, permitirán a circulación de trens de ata 750 metros de lonxitude, cifra moi superior aos 550 metros que de xeito extraordinario poden acadar os trens na liña Ourense-Zamora ou os 540 da Monforte-Ponferrada, o que suporá unha mellora competitiva para o norte de Portugal.
Segundo Bruxelas, o prazo máximo para que as obras financiadas con fondos comunitarios estean rematadas é 2021, prazo que Lisboa prevé adiantar malia que os traballos acumulan certo atraso.
Na beira galega do Miño Adif tamén vén impulsando diversas actuacións de mellora das vías entre Vigo e a ponte internacional sobre o río que suman máis de 30 millóns de euros.
Na beira galega do Miño Adif tamén vén impulsando diversas actuacións de mellora das vías entre Vigo e a ponte internacional sobre o río que suman máis de 30 millóns de euros. Este mesmo venres Adif informou da licitación de obras de renovación do balasto da plataforma da vía nos 25 quilómetros que separan Redondela de Guillarei, onde a liña procedente de Vigo se bifurca cara a Portugal ou cara a Ourense, por 1,6 millóns de euros. No mesmo treito tamén licitou hai un mes outro tipo de obras de nivelado da plataforma por 7,3 millóns cun prazo de execución de 10 meses. Un mes antes xa adxudicara os traballos de electrificación dos 5 quilómetros entre Guillarei e a ponte internacional por 1,8 millóns e un prazo de 6 meses. E previamente tamén encargara por 4,6 millóns a mellora da potencia de varias subestacións eléctricas para poder abastecer o aumento da demanda nese treito.
Entre as melloras de seguridade desaparecerá o teléfono como medida para evitar choques de trens entre Tui e Valença, sustituído por un sistema automático
Tamén está en fase de adxudicación a mellora dos sistemas de seguridade e o seu mantemento durante catro anos do mesmo treito entre Guillarei e a ponte internacional por 18,1 millóns. Unha actuación esta que suporá, entre outras melloras, dicir adeus ao teléfono como medida de seguridade para evitar choques de trens entre Tui e Valença e a súa substitución polo sistema automático de detección convois habitual na maioría da rede ferroviaria.
As obras na liña Vigo-Porto son agardadas pola empresa Arriva para mellorar as prestacións do servizo de tren privado transfronteirizo que quere implantar entre A Coruña e a cidade portuguesa, para o que xa conta con autorización da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia e agora debe obter os permisos ferroviarios. Ao tempo, administracións, partidos e empresarios das dúas beiras do Miño veñen reclamando a Madrid que avance coa planificación da denominada saída sur de Vigo, un túnel que facilite unha conexión directa entre a cidade e Portugal sen que os trens teñan que dar un rodeo por Redondela, ao norte.