A conexión ferroviaria da costa norte de Galicia, entre Ferrol e Ribadeo, hai anos que esmorece, con cada vez máis frecuentes supresións de servizos ou a súa substitución por transporte en autobús ou taxi. A situación agravouse especialmente nas últimas semanas, ao estar unicamente dispoñible unha das nove máquinas destinadas a esta liña, atopándose avariadas o resto. A Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo deu a voz de alarma nos últimos días, instando a concellos e entidades sociais a mobilizarse en demanda do mantemento e mellora dunha "infraestrutura vital" e un "servizo esencial" por ser "a única oferta de transporte público de Ferrolterra, Ortegal e a Mariña Lucense", destacan, lembrando que Arriva vén de renunciar á liña de transporte por estrada entre Ferrol e Ribadeo.
"Ou nos movemos polo tren, ou vai desaparecer", salientan en conversa con Praza. Os concellos polos que pasa a liña suman máis de 200 mil habitantes. A Plataforma demanda un reforzo do servizo en toda a liña, pero sobre todo entre Ferrol e Viveiro e entre Viveiro e Ribadeo, camiñando cara á conformación dun auténtico tren de proximidade nestas comarcas "Non estamos falando de duplicar a vía, nin de cambiar os trens nin de incorporar novo material. Co que xa hai pódese facer moito máis. Coa vía única e as máquinas de tracción diésel, con 8 automotores (en Ferrol hai 9 agora mesmo) cubriríamos a proposta que facemos".
Problemas de material, de persoal e de deseño
Os concellos polos que pasa a liña suman máis de 200 mil habitantes
"A supresión de viaxes das últimas semanas fixo que o tema saltase á palestra. Pero os problema veñen de moitos anos atrás, xa se viñan dando nos últimos tempos de FEVE e coa integración en RENFE en 2013 incrementáronse", denuncian. "Hai problemas co material rodante. Hai unidades que chegan aos 35 anos de antigüidade e van xa pola súa terceira reforma. Foron aguantando durante anos, pero agora non se lles está facendo mantemento ningún e avaríanse continuamente. Hai tamén unha unidades máis novas (2700 e 2900), fabricadas entre 2009 e 2011, pero que partiron xa duns problemas de fabricación tremendos que nunca se quixeron asumir", explican.
A situación agravouse especialmente nas últimas semanas, ao estar unicamente dispoñible unha das nove máquinas destinadas a esta liña, atopándose avariadas o resto
Ademais, falta persoal. "O servizo de mantemento en Ferrol conta unicamente con dous ou tres traballadores, insuficientes para atender as avarías que se producen. Agora si hai maquinistas, grazas a unha serie de contratos en prácticas que se fixeron, pero durante o ano pasado había tamén falta de condutores, chegando a darse o caso de ter que suprimir viaxes por este motivo", din. Outro problema é a falta de interventores en ruta (revisores). "Iso provoca que moita xente que viaxa non paga o servizo, o que tamén significa que eses viaxeiros non existen, non se contan. Iso é algo que lle encanta a RENFE, porque as baixas cifras de utilización do servizo úsanse como xustificación para reducir frecuencias. De todos os trens que saen de Ferrol, hai revisores nun 10 ou 20 por cento", comenta.
Outro problema é a falta de revisores, o que provoca que moita xente viaxe sen pagar. "Iso é algo que lle encanta a RENFE, porque as baixas cifras de utilización do servizo úsanse como xustificación para reducir frecuencias", din
Ademais, o número de frecuencias entre as distintas localidades son insuficientes. Ou, nalgúns casos, as viaxes están programadas en horarios que non se acomodan ás necesidades dos usuarios e usuarias. "Hai zonas que si están ben cubertas, como por exemplo o traxecto Ferrol-Xuvia, pero o problema é que aí vai en paralelo co bus urbano, con frecuencias parecidas. Mais na conexión de Ferrol con Ortigueira ou Viveiro hai moi poucos trens e os horarios non son os máis axeitados. Estes concellos teñen unha gran vinculación con Ferrol, por cuestións administrativas, de traballo ou de estudos", di. "Non hai que ter un tren cada 15 minutos dende Viveiro, pero hai que garantir que haxa servizos para ir a traballar ou a estudar. De que serve o tren que sae de Ferrol ás 13 horas cando a esa hora non o colle ninguén e despois non hai outro ata as catro da tarde?", pregúntase.
A Plataforma demanda tamén un reforzo do servizo (tres ou catro frecuencias máis) entre Viveiro e Ribadeo ao longo de toda a Mariña lucense, conformando unha caste de tren de proximidade que cobra os horarios básicos e garanta as conexións cos centros educativos dos distintos concellos e mais co hospital de Burela. Tamén propoñen incorporar catro apeadeiros máis para esa zona da Mariña lucense en lugares que consideran "imprescindibles", coma Celeiro ou As Catedrais.
Traxecto | Frecuencias | Duración | Distancia | Prezo | Poboación |
---|---|---|---|---|---|
Ferrol-Ribadeo | 4/día | Entre 3:04 e 3:10 | 163 kms | 11.15€ | 200.700 |
Ferrol-Xuvia | 28/día (L-V) 9/día (S e D) | 0:12 | 6 kms | 1.65€ | 110.000 |
Ferrol-Ortigueira | 5/día (L-V) 4/día (S e D) | Entre 1:16 e 1:20 | 62 kms | 3.15€ | 140.300 |
Ferrol-Viveiro | 4/día | Entre 1:57 e 2:00 | 102 kms | 6.65€ | 143.700 |
Viveiro-Ribadeo | 4/día | Entre 1:07 e 1:12 | 61 kms | 4.75€ | 57.000 |
Número de frecuencias, tempos e prezos existentes na actualidade
Novos horizontes para o tren
Destacan que "está prevista a chegada do ancho métrico ao Porto Exterior de Ferrol", o que abrirá "unha nova vía de saída dos materiais con barcos de maior calado"
A Plataforma fai fincapé tamén no transporte de mercadorías, que tamén vén sendo abandonado nos últimos anos por RENFE. "Aquí o tren sempre se empregou para o transporte de madeira, de aluminio ou de dunita, entre outros materiais. As infraestruturas do norte das provincias da Coruña e de Lugo non son boas. O tren pode axudar a aliviar a presión do transporte de mercadorías por estrada. Pero Renfe tentou varias veces romper o contrato para non seguir transportándoo", comentan.
Destacan que "está prevista a chegada do ancho métrico ao Porto Exterior de Ferrol", o que abrirá "unha nova vía de saída dos materiais con barcos de maior calado". "Aínda que esta infraestrutura foi proxectada en 1885, ten moito futuro se se sabe traballar nela. Vemos como se abren novos horizontes para o transporte por ferrocarril no norte, pero nin ADIF nin RENFE teñen o máis mínimo interese nisto", din.
"Euskadi herdou unhas liñas de FEVE supostamente deficitarias e que estaban feitas un desastre e con elas conseguiu incrementar moito o número de pasaxeiros"
A Plataforma tamén demanda a transferencia a Galicia das liñas do antigo FEVE: "Xa que non ADIF nin RENFE son capaces que facerse cargo disto, pedimos a transferencia, pero isto xa depende de que haxa interese e convicción, de que haxa vontade política", sinalan. "Sempre poñemos o exemplo do Euskotren. Euskadi herdou unhas liñas de FEVE supostamente deficitarias e que estaban feitas un desastre e con elas conseguiu incrementar moito o número de pasaxeiros, e na actualidade mesmo transportan mercadorías. Hoxe en Euskadi todo o mundo considera o tren un valor", subliñan. "Temos informes serios, apoiados en datos e análises técnicas, non son unha ocorrencia nin unha perrencha", din. "Non é unha utopía. Perece unha utopía porque non nos queren facer caso", conclúen.