"Feijóo abandona o país; é un mandado dos mercados teledirixido desde Madrid"

Yolanda Díaz, líder de Esquerda Unida CC-BY M. Pereira

Yolanda Díaz cre que esta crise estalle dando a razón aos que, como ela, levan anos combatendo e buscándolle unha alternativa ao capitalismo. A coordinadora xeral de Esquerda Unida (EU), ratificada este sábado como cabeza de lista na Coruña e futura candidata á Xunta, confía en seguir sumando apoios en Galicia e lograr por fin entrar no Parlamento. A concelleira en Ferrol non descarta alizanzas. "Sabemos que nós sós non chegamos, precisamos moitos máis para confluír nun programa anticapitalista", di, aínda que rexeita calquera acordo con Compromiso por Galicia. "O noso discurso non ten cabida nese proxecto".

Que lle pode dicir vostede, unha muller política e de esquerdas, a aqueles que pensan que a política xa non pinta nada, que todo o gobernan os mercados?

Aínda que os tempos son moi difíciles, temos que transmitirlle á cidadanía que a forza reside no pobo. Hai uns anos tiñamos dificultades para amosar que era o capitalismo e por que tiñamos que combatelo e crear unha alternativa, pero agora mesmo non costa tanto. A UE está advertindo, con claridade, que vai dar un golpe de Estado en Grecia se non gañan os que queren eles. Ademais, en moitos outros países europeos hai troikas internas e en España tamén, persoas que traballan a prol das políticas de austeridade e neoliberais a morte. E teñen nomes e apelidos.

Si, pero pódense combater eses mercados?

Os homes e mulleres, se nos organizamos e xuntos sumamos as nosas forzas, podemos combatelos. Hai exemplos, poucos, pero hainos. Sei que é difícil transmitirlle isto a quen está en paro, ten dificultades e ten como principal preocupación sobrevivir, pero vivimos en sociedade e temos que traballar en colectivo para lograr unha saída conxunta. Ou nos organizamos, ou a agresión vai ser moito peor. Temos que combater de forma pacífica a un sistema depredador que nin tan sequera precisa meter os tanques en moitos estados para darlles xaque a través dos mercados. Os mercados son os especuladores, os capitalistas. Teñen nomes e apelidos e están facendo o que están facendo estes días para obter importantes beneficios. Antes era moi difícil dicir que tiñamos que crear unha alternativa, pero agora é unha evidencia. Temos que reconstruír unha correlación de forzas na que a maioría a teña o pobo, os traballadores e as traballadoras.

"Ou nos organizamos xuntos, ou a agresión do capitalismo vai ser aínda moito peor"

Por que non se sinala con nomes e apelidos a eses mercados?

Non me penso meter coa prensa, pero ás veces vense cousas moi simpáticas nalgún medio, como aquela vez na que dicían que se reuniran “os investidores” cando aló na foto estaban todos os especuladores e os causantes da crise. Obviamente, os medios tamén teñen nos seus consellos de administración grandes poderes económicos e teñen difícil transmitir unha imaxe diferente. A esquerda non ten moitos medios de comunicación, xa non que transmitan o que nós dicimos, senón que faciliten información e transmitan obxectivamente o que ocorre. Dan noticias desde o punto de vista dos intereses económicos.

Angela Merkel vén de dicir que a crise española é froito “dunha década irresponsable” e todos os expertos din agora que sabían o que ía pasar. Por que ninguén o parou?

Ata os economistas convencionais sabían que España, aínda que o mundo non entrase en crise, ía entrar en crise porque todos os datos así o advertían. Non se tomou ningunha medida e incluso se presumía con soberbia de ter superávit fiscal. E como é posible que non se aproveitase iso para redistribuír a renda? Baixáronse impostos e premiouse aos que máis gañaban. Foi todo moi irresponsable. Lamento dicilo, pero os dous grandes partidos atenden a intereses económicos, sabían perfectamente o que pasaba e benefician as súas clases, as clases ás que representan, que non son as traballadoras. Tamén é certo que naquel momento de superávit fiscal os sindicatos de clase, a sabendas de que os salarios estaban perdendo peso, non foron á ofensiva esixindo a redistribución da renda nin a democratización das relacións laborais.

"PP e PSOE atenden a intereses económicos; representan as súas clases, que non son as traballadoras"

Non debe a esquerda facer autocrítica tamén?

Fago autocrítica e seguramente que na esquerda nos equivocamos. Pensouse que xa tiñamos o benestar conseguido e fariamos ben en non mirarnos a nós, senón en mirar o que está a acontecer agora. Galicia, por exemplo, xa tiña hai anos unha situación de desemprego brutal, índices de pobreza moi altos e a súa mocidade emigrando constantemente.

Falando de Galicia, o país está a perder todos os diferenciais positivos dos que presumía respecto á crise...

É normal. Feijóo é como se non estivese porque está teledirixido desde Madrid, ese lugar a onde el lle gustaría estar. Foi o primeiro presidente en tomar medidas contracíclicas e marcouse como prioridade o déficit e a austeridade, polo que as consecuencias tíñanse que acabar sufrindo no emprego. O presidente non fai máis que facer de mesías polo Estado adiante, poñéndose como un exemplo a seguir cando ten o país abandonado aos mercados.

"Feijóo está teledirixido desde Madrid; vai de mesías polo Estado adiante e ten abandonado o país aos mercados"

Abandonado?

O capitalismo ten claro que ten que combater as políticas keynesianas e o señor Feijóo é un mandado destes neoliberais. Estao facendo tal cal, acrecentando as diferenzas sociais, empobrecendo a xente e, sobre todo, facendo desaparecer o Estado de Benestar, o escaso Estado de Benestar que temos nun país como Galicia. Actúa cunha frivolidade que preocupa. E ademais, que podemos dicir do resto do Goberno galego?

E que podemos dicir?

Agás as polémicas que adoita provocar o conselleiro de Cultura e Educación, do resto non nos enteramos de nada. Non sabemos o que están a facer os conselleiros, nin tan sequera se existen. 

Esquerda Unida posicionouse en contra da fusión das caixas, vendo o que ocorre agora, que reflexión fai?

Aí a culpa non é só de Feijóo, porque o BNG estaba a favor e o PSdeG dubidaba. Esquerda Unida estivo radicalmente en contra da fusión porque o Banco de España xa advertía da privatización das caixas e as auditorías falaban das quebras que había nelas e dos despidos que ía haber. Estabamos aterrados con que se apoiase con tanta alegría a fusión, pero o tempo acabounos dando a razón. Agora NCG precisa outra inxección de cartos e Almunia advirte de que se podería liquidar... Imos socializar as perdas e pagar os festíns dalgún xestor con tanta sona neste país? Pois non e, senón, que se converta nun ente público. Todo é un despropósito.

"PSOE e PP pensan que arranxan a crise se arranxan a crise financeira e non é certo; seguen a eestratexia dos capitalistas"

Que lle parece o rescate a Bankia?

O PSOE e o PP caen nun erro: pensan que arranxando a crise financeira arranxan a crise e iso é falso. Ademais, seguen a estratexia dos capitalistas no Estado porque aquí alguén fai negocio, dígoo así de claro. Os parlamentarios dos grandes partidos defenden intereses de clase e non a clase traballadora precisamente.

Que expectativas ten Esquerda Unida de cara ás vindeiras eleccións autonómicas tendo en conta que segue a existir a barreira do 5% de votos para entrar no Parlamento?

As expectativas é que todos os homes e mulleres de EU intentaremos traballar para derrubar esa barreira incruenta do 5% e que é incruenta para todos os partidos. Levamos tempo esixindo a baixada desta barreira legal, pero tamén que exista unha única circunscirición electoral para que votemos como galegos e para que todos os votos vallan o mesmo. O voto dunha persoa da Coruña ou de Pontevedra vale dúas veces menos que unha de Lugo ou de Ourense. Pero xa traballamos moito durante a etapa do bipartito para que o Goberno cambiase esta lexislación electoral e fose coherente co que BNG e PSdeG pedían cando gobernaba Fraga. Non mudaron nada.

Pero as enquisas danlle opcións de entrar na Cámara.

A cidadanía ten que ver que é necesario abrir o Parlamento a outras forzas e sobre todo á nosa, que representa a clase traballadora galega, o ecoloxismo e a democracia participativa. Tamén temos que abrir a Cámara á xente porque é unha caixa de cartón pechada e de costas á cidadanía. Precisamos unha voz crítica e un só deputado de EU cambiaría radicalmente as cousas porque a nosa mensaxe é combativa, non é interclasista e é clara en defensa dun modelo económico diferente. Hai casos, como os de Reganosa, nos que se demostra que non nos trabucabamos tanto.

Por que o di?

O Supremo vennos de dar a razón coa sentenza e o caso é un bo exemplo do que é o capitalismo As tres forzas parlamentarias entenderon que defender Galicia era defender Reganosa, pero nós cremos que defender o país é defender a ría e os seus postos de traballo. Insisto: é imprescindible tecer unha rede social para que EU teña voz no Parlamento porque sería levar os problemas reais da xente a esa caixa de cartón.

"Nós sós non chegamos, precisamos moitos máis para tecer unha rede social e conseguir que EU teña voz no Parlamento"

E como ve Esquerda Unida os movementos que está a haber no nacionalismo galego?

Con moito interese porque todo o que acontece na política ten que ser estudado con profundidade. Esquerda Unida, en xuño de 2010, empezou un proceso de refundación da esquerda porque fomos conscientes de que nós sós non chegamos e de que precisamos tecer esa correlación de forzas. Precisamos a moitos e moitas máis, máis ou menos de esquerdas, máis ou menos nacionalistas... Pero nós sós non chegamos. Iso si, defendemos confluír desde abaixo baseándonos un programa claro e anticapitalista.

"Pode parecer doado que o Encontro Irmandiño e EU se poñan de acordo, pero iso non serve; hai que tecer unha rede de abaixo a arriba e confluír nun programa anticapitalista"

Hai algunha posibilidade de que Esquerda Unida conflúa nesa futura alianza electoral?

O que está claro é que aí hai un suxeito enganoso, diferentes nacionalismos pero con posturas enganosas. Respectamos moito as persoas que son máis de dereitas, pero é difícil que EU poida confluír nun programa político con persoas que teñen un modelo económico e social tan diferente ao noso. Pero nós imos seguir traballando para que existan confluencias e sexamos quen de combater o capitalismo no noso país.

Alguén desa coalición se puxo en contacto con Esquerda Unida?

Nós non defendemos as unións por arriba. Temos experiencia en facer iso e non fructifica. O que si facemos é traballar con moitos colectivos, abríndonos á sociedade que é o que debemos facer. Se hai achegas oficiais, teríanse que levar adiante cun programa, pero ese paso non se deu. Non fomos convidados oficialmente ao proceso desa nova forza aglutinadora, pero nós si que convidamos a Encontro Irmandiño ou a FPG aos nosos congresos. Non somos o Partido Comunista, somos un movemento político social no que caben desde a anarquistas, a cristiáns de base, pasando por nacionalistas.

Que me quere dicir?

Só digo que non podemos facer algo desde arriba, de forma rápida e sen un debate profundo. É arriscado e errado, e non sei se a cidadanía galega de esquerdas entendería que as cousas se fixesen así. Sería moi doado pensar que Encontro Irmandiño e Esquerda Unida poden poñerse de acordo, pero iso non serve. O que serve é tecer unha rede de abaixo a arriba na confluencia cun programa anticapitalista.

"O discurso de Esquerda Unida non ten cabida xunto a Compromiso por Galicia; non me estraña que non nos convidasen"

Entendo que rexeita totalmente entenderse con Compromiso por Galicia...

Respectamos moito esa coalición, pero Esquerda Unida non pode confluír nunha probable unión con eles porque os parámetros que defenden todas esas siglas non coinciden coas nosas. O noso discurso non ten cabida nese proxecto porque están primando o nacionalismo por riba dun modelo social e económico e de combate ao sistema actual. Todo isto dito desde o respecto a ese movemento. É obvio e non me estraña que non nos convidasen porque coñécennos e saben que non teriamos cabida nesa alianza.

Yolanda Díaz, tras a entrevista con Praza CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.