"Estamos certos de que imos revolucionar o noso país". Tras semanas de negociacións, incógnitas e abondoso ruído mediático este martes Alternativa Galega de Esquerda (AGE), a coalición electoral encabezada por Anova e Esquerda Unida, presentábase por primeira vez en sociedade como tal. Unhas horas despois de pechar e rexistrar ante as autoridades electorais as listas coas que concorrerán aos comicios do 21 de outubro, Yolanda Díaz e Xosé Manuel Beiras convocaron aos medios como "portavoces conxuntos" da alianza. Tratábase de escenificar a posta en marcha dun proxecto que, en verbas da líder de EU, aposta por esa "revolución" no marco dunha "guerra entre os de arriba e os de abaixo" e para "combater a troika interna, que se chama Feijóo". "Irrompemos con agarimo e con proxecto", asegura a tamén concelleira ferrolá, nun contexto no que, acrecenta Beiras, AGE afronta a carreira electoral "non só para irromper" no Parlamento, senón para "ser a chave" tras o 21 de outubro.
"Hai que ser imbécil para dicir esas cousas", di Beiras sobre as advertencias de "desgoberno" lanzadas por Feijóo
Nun hotel compostelán e acompañados de dirixentes de ambas formacións cos que comezaron este mesmo martes a deseñar a campaña Beiras e Díaz esforzáronse especialmente que, tamén na súa calidade de candidatos ao Parlamento -ocupan o primeiro e segundo posto da lista da Coruña- teñen a intención de actuar como un "tándem"."Todo cadra", asegura o histórico nacionalista, para quen Anova e AGE conflúen na "práctica de levar adiante o que pensamos". "Por unha banda están os proxectos estratéxicos e, por outra, os escenarios nos que pode haber unha opción conxunta" como nestas eleccións, onde se dá unha "identificación do inimigo principal, esa brigada de demolicións, limpeza étnica e ecocidio que usurpa as funcións da Xunta", di, en referencia ao PP.
É neste contexto no que Beiras retruca, a preguntas dos xornalistas, ás advertencias de Feijóo a respecto do "desgoberno" que, para o líder conservador, implica que o seu partido perda a maioría absoluta. "Non sei se pode haber máis desgoberno en Galicia que os catro anos de Feijóo, ese destrutor do país", afirma. "Non se decata de que fai o ridículo cando di esas cousas?", pregúntase Beiras, en cuxa opinión o actual presidente "quere dar esa impresión para o electorado menos informado, a ver se arrepaña por aí". "Hai que ser imbécil para dicir esas cousas", sentenza.
O dereito de autodeterminación e Syriza
Díaz: "A nosa organización defende o dereito de autodeterminación dos pobos"
A primeira comparecencia conxunta dos líderes de AGE serviu tamén para cuestionar a Yolanda Díaz por un dos aspectos máis comentados ao respecto desta unión: o encaixe entre o ideario de Esquerda Unida e o nacionalismo. "A nosa organización defende o dereito de autodeterminación dos pobos como democrático que é, faltaría máis que os pobos non poidan decidir cal é o seu futuro", enfatiza. En opinión de Beiras cómpre deixar a un lado os "tabús", ademais de ter en conta que ambas organizacións están "nun escenario conxunto no plano institucional", que é "o terreo de xogo no que se fai a política institucional", con requisitos como "o acatamento da Constitución para formar parte das Cámaras".
O que non rexeita Beiras son as comparacións entre a Alternativa Galega de Esquerda e a Syriza grega. "A min non me gustan as etiquetas postas por mimetismo, pero Syriza é precioso", di o portavoz nacional de AGE, para quen esa alianza posta en marcha en Grecai é "unha referencia da que hai moito que aprender e da que algo levamos aprendido" para, por exemplo, abonda Díaz, integrar organizacións como Equo ou os Ecosocialista, que "non só se adheriron, senón que tanto uns coma outros forman parte das listas" coas que AGE se presenta aos comicios. Nesas candidaturas, ademais da coruñesa, encabezada por Beiras e Díaz, figuran Ramón Vázquez e María Xesús Casar, á fronte da de Lugo, David Fernández e Carmen Iglesias, en Ourense e Juan Manuel Fajardo e Consuelo Martínez, encabezando a de Pontevedra.