Anxo Lugilde (Lugo, 1970) é un dos cronistas de referencia da política galega. Xornalista, polítólogo e doutor en Historia Contemporánea pola USC, analiza a vida política do país dende hai máis de 20 anos. Na última década vén traballando como correspondente de La Vanguardia en Galicia e como cronista político de El Progreso e Diario de Pontevedra. Experto en ámbitos como a análise do voto emigrante e cun ollo sempre posto en Portugal, Lugilde vén de sacar do prelo De Beiras a Podemos. A política galega nos tempos da troika (2012-2014), o novo volume dos Libros de Praza&Meubook, que se presenta este 10 de outubro en Compostela. A partir do xurdimento de AGE e do papel de Pablo Iglesias na campaña autonómica galega de 2012 o autor analiza a "podremia" do actual sistema político galego e estatal, as orixes da mesma e os vieiros polos que pode transcorrer.
O libro comeza falando do caldo de cultivo para o xurdimento de novas alternativas políticas, mesmo antes de que se falase de Podemos...
Aquí recóllese o que veño observando do fenómeno de AGE e no aplicado nas partes comúns a Podemos, que son moitas. O texto era o contexto. Fronte á versión oficial e á propaganda destes movementos, que falan doutro xeito de facer política, dunha gran marabilla... Creo que a clave está máis no contexto, en que souberon tocar a tecla. Foise comprobando a podremia do que eles chaman réxime e eu chamo sistema; non creo, por exemplo, que o BNG sexa réxime pero si se incorporou ao sistema e mesmo fixo un esforzo de homologación xusto antes de que pasase isto. Esa podremia é terrible; a nivel de Estado vese de Pujol á Casa Real e, en Galicia, por unha banda hai un espallamento brutal dos casos de corrupción e compártese co Estado español o fracaso dos políticos á hora de xestionar a crise, que penso que é o que a xente ten máis en conta. O de criticar que os partidos son dogmáticos, que os aparellos son caciquís, a corrupción nas contratas... Iso non se sabía? Eu creo que iso se aceptaba ou se consentía, sempre e cando funcionase como contrato perverso.
Deixou de aceptarse cando faltou o combustible, os cartos?
Claro. De todos os xeitos, a deterioración da economía española e do modelo social é brutal. Comparándoo coa referencia que eu creo máis acaída, Portugal, a crise financeira cadra cun proceso de caída que vén de moi atrás. No caso español é unha subida forte e unha caída brutal. No caso galego nunca houbo suba forte, pero a situación era relativamente boa e sentíase certamente confortable.
"Malia á obsesión galega con Madrid, xa é a terceira vez que dende que hai autonomía na que un cambio político en España xorde de Galicia"
Aquí xogouse moito co “plus de resistencia”, primeiro, e co plus de austeridade, despois...
Si, pero iso é propaganda. A especialidade da Administración autonómica é a propaganda. Pode parecer que é a consecuencia natural de ter durante 16 anos de presidente da Xunta ao xefe de propaganda da ditadura, pero iso vén de máis atrás. Hai pouco dicíase, coa polémica en Euskadi, que os convenios do Goberno vasco coa prensa semellaban galegos; os convenios creounos [Xosé Luís] Barreiro Rivas, responsable de moitos dos males da autonomía. Polo que contan, foi aprender ao País Vasco, onde tiña moi boas relacións co PNV. A maior habilidade da Xunta é a propaganda, pero a diferenza da taxa de paro co Estado, ata que saia a EPA o 25 de outubro está en 2,2 puntos. Estivo en 5,9. Iso indica que o de que Galicia vai liderar a saída da crise é unha milonga máis. O que trato de dicir no libro é que Galicia foi laboratorio electoral de Podemos e, dende a crítica, tento facer unha reivindicación da política galega. A moitos galegos a política galega parécelles algo de pouca categoría, mentres que as cousas de categoría son as que pasan por Madrid. Malia esa obsesión galega con Madrid, xa é a terceira vez dende que hai autonomía que un cambio político en España xorde de Galicia. E esta é a primeira vez que pasa na esquerda. A min gustaríame que a política galega fose importante porque mellora o país, porque resolve a decadencia da lingua, ordena o monte, sanea as rías... Pero, seguindo o criterio maioritario da xente, que é o de mirar cara a Madrid, deberían pensar que a política galega é algo importante.
Porque exporta, non importa...
E esta é a terceira vez. Podemos non é que xurda de Galicia, pero foi o seu laboratorio, o seu campo de probas. Os dous anteriores momentos son cando AP consegue adiantar a UCD e se converten en forza hexemónica, nas autonómicas de 1981, e en 2009, cando o PP resucita en Galicia grazas a Touriño e Quintana, Feijóo chega á Xunta e Rajoy se lanza cara á Moncloa. O terceiro, sorprendentemente, porque é na esquerda, é o xurdimento de Podemos.
Indicas no libro que Pablo Iglesias aprende, en certo xeito, en Galicia...
Díxoo Pablo Iglesias moitas veces, incluímolo na primeira páxina do libro: “Ese centralismo arrogante español fai que se mire con desdén ou directamente non se mire cara ao que acontece noutros lugares (...). Eu non canso de repetir que o que acontecera en Galicia era o sinal de que as cousas eran posibles”. Iso, aínda hoxe, é absolutamente descoñecido a nivel español. É máis, publicouse un libro dunha ducia de autores sobre Podemos, coordinado por John Müller e nel non se cita nin unha soa vez a Galicia, a AGE nin a Beiras, aínda que Pablo Iglesias recoñeceu moitas veces que foi de quen aprendeu. El chegou un pouco despistado ás autonómicas galegas, con pouco coñecemento do país, pero leu moi ben o resultado. Entendeu que había algo de AGE que transcendía a unión de Beiras con Esquerda Unida, con dous elementos aplicables noutros contextos: que o ouro electoral de hoxe en día é o discurso da indignación. E posto na boca dun líder carismático, cunha mensaxe moi persoalizada e adaptada ao estilo de comunicación destes tempos. El acabou poñéndose no sitio de Beiras, aínda que inicialmente pensou en Ada Colau...
"Iglesias chegou a Galicia con pouco coñecemento do país pero leu moi ben o resultado das eleccións; entendeu que había algo de AGE que transcendía da unión de Beiras con EU"
Iso chegou a dicilo abertamente...
Si, nunha entrevista con Galiza Ano Cero. As autonómicas galegas son en outubro de 2012 e o 25 de abril de 2013 entra por primeira vez en Intereconomía e vaise producindo o seu salto á fama en laSexta, Cuatro... E nese proceso el viu que ese líder podía ser el mesmo. Inicialmente formula as europeas como un test persoal e non pensa, para nada, na magnitude do éxito. E, sobre todo, na sobrevaloración que se produce despois.
Algo que tamén pasou con AGE, no seu momento...
Exacto; mesmo se parecen en que comezaron no CIS cun escano. E tamén na espiral que seguen nas enquisas post electorais. Iso lévanos a formular a dúbida de se seguirá ou non o camiño de AGE.
Trátase, tamén de administrar o éxito... Vostede define no libro a relación de Podemos e AGE nas eleccións europeas como unha “escisión electoral”. É un magma que se subdivide?
Todo indica que unha parte dos votantes de Podemos fórono de AGE nas autonómicas e, en todo caso, é ao sector ao que AGE se dirixe. Eu fago a analoxía co Bloque; ao BNG escindíuselle o seu líder histórico e a AGE, en moito menos tempo, escindíuselle un asesor que aprendeu moito de Beiras. O papel de Pablo Iglesias na campaña galega non foi decisivo, como se pode pensar agora, porque era unha campaña dual, con EU por un lado e os afinadores de Beiras, por outro. Pero el fixo que se incorporase o discurso anti troika. El chega aquí xusto despois das eleccións gregas.
Daquela falábase en termos de “Syriza galega”...
Si, pero o que chama a atención é que Yolanda Díaz fose a primeira política galega que incorpora a mensaxe anti troika ás mensaxes cotiás, e iso foi obra de Pablo Iglesias. Tamén é interesante analizar por que Beiras se coloca nese espazo de ruptura, no que sempre estivo e no que tamén estivo o BNG. Pero durante o proceso de homologación do Bloque el non entra, entre outras cousas porque non consegue ir de cabeza de lista por Pontevedra nas eleccións de 2005 e porque o carguiño que lle ofrecen é pouca cousa e condiciónase, por parte de Anxo Quintana, a unha renuncia a dar a pelexa dentro do Bloque. El non acepta e mantense inmaculado ata as eleccións, mentres o BNG deixou de estalo. Eu creo que é un elemento importante, presentárense como libros en branco. Pola banda de Esquerda Unida, a súa principal vantaxe é que en Galicia non existía, agás en Ferrol.
"Unha das grandes achegas do beirismo é a combinación do mesianismo co asemblearismo"
Se cadra, as persoas que analizamos a política galega, a prensa, os partidos... Estivemos máis pendentes da evolución de AGE como o desenvolvemento dunha escisión do BNG xunto a EU e non soubemos ver o resto do fenómeno?
O que viu Pablo Iglesias, que seguiu asesorando a Esquerda Unida despois da campaña, é un espazo que non existía como tal. Despois das eleccións houbo persoas que se quixeron afiliar a AGE e non tiveron xeito de facelo, tiñan que afiliarse a Anova ou a EU. Esa cousa horrible e cruel de que vivimos por riba das nosas posibilidades penso que se pode aplicar a este caso: foron votados por riba das súas posibilidades.
Posibilidades organizativas, de infraestrutura...
E de relación entre eles. Atáronse no que Beiras chegou a definir como unha relación sexual esporádica que levou a un amancebamento do que saen nove deputados. Pero eles non estaban preparados para iso. Podemos segue ese ciclo e institucionalizarse é moi complicado. Unha das grandes achegas do beirismo é a combinación de mesianismo e asemblearismo. Mentres a asemblea lle di que si ao mesías, todo vai ben. Pero o día que a asemblea non cadra co mesías...
Podemos pode estar nese momento?
O mesías ten moito crédito e Podemos ten algo que nin tivo AGE nin o BNG, que é base despois do éxito electoral. Digo base porque non son exactamente persoas afiliadas, senón inscritas. E aí pode acabar habendo unha disociación entre base e líder. Eu creo que Iglesias e os outros politólogso da Complutense son moi hábiles e o das europeas está moi ben pensado por dúas cousas: pola circunscrición única e polos efectos, xa estudados na ciencia política, destas eleccións como comicios estatais de segunda orde. Elixiron moi ben o campo de xogo, pero teñen o risco das autonómicas de 2015, nas autonomías do “café para todos”. Porque, como teñan que elixir entre PP e PSOE, iso pode ser envelenado.
"Co discurso de que todos son casta darlle o poder ao PSOE é tremendo, pero deixar que goberne o PP, tamén"
E, nesas autonómicas, non teñen a opción de non presentárense, como decidiron facer coas municipais...
Non se sabe se se presentarán en solitario ou con alianzas. Pero pódelles pasar o que lle aconteceu a Esquerda Unida en Extremadura. Co seu discurso de que todos son “casta”, darlle o poder ao PSOE é tremendo pero deixar que goberne o PP, tamén. O único, que eles adianten ao PSOE, que é o que intentan. Pero paréceme complicado. En todo caso, cómpre ver como evoluciona isto, pero parece que as expectativas están un chisco inflacionadas.
A respecto do discurso da “casta”, no libro detense no terreo galego, case no subsolo da política galega, para explicar o que pode ser un concepto un pouco etéreo. E pon exemplos de dous tipo sde familia: de sangue e de política.
Un dos grandes éxitos de Podemos é identificar esa caste como problema. Pode ter un pouco de 'quítate ti, que me poño eu', que é o que está por comprobar, pero no caso galego o que digo é que, alén da acepción que usa Pablo Iglesias, de caste como grupo profesional pechado que acumula prebendas, está a outra acepción, tanto en galego como castelán, que é a de grupo familiar na que se herdan rasgos xenéticos como os ollos, o pelo, a alcaldía de Ponte Caldelas, a Deputación de Ourense, unha liberación de CC.OO. en Vilagarcía... O capítulo titúlase O cuñado e o resto da casta porque parte da moi interesante figura do cuñado do presidente do Goberno de España, Francisco Millán Mon, diplomático emparentado con Gonzalo Fernández de la Mora y Mon, ese nostálxico do franquismo e ministro de Obras Públicas. O que fago é falar de exemplos da familia na política galega.
Exemplos que son moi transversais...
Son moi transversais, e ademais en Galicia súmase á querencia do político galego por amarrarse á cadeira ata o final. A Pablo Iglesias Posse, o galego, chamábanlle “o avó” ao final, cando seguía á fronte do PSOE e recibía á Executiva na casa porque estaba enfermo e xa non podía saír. É mellor non ter en conta a un tal Francisco Franco, pero tamén está o exemplo cubano, o caso tremendo de Fraga, o seu émulo da Reboraina, o caso de García Sabell, que saíu da Delegación do Goberno con 86 anos... Se a iso, por riba, se lle engaden os casos de sucesión dinástica, xa é terrible. E non se trata de demonizar as sagas, que tamén hai no xornalismo, na música e noutros ámbitos. Pero aquí chegouse a un exceso e a situacións feudais. E, alén da casta como grupo familiar está a casta como grupo profesional, na que fago catro perfís, un por cada forza representada no Parlamento: Arsenio Fernández de Mesa, no PP, Pepe Blanco, no PSOE, Bieito Lobeira, no BNG, e Juan Fajardo, en AGE.
"O éxito de AGE e Podemos está máis na podremia do sistema que nas súas virtudes, aínda que non negue que teñan algunhas"
Sagas familiares, deterioro brutal da economía. E, como guinda do pastel, a corrupción. Aquí téntasenos dicir que, comparada con Bárcenas, non é para tanto... Pero as explicacións semellan que tamén valen menos ca antes, non é?
Eu sosteño que o éxito de AGE e Podemos está máis na podremia do sistema que nas súas virtudes, aínda que non negue que haxa algunha. Pero non formulan unha alternativa, céntranse sobre todo na denuncia e na podremia. Coa corrupción en Galicia houbo durante bastante tempo houbo un intento de tapalo todo, sobre todo polos seus efectos transvertais. No anterior Parlamento, cando lle afectaba tamén ao BNG aínda que en menor medida, vivimos debates do estado da autonomía nos que non se dicía unha palabra de corrupción. A gravidade da corrupción é maior que no resto do Estado? Eu, o que creo, é que está bastante espallada, que as posibilidades de negocio non son as que houbo noutros sitios pero que ten compoñentes moi preocupantes, sobre todo a súa relación co caciquismo. Fronte a ese aforismo que di que a corrupción comeza cunha botella de viño, en Galicia a corrupción comeza por un enchufe. O enchufismo é o gran lastre para o desenvolvemento económico de Galicia porque crea un entorno de baixísima competitividade no que se valora pouco o talento.
Nos propios sumarios dalǵuns destes casos obsérvanse valoracións nas que se refire a pouca habilidade para o traballo de certas persoas pero se salientan as súas amizades...
Persoas presuntamente implicadas nestes casos, como Orozco ou Diego Calvo, para defendérense admiten que enchufan. Pero, que clase de señores feudais son eles para decidir iso? É verdade que as persoas ás que enchufan tiñan unha situación tremenda, pero hai outras que a teñen igual ou peor. É fundamental entender que o enchufe dun é o paro doutro. En Galicia tamén aflora moita corrupción por circunstancias que se deron nos xulgados de Lugo: aparecen unhas xuízas que veñen de fóra, enfrontadas co establishment xudicial lucense, e o número de teléfonos que se interveñen na provincia de Lugo é exponencialmente alto. Coido que está sen explicar a importancia que tivo o Sytel, o sistema de escoitas que, polo que din, Aznar consegue a través de Estados Unidos cando mete a ETA na guerra contra o terrorismo.