O ministro de Economía e Competitividade, Luis de Guindos, cualificou a reforma laboral de "agresiva". Mariano Rajoy adiantou que sería "profunda" e a ministra de Emprego, Fátima Báñez, destacou que apostaba polo traballo "de calidade". O decreto lei, o terceiro deste ano, amosa unha regulación de moito calado e sen precedentes na historia económica contemporánea. Ningunha das reformas do marco laboral simplificaron, como esta, os trámites a seguir para prescindir de traballadores ou botar man de bolseiros por ata tres anos consecutivos. Desde este luns está en vigor a terceira reforma do Executivo de Rajoy. As tres utilizaron a vía do decreto lei.
Como sucedeu coa lei de saneamento do sector financeiro, a publicación do documento no Boletín Oficial do Estado (BOE) desvelou algunhas novidades que non foran adiantadas polo ministro De Guindos. Novidades como o feito de que a fundación en que se vai converter Novacaixagalicia vai estar baixo un protectorado do Ministerio, non da Xunta de Galicia como así o esperaba Alberto Núñez Feijóo. Neste caso sucede o mesmo. O documento, extenso, inclúe tamén algunha sorpresa. Estes son os puntos máis relevantes da reforma laboral.
Formación profesional
Os contratos para a "formación e emprego" serán para mozos de entre 16 e 25 anos, e poderán ter unha duración de ata tres anos. Non haberá límite de idade para as persoas con discapacidade. Os rapaces que asinen estes contratos e padezan unha situación de incapacidade temporal (maternidade, por exemplo) verán interrompido o cómputo de devandita relación laboral. No momento en que remate esa incapacidade volverá a correr o tempo do contrato.
Se unha persoa nova estivo contratada (sen botar man da modalidade de "formación") durante menos de doce meses, poderá ver minguada a súa categoría profesional e, se ten menos de 25 anos, asinar un contrato de prácticas. As empresas poderán cambiar o seu cadro de persoal habitual por persoas desempregadas que participen destes programas de inserción e formación.
Fomento da contratación
A reforma laboral inclúe un paquete de subvencións para a contratación indefinida por parte das empresas con menos de 50 traballadores, que se coñecen como pemes (ou pequenas e medianas empresas). Esta é o único punto da reforma no que se inclúe unha partida de gasto para favorecer a contratación. Neste caso particular, o Goberno aproba unha serie de bonificacións fiscais para as pemes que contratan desempregados. Un punto importante do regulamento é que o traballador poderá compatibilizar o salario co 25% da prestación contributiva que lle corresponde, coa conseguinte diminución dos dereitos a cobrar o paro no futuro.
Se o traballador non acepta o traslado terá que asumir un despido procedente: 20 días de indemnización por ano traballado cun máximo de doce meses
Outra novidade que aparece no BOE é que os traballadores a tempo parcial poderán facer horas extraordinarias.
Mobilidade xeográfica
Este é un aspecto que ten sido moi sonado ultimamente polo caso particular das caixas. A intención das empresas era a de redistribuir aos seus traballadores por distintas ubicacións e a unha distancia superior aos 25 quilómetros. Pois ben, esta nova lei faculta aos empresarios a facelo sempre e cando teña razóns "técnicas, económicas, organizativas e de produción". Tendo en conta que a recadación polo imposto de Sociedades caeu en máis dun 58% non é complicado comprender que a inmensa maioría das compañías poderá dicir que si posúe razóns económicas para dispoñer dos seus traballadores como o considere oportuno.
Se o traballador non acepta o traslado terá que asumir un despido procedente: 20 días de indemnización por ano traballado cun máximo de doce meses.