Rajoy tamén ataca o paro coa receita do recorte

Zapatero e Rajoy, en La Moncloa © La Moncloa

No terceiro trimestre de 2006, exercicio no que se iniciaron en España 665.000 novas vivendas libres, a taxa de paro da poboación activa entre 16 e 19 anos era do 24,6%. A ratio de persoas desempregadas en relación aos activos era, nese momento, do 8,1%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). Mesma taxa, practicamente, que a media dos países da OCDE a día de hoxe. O mercado laboral español puxo o pé en 2012 cun nivel de desempregados ata os 19 anos do 70%. Triplicouse en cinco anos a taxa de doutorados en paro, duplicouse a de universitarios e se multiplicou por catro a porcentaxe de persoas que acreditan unha educación básica. Datos que son a parte máis fría dunha realidade, a laboral, que se volverá a intervir pola vía do decreto. Por segunda vez en menos de dous anos, o Consello de Ministros aprobará unha reforma do mercado laboral. Desde a última lei, autorizada polo Executivo de Zapatero, a taxa de paro subiu en tres puntos porcentuais e en 800.000 persoas.

O mercado laboral español puxo o pé en 2012 cun nivel de desempregados ata os 19 anos do 70%

Todos os organismos internacionais veñen demandando durante os últimos meses a posta en marcha dunha profunda reforma. A última que aprobou o Goberno socialista foi ben recibida por Bruxelas ou o Fondo Monetario Internacional (FMI). Pero esta non serviu en ningún caso para dinamizar o eido laboral español, tal e como evidencian os datos. Polas súas características, a economía española non crea emprego neto se non hai un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) superior ao 2% interanual. O Banco de España prognostica unha recesión do 1,5% para 2012. Sería preciso, xa que logo, remontar catro puntos porcentuais no PIB contar cunha caída da taxa de paro. A reforma laboral poderá non ter máis utilidade que a de adelgazar as indemnizacións por despedimento ou de modificar a estrutura dos servizos públicos de emprego. A vía que escolle Rajoy para acometer esta nova modificación é a do recorte do custo: o salarial (xa aceptado na negociación colectiva) ou o do despedimento.

A vía que escolle Rajoy para acometer esta nova modificación é a do recorte do custo: o salarial ou o do despedimento

É preciso ter en conta, en calquera caso, que os catro principais factores de crecemento do PIB son: o gasto público, o investimento privado, as exportacións e o consumo interno. A austeridade, unha elevada taxa de paro e unha moderada caída da actividade nos países do contorno (aos que máis exporta España) non van botar unha man para que a reforma de Mariano Rajoy sexa un revulsivo contra a destrución neta de postos de traballo.

A reforma que vén

Segundo o avanzado pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, a reforma laboral reducirá de 45 a 33 días a indemnización en caso de despedimento para os contratos indefinidos. Vaise equiparar, xa que logo, ás indemnizacións do chamado contrato de Fomento do Emprego Indefinido. Un rotundo fracaso da anterior reforma tendo en conta a caída interanual do 46,6% deste tipo de contratos no mes de xaneiro (en relación co mesmo mes do ano 2011). 

Contratos indefinidos. Xaneiro de 2012
Tipo de contrato Total Variación anual en %
Ordinario 40.164 -16,59
Fomento da contratación indefinida 4.780 -46,63
Persoas con discapacidade (bonificados) 103 6,19
Persoas con discapacidade 404 -7,42
Convertidos en indefinidos 30.428 -32,49
Total 75.899 -26,12

Do pouco que se adiantou até o de agora, si trascendeu que a intención do Goberno de Rajoy é a de limitar a prórroga indefinida dos convenios colectivos. Ademais, tamén está previsto que o Executivo permita ampliar o número de horas de traballo no caso dos contratos a tempo parcial. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.