Este luns coñecéronse os datos do indicador PMI, que avalía a actividade económica. É un dos apuntes económicos máis destacados e fiables. Os autores desta información, Markit, poñen a barreira non no cero, senón no punto 50. Se un país rexistra un índice inferior enténdese que está en proceso de contracción económica ou recesión. España está no 41,9, e achégase de novo aos valores do ano 2009. De cumplirse produciríase o que se entende como double dip (W), unha recaída nunha recesión profunda. E aínda non se levou a cabo o recorte que, segundo o ministro Luis de Guindos, debe superar os 35.000 millóns de euros.
Así as cousas, España afronta outro exercicio de parálise na actividade económica que se vai conxugar cos seguintes factores: recorte do gasto (austeridade e desapalancamento), menor índice exportador (recesión na eurozona), menor investimento empresarial (máis desapalancamento) e caída do consumo interno (desemprego e incerteza sobre o futuro). O paro, que superará o 24% a finais deste exercicio, seguirá engordando un círculo de complexa solución tendo en conta as directrices xa marcadas sobre a acción proactiva do Executivo. Vanse destruír outros 600.000 postos de traballo, segundo o Goberno de Rajoy.
A taxa de paro xuvenil, que xa está no 50%, non ten perspectivas de se reducir excepto que se produza un leve factor de trasvase nas empresas entre empregados con antigüidade e os chamados junior. Isto é, que as compañías se desprendan dos traballadores máis caros para botar man de man de obra máis barata. Aínda así, e segundo os datos dispoñibles, o paro xuvenil seguirá cuadruplicando a taxa rexistrada durante a Transición española. Duplica, tamén, a que se produciu nos EUA durante a Great Depression. E, con ser un problema estrutural español, a meirande parte das economías da Unión Europea teñen a máis do 18% da súa poboación activa máis nova en situación de desemprego.
A Unión Europea
Entre 1970 e 1974, a taxa de paro en Europa (non na UE como a coñecemos agora, obviamente) era do 4,6% entre a poboación máis nova (16-24 anos). O último rexistro coñecido e consolidado entre todos os países supera 20% (finais de 2010). En España, e tamén no último lustro da ditadura franquista, a proporción de desempregados novos respecto do total de poboación activa era practicamente igual á media europea: 4,9%, segundo datos da OCDE. Unha vez pisou España a década dos 80 as ratios empezaron a subir do 20%. Nunca, agás durante o trienio máis explosivo da burbulla inmobiliaria, se baixou desa cifra. O conxunto de Europa, pola contra, non o superou nunca (até a actual recesión)
Ao igual que sucede co mercado laboral no seu conxunto, a economía española ten un problema estrutural coa poboación activa máis nova e a súa adaptación a un sistema produtivo que non os precisa, non os valora ou ambas as dúas cousas como sostén o Center of Economic Policy Research (CEPR) de Washington. Os economistas David N.F. Bell e David G. Blanchflower, da Universidade de Stirling, fan unha vinculación directa entre a destrución de emprego en Estados Unidos e a de España. "Nos dous houbo grandes caídas no PIB e no emprego durante a recesión", apuntan. "O Emprego nos EUA retrocedeu case un 8%, mentres que en España o fixo un 9,4%". "Hai unha vinculación directa, no mercado laboral dos máis novos, co desproporcionado número de mozos que traballan ou traballaron na construción, sector que sufre dos efectos típicos dunha burbulla nos prezos", constatan ambos os dous expertos no informe ao que tivo acceso este diario.
Outro indicador é o seguinte: os mozos españois son os que se sinten máis inseguros de toda a Unión Europea e Estados Unidos á hora de manter o posto de traballo, por riba de Irlanda, Grecia ou Italia (con datos de 2010).
A porcentaxe de emprego das persoas máis preparadas en España é moi reducida, en comparación con economías do entorno. Isto implica que, malia que existe man de obra cualificada para adaptarse ao mercado laboral, as firmas non botan man da mesma. No primeiro trimestre de 2008 a taxa de universitarios e outras persoas con educación superior que estaban traballando era do 57%. En Letonia ou Alemaña era superior ao 80%. E en España segue baixando. Os datos actuais amosan unha taxa de emprego do 47,2%, fronte ao 87,5% de Finlandia.