O Goberno de Rajoy vén de desprenderse de calquera recato que puidera estar vixente para aprobar unha reforma laboral que, en esencia, reducirá o custo do despedimento, eliminará a autorización administrativa previa no caso dos expedientes de regulación de emprego e permitirá que as empresas de emprego temporal (ETTs) actúen como axencias de colocación. Punto e final ás incertezas. Acabouse a especulación pola vía do decreto. A reforma "extraordinariamente agresiva" está aprobada e entrará en vigor de xeito inmediato.
Son moitos e diversos os puntos no que se introducen cambios. Para o Goberno esta é a lei definitiva que axudará a crear "emprego de calidade" e a "eliminar a dualidade do mercado". Un despedimento máis barato, áxil e de fácil tramitación acabará, ou así o espera o Ministerio de Emprego, coas dúbidas dos empresarios á hora de contratar de xeito indefinido. Para as persoas que están no paro, tal e como adiantou onte este diario, facilitaráse o emprendemento mediante a capitalización do subsidio de desemprego. As pemes recibirán subvencións por mantemento do seu cadro de traballadores. A dualidade do mercado laboral pretende finiquitarse, xa que logo, cun menor custo para os empresarios á hora de contratar, despedir e de recibir (no caso das pemes) subvencións.
Os puntos da reforma
-
Un dos aspectos que vertebran esta nova lei, e que non foi analizado na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, é a que afecta aos empregados públicos. Ábrese a posibilidade de que os organismos e entidades que forman parte do sector público invoquen "causas económicas, técnicas, organizativas e de produción" para adelgazar o seu cadro de persoal. Esta medida "pretende facilitar o redimensionamiento daquelas estruturas administrativas que creceron desmesuradamente durante a fase de forte crecemento económico e que non son sustentables desde un punto de vista financeiro no momento actual, nin existe unha previsión de que o sexan nos próximos anos". Duro golpe á chamada administración paralela e a organismos públicos cun excesivo nivel de custos de persoal sobre o orzamento xeral do que dispoñen.
- Até o de agora, unha empresa que quería presentar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE), aludindo a causas económicas, requerían do visto e prace da autoridade laboral competente. Agora non terán que pedir autorización previa á administración.
- Co obxectivo de "evitar o despedimento", simplifícanse os trámites para reducir a xornada de traballo ou suspender o contrato como mecanismo de axuste "ante situacións de diminución da demanda". Elimínase a autorización administrativa necesaria para levar a cabo a medida.
- O Executivo de Rajoy asegura que é a súa intención a de "sumar esforzos" na procura de "búsqueda de emprego". Para iso, consideran que é unha boa opción que as empresas de traballo temporal (temporal, non indefinido) actúen como axencias de colocación. "En ningún caso as ETTs cobrarán aos traballadores", puntualiza o Goberno.
- Os contratos "para a formación e a aprendizaxe" poderán asinarse ata os 30 anos. Ata ese umbral de idade eleva Fátima Báñez o "desemprego xuvenil". "Tras esgotar un período de formación nunha actividade", o traballador poderá utilizar esta modalidade de contrato noutros sectores, o que "mellorará o seu empleabilidad e permitiralle unha segunda oportunidade", sempre segundo o criterio do Goberno. A xente máis nova poderá mudar de emprego de xeito constante tendo só un contrato en prácticas, moi pouco remunerados.
- Os contratos temporais non poderán ter unha vixencia superior (coa suma dos mesmos) aos dous anos. Este cambio é unha modificación dun regulamento que puxo en marcha o Goberno de Zapatero.
- As empresas poderán modificar libremente as funcións que deben asumir os seus traballadores. Tamén poderán cambiar o horario laboral, o salario ou o sistema de rendemento.
- Os empresarios poderán non aplicar o convenio colectivo de ámbito superior se así o desexan, de xeito que poderán reorganizar as condicións do seu cadro de traballadores segundo as súas necesidades. Os convenios colectivos non poderán prorrogarse máis alá de dous anos despois de ter caducado.