As instalacións na Coruña de Extel, empresa de telemárketing subcontrata de Movistar e pertencente ao grupo Adecco, baleiráronse este luns na folga de 24 horas convocada en protesta polos despedimentos "por enfermar" denunciados polo comité de empresa.
O seguimento do paro na quenda da mañá foi, segundo delegados sindicais, do 95%, accedendo ao seu posto de traballo unicamente persoas con algún cargo de responsabilidade pero ningunha das que exerce como teleoperadora.
O seguimento da folga na quenda da mañá foi do 95%; o persoal mobilizouse nun ambiente "crispado e de indignación" contra a empresa
O aval do Tribunal Constitucional ao despedimento obxectivo por faltar un número determinado de días ao traballo, aínda que sexa por unha enfermidade e de forma xustificada, cebouse co sector do telemárketing, un dos máis precarizados. A empresa Extel tirou desta posibilidade agora lexitimada pola Xustiza para despedir catro persoas na Coruña nunha semana, tres delas no mesmo día. A decisión é considerada polo comité de empresa unha "estratexia" da compañía para prescindir de persoal "sen necesidade de ERE e maior conflito". As sospeitas son que estes despedimentos non serán os últimos.
De feito, eses despidos chegaron pouco despois de que a empresa decidise mudar un criterio que sempre aplicara. O 25 de novembro, Extel comunicou ao persoal que deixaba de admitir os xustificantes médicos por repouso e que obrigaba a coller baixas de un día. Para os sindicatos con representación, o único obxectivo da medida era "executar despedimentos por absentismo". Catro días máis tarde, executáronse tres despidos de vez en virtude do artigo 52 do Estatuto dos Traballadores. Unhas xornadas máis adiante, outro. Sempre no último día da semana.
Coincidindo coa folga, ducias de persoas concentráronse ante a sede da empresa na Coruña. "As nosas vidas son máis importantes que os beneficios destes mangantes", berraban os concentrados, que denunciaban nas súas pancartas a "escravitude laboral" e os "despidos por enfermar" e que sinalaban tamén a Movistar e Adecco.
Extel aproveitou o aval do Constitucional aos despidos por baixas xustificadas para botar catro persoas nunha semana
"A valoración, tanto da folga como da mobilización, é boa", di Adrián García, delegado de CGT --o sindicato con maior representación--, no medio dun ambiente "crispado e de indignación" coa compañía que, segundo aclara, "non fixo ningún movemento nin amosou intención ningunha de querer falar ou chegar a un acordo".
A clave agora, para saber a posición da compañía, será o vindeiro 16 de decembro. Logo de que fosen rexeitados os partes de repouso para xustificar unha baixa, a CGT presentou un conflito colectivo que será resolto no servizo de mediación (SMAC), onde tamén hai convocada unha mobilización que coincide cun paro de catro horas ese mesmo día.
O aval do Constitucional ao despido por enfermidade
Hai tan só unhas semanas, o Constitucional avalou o despedimento por causas obxectivas en 2016 dunha traballadora dunha empresa que alegou que se ausentara nove días dos corenta hábiles en dous meses consecutivos, máis do 22% das xornadas. Malia ser ausencias xustificadas, agás unha, mediante baixas por incapacidade temporal, o alto tribunal deulle a razón.
Aludiu a compañía ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, introducido coa reforma laboral de 2012. Nel sinálase que son causa de despido obxectivo "as faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificados pero intermitentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos sempre que o total de flatas de asistencia nos doce meses anteriores alcance o 5% das xornadas hábiles ou o 25% en catro meses discontinuos dentro dun período de doce meses".
O sector de telemárketing sufriu en Galicia xa cinco despidos avalados na sentenza do Tribunal Constitucional
Extel tirou dese artigo e dese aval xudicial para executar catro despidos nunha semana. A final desta, os representantes do persoal na empresa temen que haxa máis e que esa sexa a fórmula que use para "adelgazar" o número de traballadores sen necesidade de aplicar un ERE "nin crear un conflito máis grande".
Con todo, o de Extel non foi o primeiro caso. No mesmo sector, a empresa Konecta, con sede en Bergondo, despediu no pasado mes de outubro un delegado sindical de CCOO "por poñerse enfermo", tal e como denunciou o sindicato, logo de aplicar o mesmo artigo 52 malia estaren as baixas xustificadas. "Unha mostra máis do grao de deshumanización ao que nos ten acostumados esta firma", denunciara Comisións.