Unitono, compañía do sector dos centros de chamadas con sede en Ourense, abriu o mes pasado unha oficina en Reus (Tarragona) que pasará a ocuparse do servizo de atención ao cliente de Naturgy, que ata agora viña realizándose dende a sede da compañía en Ourense. O movemento, denuncian os sindicatos, pon en grave risco a continuidade dos actuais 130 postos de traballo da empresa en San Cibrao das Viñas.
Este luns as traballadoras e traballadores de Unitono en Ourense levaron a cabo unha folga de unha hora por quenda que tivo un seguimento do 100%, segundo as centrais. O paro repetirase este mércores. O cadro de persoal de Unitono aproveitou a convocatoria para desenvolver unha concentración diante das instalacións da compañía, onde despregaron unha faixa e berraron consignas contra a deslocalización e o mantemento do emprego.
Das 131 traballadoras actuais, 107 son mulleres e 24 homes, e arredor do 93% ten contratos indefinidos. A CIG denuncia que nos últimos anos parte dos servizos foron xa deslocalizados a outros lugares, como Colombia ou Xerez (Cádiz). "En Ourense chegamos a ser 262 traballadoras, e na actualidade somos xusto a metade; ademais, levamos anos reclamando que se busquen máis campañas para non depender dun só cliente, pero non nos fixeron caso e agora atopámonos nesta situación”, sinala a central.
As sospeitas de que todos os servizos que ata agora viña realizando a oficina de San Cibrao das Viñas pasarán a ser asumidos polo novo centro de Reus increméntanse polo feito de que hai xa anuncios para contratar máis persoal alí que "piden coñecementos de inglés e de galego”, denuncia a CIG.
Entre as medidas de presións que idearon as traballadoras de Unitono está a de pedir que a xente que queira apoiar as súas reivindicacións chame ao número de atención ao cliente de Naturgy (900 100 259) nas horas da convocatoria de folga deste luns e mércores (de 12 a 13 e de 18 a 19). E que, ademais, pida atención telefónica en galego.