Bosch, segunda empresa con máis persoal de Vigo, presenta un ERE temporal para 650 persoas

Mobilización da CIG ante a sede de Bosch, hai uns meses © CIG

A multinacional Bosch vén de presentar un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na súa central de Vigo, na que traballan máis de 2.000 persoas, a maioría mulleres. Bosch é, despois de PSA-Citroën a segunda empresa que xera máis emprego na cidade olívica. O ERTE implicará suspensións de emprego de entre 15 días e dous meses para 650 traballadoras ata o vindeiro 31 de xullo, cobrando o 70% do soldo.

Ademais do ERTE, Bosch decidiu prescindir doutras 200 traballadoras que estaban contratadas a través de empresas de traballo temporal

As causas do ERTE están nos problema que arrastra Vodafone España dende hai meses. Bosch-Vigo encárgase das funcións de soporte técnico, provisión administrativa e reclamacións da compañía de telecomunicacións e argumenta que a caída na carga de traballo procedente de Vodafone fai necesaria a regulación de emprego. Ademais do ERTE, Bosch decidiu prescindir doutras 200 traballadoras que estaban contratadas a través de empresas de traballo temporal (ETT).

Os sindicatos critican que Bosch rexeitou negociar os axustes e o xeito en que se levarían a cabo e que tamén se negou a recolocar as traballadoras afectadas noutros departamentos da compañía, como por exemplo os que se encargan do servizo de atención telefónica de Orange. A compañía recoñece que noutros ámbitos si necesitan máis persoal, pero segundo os sindicatos, optará por contratalo de forma externa.

Os sindicatos critican que Bosch rexeitou negociar os axustes e o xeito en que se levarían a cabo e que tamén se negou a recolocar as traballadoras afectadas noutros departamentos da compañía

Dende a CIG denúnciase que o ERTE se deseñou "a cegas" e cunha previsión "de máximos" e subliñan que a carga de traballo procedente de Vodafone segue a ser moi elevada. O prazo legal de consultas rematou o pasado 12 de febrero e a pasada semana entrou en vigor finalmente o ERE temporal. A empresa solicitara "voluntarias" para este este ERTE, pero tan só se presentaron 171 persoas para cubrir as prazas nesta medida de regulación de emprego

O telemarketing é un dos sectores máis feminizados, con ao redor dun 70% de traballadoras. Será, polo tanto, un dos ámbitos clave da folga xeral de mulleres do vindeiro 8 de marzo. CIG, CNT, CUT ou CGT convocaron un paro de 24 horas. CC.OO, a pesar de que chamou a paros de dúas horas na maior parte dos sectores, no dos call center optou tamén por unha convocatoria de 24 horas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.