Nos últimos 8 meses o persoal de Atento na Coruña vén realizando mobilizacións (paros todos os luns, varias folgas de 24 horas, manifestacións...) para protestar polas condicións laborais desta empresa de telemarketing que emprega a 600 persoas na cidade, a maioría mulleres e de idades novas, con condicións moi precarias. Hai uns meses un acordo coa compañía puxo fin, en principio, ás mobilizacións. Porén, CIG e CGT denuncian que Atento incumpriu este acordo dende o primeiro momento, o que leva a reiniciar as protestas.
Os motivos da mobilización son os despedimentos de once traballadoras e traballadores no último mes e medio, a maioría en situación de baixa médica, denuncia a CGT
Este luns, as traballadoras e traballadores están chamadas a unha folga de dúas horas por quenda (de 0 a 2, de 12 a 14 e de 18 a 20 horas). Ademais, ás 12 horas levarase a cabo unha concentración ante a sede da empresa. E ás 18 horas partirá dese mesmo lugar unha manifestación que percorrerá a rúa Juan Flórez para rematar de novo ante as instalacións da compañía.
Os motivos da mobilización son os despedimentos de once traballadoras e traballadores no último mes e medio, a maioría en situación de baixa médica, denuncia a CGT. Ademais, o sindicato critica a imposición das vacacións ao persoal, a falta de formación profesional, substituída pola "autoformación", o "insoportable" ritmo de traballo e o aumento das presións sobre as pausas e os tempos de chamadas "coas súas negativas consecuencias para a nosa saúde".
A CIG di que non quedarán "sentadas mentres Atento vai executando despedimentos individuais ata desmantelar o centro de traballo"
"Atento incumpre con desvergoña e chulería o acordo alcanzado cos representantes das traballadoras o pasado ano nunha mediación ante a autoridade laboral", di CGT, que reclama a intervención da Inspección de Traballo.
"Estamos como hai oito meses", di a CIG, que subliña que non quedarán "sentadas mentres Atento vai executando despedimentos individuais ata desmantelar o centro de traballo". "Sabemos que nada salvo a mobilización masiva poderá impedir que a empresa siga atrevéndose a fulminarnos", conclúe o sindicato.