Muller, precaria e loitadora: O telemarketing rebélase contra a invisibilización dos seus conflitos laborais

Manifestación contra o ERE de Extel na Coruña Dominio Público @MareasEnComun

“Cando se fala de Alcoa sempre se di que hai 400 familias que dependen deses empregos, pero cando hai despedimentos en Atento ou na empresa que sexa neste sector parece que o problema non é tan importante. Parece que moita xente está convencida de que nós non vivimos do que cobramos aquí, senón que os soldos de teleoperadora son simplemente un complemento doutros salarios. Eu apoio aos compañeiros de Alcoa en todo: fun a todas as manis, camiñatas e protestas que fixeron, por suposto. Pero ás veces parece que hai problemas de primeira e de segunda categoría. É como se dixesen: 'tes un traballo de merda, malo será que non atopes outro traballo de merda, tampouco é para tanto'. Pero hai mulleres que cos 600 euros que cobran como teleoperadoras pagan un piso e alimentan dous fillos”.

"Ás veces parece que hai problemas de primeira e de segunda categoría. Pero hai mulleres que cos 600 euros que cobran como teleoperadoras pagan un piso e alimentan dous fillos”

Mónica Carrodeguas é delegada da CIG en Atento, empresa de telemarketing que emprega a 600 persoas na Coruña. Os call centers dan traballo a case 10.000 persoas en Galicia, un 75% mulleres e ao redor da metade de menos de 35 anos. Son na súa maioría grandes empresas. Bosch en Vigo emprega a 1.500 persoas (que chegaron a ser máis de dúas mil), Unísono tamén en Vigo a ao redor de 1.000, Extel na Coruña a unhas 700, Teleperformance a case medio milleiro, por poñer algúns exemplos. 

O sector caracterízase polos seus baixos salarios e pola precariedade contractual e constitúe un dos reflexos máis claros de que as novas xeracións foron as maiores prexudicadas pola crise económica da última década e polas últimas reformas laborais. Os soldos roldan os mil euros para aquelas persoas que traballen 39 horas semanais (o máximo fixado no último convenio), pero estas son unha minoría. A maioría traballa 30, 25, 20 horas ou menos, cun salario medio duns 600-700 euros, que as obriga a buscar outros empregos a tempo parcial se queren ter uns ingresos dignos. 

Bosch emprega a 1.500 persoas en Vigo, Unísono a ao redor de 1.000, Extel na Coruña a unhas 700, Atento a 600, Teleperformance a case 500

Con todo, isto non é nada doado, tendo en conta que moitas delas padecen horarios cambiantes que lles impiden calquera posibilidade de conciliación con outras actividades. É ademais un traballo duro, estresante, tanto polo volume de chamadas que teñen que atender cada día como polas crecentes esixencias introducidas polas empresas. Son moitas as denuncias en materia de saúde laboral e riscos psicosociais e son moitas as baixas por ansiedade ou depresión.

“Non nos deixan traballar en paz. Hai xente que senta a traballar e está atendendo as chamadas chorando a metade do día. Esa presión e ese nivel de estrés é o que rebenta a nosa saúde e o que provoca que teñamos tantas baixas. Cada vez que se fai unha avaliación de riscos psicosociais, os factores son todos negativos. Inspección sempre conmina as empresas a baixar eses factores de risco, pero nunca se fai nada. Con mellores condicións, traballariamos a gusto e o servizo emprestado sería moito mellor. Pero a realidade é que a maioría das persoas que traballan en telemarketing cando van fichar, collen a tarxeta e bufan. Comeza un novo día”, explica Mónica Carrodeguas.

É o sector con máis conflitos laborais en todo o Estado

É, ademais, un sector que rexistra unha gran mobilización laboral e unha gran participación en sindicatos, sendo o sector con máis conflitos en todo o Estado, segundo os datos do Servizo de Mediación e Arbitraxe, encargado de dirimir os enfrontamentos entre empresas e traballadores. Traballadoras de varias empresas destacan que a súa situación empeorou nos últimos anos, a pesar de que a facturación do sector mantivo un crecemento constante (cun incremento nos seus ingresos do 7% ou do 8% cada ano). Pola contra, os salarios mantivéronse practicamente conxelados neste tempo, unha perda de poder adquisitivo do 5% que foi confirmada polo ultimo convenio colectivo, asinado por CCOO e UGT, que introduciu algunhas melloras, pero insuficientes para CGT ou CIG.

Oficinas baleiras de Extel, nunha das folgas convocadas nos últimos anos © CIG Extel

Unha situación cada vez máis precaria

As traballadoras sofren a presión da deslocalización dos servizos a países con soldos máis baixos provocou centos de despedimentos en moitas compañías (en Galicia, por exemplo, en Atento ou Extel). Ademais, a situación de precariedade laboral que se vive no conxunto da sociedade é aproveitada polas empresas de telemarketing para ofrecer menos garantías ao seu persoal. “As empresas do sector aproveitan a situación de crise económica: como non hai outros empregos ou non hai empregos menos precarios, o que fan é apertar moito máis ás traballadoras”, salienta Adrián García, traballador de Extel na Coruña.

“As empresas aproveitan a situación de crise económica: como non hai outros empregos ou non hai empregos menos precarios, o que fan é apertar moito máis ás traballadoras”

“Dende hai dous anos parece que todo o temos que arranxar no xulgado ou en Inspección de Traballo. A situación empeorou dende que decidiron centralizar todo en Madrid. Non é que todo fora perfecto antes, pero non tiñamos que acabar continuamente nun conflito para reivindicar dereitos que son nosos”, comenta igualmente Luísa Baños, traballadora de Unísono en Vigo.

O mesmo comenta Mónica Carrodeguas (Atento): "Hai tendencia a empeorar, cada vez teñen menos vergonza en dicir unha cousa e facer a contraria, en facer lecturas estrañas dos convenios, en ter menos reparos a que todas as situacións acaben nos xulgados... As empresas están envalentonadas ao ver o que pasa en empresas con máis visibilidade social, como Alcoa ou Vodafone. Os nosos conflitos nunca van ter a repercusión pública dos seus".

“Temos un convenio colectivo que legaliza a precariedade laboral. Non puxo couto a nivel salarios, xornada, posibilidade de conciliar...”, denuncia Adrián García, que lembra que “houbo unha importante perda de poder adquisitivo nestes últimos anos, nun tempo no que o sector estivo maximizando beneficios a custa de precarizar o traballo”. García denuncia, ademais, que a propia administración pública (a través de Correos, Facenda, Seguridade Social e outras entidades) “está subcontratando a empresas de telemarketing servizos que antes daban traballadoras con condicións laborais moito mellores”. 

"Hai tendencia a empeorar, cada vez teñen menos vergonza en dicir unha cousa e facer a contraria, en facer lecturas estrañas dos convenios, en que todas as situacións acaben nos xulgados"

“E as empresas de telemarketing están á súa vez subcontratando eses servizos xa subcontratados. Baixan os custos a custa de recortar os dereitos e as condicións laborais”, resume e concorda con Luísa Baños en que as empresas recorren cada vez con máis frecuencia á vía xudicial e a incumprir os acordos e convenios asinados: “Prefiren ir ao xulgado, porque na espera de 2 ou 3 anos ata que se resolve o caso a traballadora segue explotada e moitas veces abandona”.

Outra das cuestións común a case todas as compañías é o recurso cada vez máis estendido á contratación a través de empresas de traballo temporal. Precisamente o persoal de Unísono mantén neste momento mobilizacións en protesta por estas contratacións por ETT. As persoas que son contratadas deste xeito contan con condicións laborais aínda peores. “Moitas veces comunícanlles o horario o día anterior a entrar a traballar, mentres que ao resto nos teñen que comunicar os horarios o mes anterior (e ao 20% con 7 días de antelación). Así é imposible ter calquera plan de vida”, comenta Luísa Baños.

"Hai xente que está atendendo as chamadas chorando a metade do día. Esa presión e ese nivel de estrés é o que rebenta a nosa saúde e o que provoca que teñamos tantas baixas"

Baños destaca tamén que a outra razón pola que as empresas prefiren persoal temporal é que estas traballadoras “non protestan”. “Cando hai unha folga a maior parte das traballadoras que si acoden a traballar é persoal ETT. Teñen moito medo. Non se dan conta de que nós non queremos que as despidan, senón que o que queremos é que as contraten en condicións”, destaca. 

Adrián García salienta tamén que a contratación de persoal temporal dificulta igualmente o traballo de control das condicións laborais que levan a cabo os sindicatos. “Despois das dúas últimas reformas laborais temos unha lexislación que nos deixa absolutamente vulnerables ante os abusos”, salienta. “Mentres non teñamos un convenio colectivo que garanta unha condicións dignas, veremos empresas que fagan isto ou máis”, di. Lembra, ademais, que “hai que ter en contra que este sector foi creado para precarizar. As traballadoras cobran a metade do que cobraba antes unha persoa facendo ese traballo directamente en Telefónica ou Gas Natural”.

"Os ritmos de traballo son tan brutais, por ter que estar collendo chamadas un minuto tras outro, que non compensa ter 8 horas seguidas traballando a unha persoa"

O traballador de Extel destaca que a precariedade laboral é algo do que as empresas se benefician, preferindo ademais os contratos a tempo parcial, que xeran un amplo conxunto de traballadoras pobres. Por unha banda, destaca que "unha xornada parcial pode, ademais, ser reducida en calquera momento aducindo unha diminución na carga de traballo, porque así o permite a lexislación, cousa que non se pode facer cunha xornada a tempo completo". Ademais, explica que "os ritmos de traballo son tan brutais, por ter que estar collendo chamadas un minuto tras outro, que non compensa ter 8 horas seguidas traballando a unha persoa. Chegado un momento ninguén é capaz de resistir ese ritmo de traballo inhumano durante 8 horas, por unha cuestión física".

Os salarios resultantes destas xornadas parciais son tan baixos que obrigarían a ter dous traballos ao mesmo tempo para sumar un salario minimamente digno, pero a realidade é que os horarios que se poñen "por necesidades do servizo” fan que moitas veces iso sexa imposible. Xornadas habituais, por exemplo, de 10 a 15 horas ou de 12 a 17 horas fan que non se poida ter un segundo traballo.

As deslocalizacións e a importancia da lingua galega

Hai medo polas posibles deslocalizacións de servizos? Este é un sector que depende moito das veleidades e flutuacións das grandes empresas. Precisamente nestes momentos Bosch, en Vigo, está afectada pola política de recortes de Vodafone, pois comparte algúns servizos coa compañía de telecomunicacións, que anunciou 41 despedimentos en toda Galicia. 

“A única solución depende das persoas que chaman: que pidan atención en galego. Con iso evítase a deslocalización”

“Non lle temos medo ás deslocalizacións. Deslocalizacións xa sufrimos, xa nos despediron xente, pero é evidente que é unha política recorrente destas empresas. É habitual que moita xente chame e diga 'ah, menos mal, por fin alguén de aquí'”, comenta Mónica Carrodeguas (Atento), que apunta que a “única solución depende das persoas que chaman: que pidan atención en galego. Con iso evítase a deslocalización”. “Do único que teñen medo as empresas é de que os clientes marchen a outras empresas que si lles dean o que eles piden”, destaca.

Tamén en Bosch o persoal participou na campaña lanzada pola Mesa por defender os dereitos lingüísticos. Laura Pérez, delegada da CIG na empresa, salientou que “se as e os clientes, cando chaman ao servizo ou reciben unha chamada comercial, demandaran atención en galego, este servizo tería que quedar no noso país. É importante que a xente se dea conta deste feito".

Manifestación do persoal de Atento © CGT Atento

Estrés, negación de dereitos, un mal clima laboral

O de teleoperadora é un traballo duro: estrés, ansiedade, depresión..., unha grande inestabilidade que comeza na propia incerteza contractual. Unha gran maioría dos contratos son temporais ou por obra. E moitas veces a diminución do volume de traballo desa obra é empregada polas empresas para xustificar despedimentos e aforrar así as consecuentes indemnizacións, como lembra Laura Pérez (Bosch).

"Hai estrés por parte do cliente, da empresa, da túa propia situación laboral ou polo feito de que nos cambian continuamente de servizo sen darnos apenas formación"

"A xente que comeza agora a traballar na empresa non ten ningún tipo de estabilidade, non sabe se vai estar aí o mes seguinte, practicamente, o que xera un gran estrés", comenta Laura Fernández, empregada en Teleperformance, na Coruña, que destaca ese estrés como o principal problema do seu traballo. "Hai estrés por parte do cliente, da empresa, da túa propia situación laboral ou polo feito de que nos cambian continuamente de departamento ou de servizo sen darnos apenas formación, como moito unha charla de dous minutos e a traballar nun encargo novo", di.

"Hai unha gran presión por acadar os obxectivos que che esixen. E cando chegas sempre che esixen máis para poder seguir cobrando os incentivos. Ao final non sabes se é mellor chegar ou non chegar", comenta, salientando que "por convenio ti tes unha pausa visual de cinco minutos cada hora. E mídenche os segundos que te pasas".

"Non podemos conciliar familia e traballo porque a empresa queres que esteamos á súa completa disposición", explica pola súa banda Luísa Baños (Unísono). "A empresa néganos dereitos que están recollidos nos convenios ou en acordos coa compañía, como por exemplo permisos por hospitalización dun familiar, posibilidade de cambio de quendas, problemas coas vacacións, problemas cos Permisos Individuais de Formación...", di. "A empresa esíxete moitísimo, continuamente e na actualidade non está ofrecendo sempre os inventivos aos que temos dereito", denuncia.

O resultado son un gran número de baixas, unha proporción importante de traballadoras que teñen que realizar o seu traballo "medicadas" e un malestar xeneralizado

O resultado son un gran número de baixas, unha proporción importante de traballadoras que teñen que realizar o seu traballo "medicadas" e un malestar xeneralizado. "Polo xeral, hai un clima laboral moi malo, debido a que a empresa xera competitividade entre as propias traballadoras e xoga cos sistemas de incentivos, que son impostos polas empresas de maneira unilateral, arbitraria e opaca, que son moi importantes para poder acadar un soldo minimamente digno", comenta igualmente Adrián García (Extel), que denuncia que Inspección de Traballo "non se implica, non levan a cabo a súa función para obrigar a estas empresas a cumprir os convenios ou a normativa en materia de saúde laboral".

De igual maneira Laura Fernández (Teleperformance) comenta que "a xente ten moito medo nas empresas". "Nós temos unhas cláusulas de confidencialidade moi estritas, máis que noutras empresas. A xente ten moito medo a falar", di.

 

Elevada mobilización das traballadoras

"As traballadoras responden sempre que hai unha mobilización"

Nos últimos anos, un dos escasos elementos positivos foi a elevada participación das traballadoras nas numerosas mobilizacións que se produciron, tanto a nivel de cada empresa como no conxunto do sector. Como salientaba o propio Adrián García hai uns meses nunha das últimas protestas en Extel, "as traballadoras viron que a única maneira de conseguir cambios era mobilizándose".

"As traballadoras responden sempre que hai unha mobilización. Vigo é sempre un dos centros que máis participa", destaca Luísa Baños, ao igual que Mónica Carrodeguas: "Seguimos tendo unha participación de máis do 50% en todas as mobilizacións. Para nós é fundamental, porque é a única maneira de que a xente vexa que imos en serio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.