O ERE en Extel: A importancia de solicitar a atención telefónica en galego

Campaña iniciada estes días para sinalar a importancia na lingua no mantemento dos empregos © CIG Extel

Son moitas as ocasións nas que se lles reclama aos e ás consumidoras dun produto ou servizo un determinada toma de conciencia e a toma de decisións coherentes cunha posición ideolóxica. Tamén no caso da lingua. Pero en poucos sectores coma o da atención telefónica o efecto dunha escolla lingüística pode ser tan importante.

As centrais de chamadas (ou call centers, contact centers...) optan cada vez máis pola deslocalización, sobre todo en América Latina, buscando manter a súa oferta de servizos con persoal que acepte salarios inferiores.  En todo o Estado traballan unhas 80.000 persoas nestes servizos de telemarketing (8.000 en Galicia), pero nos últimos anos as empresas empresas españolas abriron delegacións no exterior que xa suman 25.000 empregados e empregadas. As cicateiras condicións salariais e laborais ofrecidas motivaron a convocatoria dunha folga xeral no sector.

A da Coruña é unha das oficinas máis importantes, cun total de 900 empregados e empregadas, que traballan en exclusiva para o servizo de atención ao cliente de Movistar, o coñecido como 1004

Extel, división de call center do grupo Adecco, anunciou hai uns días a presentación dun Expediente de Regulación de Emprego que -segundo se insinuou nos últimos días- afectaría á metade dos 3.000 traballadores e traballadoras que ten en España (en Hospitalet de Llobregat, A Coruña, Alcobendas, Málaga e Zaragoza), ficando fóra desta medida os centros que posúe en Lisboa e Arequipa (Perú), nos que traballan outras 3.000 persoas. A da Coruña é unha das oficinas máis importantes, cun total de 900 empregados e empregadas, que traballan en exclusiva para o servizo de atención ao cliente de Movistar, o coñecido como 1004.

Este martes, Extel negouse a recoñecer a parte social da mesa de mediación, polo que non comunicou o número exacto de despedimentos en cada centro e os motivos que xustificarían o ERE

Este martes ao mediodía tivo lugar en Madrid unha xuntanza de mediación á que acudiron representantes sindicais de todos os centros do Estado. Esta reunión supuña o inicio do período legal de consultas, de 30 días de duración, no que un equipo negociador en representación do persoal buscará deter o ERE ou cando menos limitar os seus efectos. Porén, a empresa negouse a recoñecer a parte social da mesa, aludindo á falta de acordo para a composición dese equipo negociador (CIG e USO estaban empatados para ocupar a derradeira praza, e a empresa non aceptou que se incorporasen os dous sindicatos). En consecuencia, a compañía negouse a informar sobre o número exacto de traballadores/as afectados/as en cada centro e sobre os motivos que xustificarían a presentación do ERE. En principio, comunicarallo este mércores á autoridade laboral competente.

Hai dúas semanas o pleno da Coruña aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo BNG, reivindicando unhas condicións "máis xustas para o sector" e denunciando as "presións empresariais, sancións, vexacións ao persoal e reducións nas condicións laborais". Ademais, demandábase "a posta en marcha de campañas de sensibilización para que a xente saiba que pode ser atendida en galego, dotando de persoal suficiente para cubrir os servizos na nosa lingua, e colaborando así con que non se perdan empregos en Galicia e que non se deslocalicen postos de traballo". "Mentres o sector crece e ten máis beneficios ca nunca, cada vez máis servizos se externalizan e se abaratan pola vía da subcontratación", engadía a moción, concluíndo que "as condicións das traballadoras empeoran para adaptarse á consecuencia".

A agrupación da CIG en Extel iniciou unha campaña para que os e as usuarias de Galicia do servizo de atención telefónica de Movistar reclamen ser atendidos e atendidas en galego

Nos últimos días, unha vez que se coñeceu a intención da empresa de presentar o ERE, a agrupación da CIG en Extel iniciou unha campaña para que os e as usuarias de Galicia do servizo de atención telefónica de Movistar reclamen ser atendidos e atendidas en galego, un servizo que ofrece a compañía e que, destacan, axudaría a manter o centro de traballo e as prazas existentes na Coruña, limitando as posibilidades de deslocalizalos a outros territorios. Lembran que o telemarketing non é en absoluto un sector en crise, senón que pola contra as distintas empresas que se ocupan da atención telefónica obteñen nestes momento importantes beneficios.  

 

Mobilización contra as condicións laborais no telemárketing CC-BY-SA CIG
Mobilización convocada pola CGT ante a sede coruñesa da empresa © CGT Extel
Campaña iniciada estes días para sinalar a importancia na lingua no mantemento dos empregos © CIG Extel

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.