As 8.000 persoas que traballan nos 'call centers' galegos, chamadas á folga

En Galicia ao redor de 8 mil persoas traballan nos centros de chamadas CC-BY-NC-ND The Poss

As ao redor de oito mil persoas que traballan nos centros de chamadas instalados en Galicia están convocadas á folga, despois de que a limitada proposta da patronal do sector rachase hai uns días as negociacións do convenio colectivo. Os xoves 22 e 29 de setembro haberá paros parciais, e o 6 de outubro levarase a cabo un paro total.

As empresas ofrecían unha suba salarial máxima do 0,6% anual ata o 2018, recortando dereitos -coma as horas para ir ao médico- e empeorando outras condicións, ampliando por exemplo as bandas horarias nas que os e as empregadas deberían estar dispoñibles para a empresa. O anterior convenio caducou en 2014 e dende entón os salarios -moi reducidos de por si- están estancados. A CIG leva meses convocando mobilizacións no sector, unhas protestas que agora se realizan a nivel estatal

A folga afectará aos servizos de atención ao cliente das grandes empresas de telefonía, banca, empresas enerxéticas e aos servizos de atención ao cidadán. Calcúlase que no conxunto de España traballan unhas 80 mil persoas nestes call centers, con outras 25 mil empregadas e empregados contratados nos centros que as compañías teñen noutros países, como Portugal ou América Latina. A maioría son mulleres e cobran soldos só un pouco por riba do salario mínimo.

O persoal sofre "unhas condicións extremadamente precarias", denuncia a CIG: baixos salarios, contratos a tempo parcial, temporalidade e ritmos de traballo esgotadores. "Mesmo en moitas empresas o persoal sofre un acoso laboral organizado e estruturado", engade o sindicato. O actual convenio fixa un soldo bruto de 969 euros ao mes para quen chegue a unha xornada semanal de 39 horas, que poucas persoas acadan.

A pasada semana o pleno da Coruña aprobou por unanimidade unha moción, presentada polo BNG, reivindicando unhas condicións "máis xustas para o sector" e denunciando as "presións empresariais, sancións, vexacións ao persoal e reducións nas condicións laborais". Ademais, demandábase un marco galego de relacións laborais para a negociación sun convenio colectivo. E pediuse "a posta en marcha de campañas de sensibilización para que a xente saiba que pode ser atendida en galego, dotando de persoal suficiente para cubrir os servizos na nosa lingua, e colaborando así con que non se perdan empregos en Galicia e que non se deslocalicen postos de traballo".

Na moción sinalaba que "nos últimos anos se vén producindo un incremento das presións ao persoal, así coma reducións de xornadas e peores horarios que fan incompatible a conciliación familiar", debido á "redución de custes que os contratistas aplican unilateralmente coa escusa da crise, co incremento da competitividade das empresas polos grandes contratos". "Mentres o sector crece e ten máis beneficios ca nunca, cada vez máis servizos se externalizan e se abaratan pola vía da subcontratación", engadía a moción, concluíndo que "as condicións das traballadoras empeoran para adaptarse á consecuencia".

De igual xeito, este mes luns o telemarketing centrou o AlmorzoEnMarea, un evento organizado por Marea Atlántica no que participaron traballadores e traballadoras de centros de chamadas da cidade, principalmente Extel e Atento. Na xuntanza salientouse o carácter "precarizado e invisibilizado" deste sector e puxéronse sobre a mesa algunhas dos problemas e reivindicacións do persoal destas empresas.

 

ERE en Extel

O conflito laboral motivado pola falta de acordo sobre o novo convenio colectivo únese ao ERE presentado na empresa Extel (dependente de Adecco), unha das máis grandes de España no sector, con ao redor de 3.000 traballadoras e traballadores en todo o Estado, unhas 900 no seu centro da Coruña. O Expediente de Regulación de Emprego afectará á metade do seu persoal en cinco dos seus seis delegacións, polo que poderían estar en perigo ao redor de 450 empregos na cidade herculina. O dato exacto coñecerase este martes 20, nunha xuntanza en Madrid á que a empresa convocou ás representantes sindicais de todo o Estado.

Representantes do persoal sinalan non entender as razóns do ERE, dada a actual sobrecarga de traballo en todos os departamentos da compañía e sinalan a Movistar como responsable da decisión, pois varias das delegacións de Extel, incluída a da Coruña, traballan en exclusiva para a empresa telefónica.

 

Traballadores/as dos centros de chamadas da Coruña, o pasado 1º de maio © CIG
Mobilización convocada pola CGT ante a sede coruñesa da empresa © CGT Extel
En Galicia ao redor de 8 mil persoas traballan nos centros de chamadas CC-BY-NC-ND The Poss
Mobilización contra as condicións laborais no telemárketing CC-BY-SA CIG
Persoal do sector do telemárketing © CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.