O aval do Tribunal Constitucional ao despedimento obxectivo por faltar un número determinado de días ao traballo, aínda que sexa por unha enfermidade e de forma xustificada, cébase xa cos sectores máis precarizados, como o do telemárketing en Galicia. A empresa Extel, subcontrata de Movistar e pertencente ao grupo Adecco, tirou desta posibilidade agora lexitimada pola Xustiza para despedir de vez tres persoas na Coruña a pasada semana. A decisión, que representantes dos traballadores consideran a primeira dunha vaga progresiva, é vista tamén como unha "estratexia" empregada pola compañía para prescindir de persoal "sen necesidade de ERE e maior conflito".
Extel botou tres persoas na Coruña a pasada semana aludindo ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores que permite despedir por baixas aínda que estean xustificadas
Hai tan só unhas semanas, o Constitucional avalou o despedimento por causas obxectivas en 2016 dunha traballadora dunha empresa que alegou que se ausentara nove días dos corenta hábiles en dous meses consecutivos, máis do 22% das xornadas. Malia ser ausencias xustificadas, agás unha, mediante baixas por incapacidade temporal, o alto tribunal deulle a razón.
Aludiu a compañía ao artigo 52 do Estatuto dos Traballadores, introducido coa reforma laboral de 2012. Nel sinálase que son causa de despido obxectivo "as faltas de asistencia ao traballo, aínda xustificados pero intermintentes, que alcancen o 20% das xornadas hábiles en dous meses consecutivos sempre que o total de flatas de asistencia nos doce meses anteriores alcance o 5% das xornadas hábiles ou o 25% en catro meses discontinuos dentro dun período de doce meses".
Agora, este mesmo artigo foi empregado por Extel. CGT, sindicato maioritario nunha empresa cuns 700 traballadores na Coruña, para xustificar os despedimentos de tres persoas que "seguramente non serán os últimos". "A compañía di que ten a lei da súa man e sabemos cales son as súas intencións", di Adrián García, delegado do sindicato.
Non é o primeiro caso. No mesmo sector, a empresa Konecta, con sede en Bergondo, despediu no pasado mes de outubro un delegado sindical de CCOO "por poñerse enfermo", tal e como denunciou o sindicato, logo de aplicar o mesmo artigo 52 malia estaren as baixas xustificadas. "Unha mostra máis do grao de deshumanización ao que nos ten acostumados esta firma", denunciara Comisións.
Agora, segundo denuncia a CGT, Extel ve no aval do Constitucional a porta aberta para "adelgazar o cadro de persoal de maneira máis barata, sen necesidade de facer un ERE e con moito menos conflito". Ademais, culpan a Movistar de ser cómplice dunha estratexia "orquestrada" da que esperan un goteo de despedimentos.
Así, a representación do persoal convocou xa unha folga de 24 horas o vindeiro 9 de decembro, que inclúe unha concentración ás 12 da mañá. Aseguran que a intención da empresa vén de lonxe e lembran que o pasado 25 de novembro, días antes dos tres despedimentos, a dirección de Extel comunicou de maneira unilateral "un cambio radical" nos criterios establecidos para as ausencias por causas de saúde.
Representantes do persoal advirten dunha "estratexia" de Extel para "adelgazar" o cadro de persoal a través da posibilidade que facilitou o aval do Constitucional
Durante 20 anos, o persoal podía xustificar a súa ausencia cun xustificante médico ou parte de repouso. Agora, a empresa obriga a solicitar unha baixa médica, aínda que sexa de un só día. A mesma medida intentou aplicala hai un ano, pero a CGT presentou un conflito colectivo que fixo recuar a decisión logo dun acordo no servizo de mediación (SMAC). A ese mesmo servizo acudirá agora o sindicato o vindeiro 16 de decembro, cando tamén hai convocada unha mobilización e un paro de catro horas.
"Xa tiñamos advertido de que este cambio de criterio obedecía a unha estratexia entre Movistar e Extel para despedirnos por ter caído enfermas. A sospeita virou en realidade cando se empezaron a comunicar despidos por este motivo o pasado venres", di CGT, que leva a cabo unha campaña de denuncia nas redes baixo o cancelo #ProhibidoEnfermar.
CGT convoca mobilizacións e unha folga de 24 horas para o día 9 de decembro e leva a cabo unha campaña (#ProhibidoEnfermar) contra Movistar e Extel
O sindicato, ademais, advirte de que a empresa non só esixirá a baixa para calquera ausencia, senón que ameazou con pedir o nome do médico de cada un dos traballadores que poñan algún atranco á medida. Adrián García, delegado de CGT, alerta tamén dos "problemas de saúde persoal e laboral" pola posibilidade de que moitas persoas acudan a traballar con algunha doenza ante o temor a poder ser despedidos ou a ver como se lle reduce o salario cada vez que ten que ausentarse, aínda que sexa un día, do posto. "Traballamos ata 80 persoas nunha mesma sala", advirte sobre a situación dun persoal na súa maioría a tempo parcial e con soldos que roldan os 700 euros mensuais.
A situación é outro golpe máis na precarización do sector do telemárketing. O persoal de Extel xa viu no pasado verán como a empresa recortou drasticamente os complementos salariais mentres Movistar subía as tarifas logo de aplicar un ERE ha tres anos. En Ourense, no pasado mes de novembro, Naturgy decidía deslocalizar o servizo de atención telefónica que tiña en Galicia, afectando novamente un sector, o de telemárketing, que conta con máis de 8.000 traballadores e traballadoras no país e uns 80.000 no conxunto do Estado.