Extel executará finalmente o ERE. Así llelo comunicou na mañá deste venres aos representantes dos traballadores, aos que advertiu que, finalmente, o expediente de regulación de emprego afectará 107 traballadores fronte aos 205 previstos no seu centro de telemárketing na Coruña. Case cen menos. No conxunto do Estado, a firma do grpo Adecco levará a cabo un total de 239 despedimentos en lugar dos 355 que incluíra na súa proposta.
O ERE afecta finalmente 107 traballadores da Coruña fronte aos 205 previstos e a 239 no conxunto do Estado
Con todo, Galicia é con diferenza o territorio máis afectado do plan de axuste que leva a cabo a empresa é que tamén afectará 80 empregados en Zaragoza, 20 en Madrid, 26 en Málaga e 6 en L'Hospitalet de Llobregat. Segundo Extel, todas as baixas que se producirán serán voluntarias, as de aqueles que se adheriron ao ERE desde que finalizou o período de consultas a finais de outubro até este pasado mércores. Aínda sendo así, desde o comité de empresa da Coruña advirten que estas adhesións tiveron lugar logo de que a compañía espallase o temor entre o cadro de persoal e tras importantes presións. "Son baixas coaccionadas grazas á reforma laboral", denunciou En Marea nas redes sociais.
Extel di que as baixas son todas voluntarias e o comité atribúeo ás presións e coaccións da empresa
Agora, o comité de empresa medita se recorre ou non o ERE nos tribunais, tal e como xa advertira, algo que determinarán os seus servizos xurídicos. A comunicación da execución do ERE e das condicións chegou no último día de prazo que a compañía do grupo Adecco tiña para decidir, ademais de coincidir cunha nova xornada de paros e concentracións do cadro de persoal contra as intencións da empresa.
O ERE sería efectivo entre o 22 e o 24 deste mes de novembro, sendo comunicado aos traballadores afectados entre os días 7 e 9 de novembro, extinguíndose a relación laboral ao cumprírense os quince días desde a notificación oficial.