Extel recorta drasticamente os complementos salariais mentres Movistar volve subir as tarifas

Mobilización do persoal de Extel na Coruña Dominio Público @MareasEnComun

A partir do vindeiro 5 de xullo Movistar aplicará a terceira suba nas súas tarifas no que vai de ano. Os prezos dos seus servizos de móbil e de fibra encareceranse entre 2 e 10 euros ao mes, un crecemento que se une aos xa executados en xaneiro e febreiro. As subas acumuladas no que levamos de anos van dende os 5 euros menusais para as tarifas de móbil máis básicas ata os 15 euros ao mes para os paquetes máis completos de internet e televisión.

O recorte no pagamento deste complemento retributivo pode acadar ata o 50% nalgúns casos, denuncia a CGT

Neste escenario, a subcontrata de Movistar eXTEL Adecco, que conta con case 700 traballadoras e traballadores na Coruña, vén de anunciar que as comisións derivadas das vendas realizadas polas teleoperadoras e teleoperadores van ser reducidas drásticamente. Este recorte no pagamento deste complemento retributivo pode acadar ata o 50% nalgúns casos, segundo denuncia a CGT.

O sindicato critica que esta decisión chegou "sen ningún tipo de negociación previa coa representación legal das traballadoras e traballadores" e lembra a importancia destes complementos para poder equilibrar os reducidos salarios do persoal do sector do telemarketing. As traballadoras e traballadores dos call centers  adoitan contar son soldos base moi baixos que dependen moito destes extras de produtividade para acadar un nivel suficiente para soster as súas vidas.

"A solución está por establecer un salario digno no Convenio Colectivo do Sector, evitando así depender das retribucións variables para completar o baixo salario", di o sindicato

A CGT denuncia que eXTEL "leva meses modificando o sistema de retribucións variables de maneira unilateral", causando "graves prexuízos" ás traballadoras e traballadores,  "que mesmo ven obrigadas a acudir aos xulgados para cobrar o que lles corresponde". "Mentres Movistar aplica continuas subas nas súas tarifas para aumentar os seus millonarios beneficios, as condicións laborais e salariais das teleoperadoras non deixan de empeorar", engaden. 

O sindicato reclama que "a solución está por establecer un salario digno no Convenio Colectivo do Sector, evitando así depender das retribucións variables para completar o baixo salario que establece o actual convenio".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.