Autónomos en Galicia: cada vez menos e cotizando pola base mínima á espera de melloras

Galicia é a comunidade autónoma con máis traballadores por conta propia, pero o seu peso sobre o total de cotizantes baixou do 25% ao 19% nunha década CC-BY Jakub Zerdzicki

O Goberno do Estado renunciou a que os autónomos cotizasen polos seus ingresos reais, o que suporía un notable incremento nas súas cotas pero tamén das súas prestacións futuras. Finalmente optou pola conxelación das cotas para os traballadores por conta propia que menos gañan

Un dos asuntos que marcou o debate político nos últimos días foi a proposta do Ministerio de Seguridade Social de que os traballadores e traballadoras autónomas cotizasen polos seus ingresos reais, o que suporía un notable incremento nas súas cotas. As críticas á iniciativa fixeron que esta fose rapidamente desbotada e o Goberno do Estado anunciou en cambio unha conxelación do incremento das cotas para os autónomos que menos gañan (a maioría) e aumentos reducidos para o resto.

En realidade, o Executivo pretendía continuar co proceso iniciado hai dous anos e que contou co acordo de todas as grandes asociacións de autónomos e da maioría do Congreso, incluído o PP, para que os traballadores por conta propia cotizasen polos beneficios da súa actividade, achegando así o mesmo que os traballadores por conta allea de ingresos semellantes, de xeito que os autónomos mellorases as súas futuras prestacións.

Galicia é a comunidade autónoma con máis autónomos, pero o seu peso sobre o total de cotizantes baixou do 25% ao 19% nunha década. Canto máis desenvolvida e próspera é unha economía, o peso dos traballadores por conta propia adoita ser menor

Porén, a feroz oposición dalgunhas entidades de autónomos, como ATA, fixo que o Goberno renunciase a este obxectivo, nun cambio de posición que foi criticado por sindicatos e por outras asociacións, como UPTA, que denuncia que se perdeu "unha oportunidade para mellorar as pensións dos autónomos”.

Así, dunha proposta inicial que implicaba aumentos de entre 8 e 17 euros ao mes para os autónomos que menos ingresan e de máis de cen euros ao mes para os que gañan máis de catro mil euros mensuais, pásase a outra na que se conxelan as cotas dos traballadores por conta propia con ingresos inferiores a 1.166 euros e soben entre un 1% e un 2,5% o resto.

En calquera caso, o debate puxo o foco nun sector de traballadores cunhas circunstancias e problemáticas específicas e que adoita recibir menos atención que o persoal asalariado, que representa a maioría dos cotizantes. Así pois, cal é o perfil dos autónomos en Galicia? Cantos hai? Canto gañan?

En primeiro lugar, hai que dicir que cada vez hai menos autónomos e autónomas en Galicia e no conxunto do Estado. E que isto é unha boa noticia. Canto máis desenvolvida e próspera é unha economía, o peso dos traballadores por conta propia adoita ser menor. 

Así, por exemplo, no contexto da Unión Europea Romanía e Grecia son os dous países nos que a porcentaxe de autónomos sobre o total de traballadores é maior, ao redor do 30%. En España a cifra non chega ao 16% e en Alemaña ou os países nórdicos a porcentaxe rolda o 10% ou menos. Nas economías menos desenvolvidas o dato adoita superar o 50%.

En total, hai uns 210 mil traballadores e traballadoras autónomas en Galicia, máis homes que mulleres e máis entre as persoas de máis idade que entre os menores de 40 anos

Polo tanto, é unha boa nova que en Galicia haxa cada vez menos traballadores e traballadoras autónomas. Na actualidade a porcentaxe rolda o 19%, incluíndo aquí os traballadores do mar por conta propia, que representan un 0,7% do total de traballadores. Hai unha década a porcentaxe total roldaba o 25%. 

O dato galego sitúase por riba da media española (16%) e lonxe do de Madrid (12%) ou Cataluña (15%) e é aínda un dos máis elevados de todas as comunidades autónomas, igualado co de Estremadura.

O número anual de altas no réxime de autónomos amosa unha tendencia á baixa, pasando das 36 mil de 2014 ás 25 mil da actualidade

En total, hai uns 210 mil traballadores e traballadoras autónomas en Galicia, máis homes (entre os que representan o 22% da masa total de cotizantes) que mulleres (16%). Hai tamén grandes diferenzas por idade. Entre o traballadores de 60 anos ou máis o seu peso relativo supera o 32%, que descende ao 22% nas persoas de 50 a 59 anos e ao 19% nas de 40 a 49 anos. Entre os menores de 40 anos a porcentaxe total cae por debaixo do 15%.

O número anual de altas no réxime de autónomos amosa unha tendencia á baixa, pasando de superar claramente as 30 mil entre os anos 2013 e 2018 (chegando a 36.500 en 2014) a moverse ao redor dos 25 mil nos últimos anos.

O comercio polo miúdo e o sector agrogandeiro son os ámbitos con máis traballadores por conta propia, tamén a construción ou ou transporte

En que sectores traballan estes autónomos e autónomas galegas? Os datos do IGE amosan unha gran diversidade de actividades, encabezadas polo comercio polo miúdo (12,7%) e traballos no sector agrogandeiro (9,9%), por diante dos servizos de comida e bebida (9,1%). A construción suma unha porcentaxe importante, dividida entre labores de construción especializada (8,8%) e construción de edificios (3,9%). O sector do transporte suma o 4,6% dos traballadores autónomos galegos e a pesca e marisqueo o 3,5%. O comercio por xunto rolda o 5%.

A maioría de autónomos (o 55%) declara ingresos por debaixo da base mínima de cotización, situada nos 960,6 euros ao mes

Canto gañan os autónomos e autónomas galegas? Pois en xeral, pouco. As normas de cotización ao Sistema da Seguridade Social establecen cada ano uns valores mínimo e máximo que determinan os límites da cotización mensual das persoas que traballan por conta propia. En 2022, este valor mínimo situouse en 960,6 euros ao mes, que coincide precisamente co valor mediano. É dicir, que a maioría de autónomos (o 55%) declara ingresos por debaixo dese nivel.

A media si é algo máis elevada (1.211,8 euros) debido á existencia dunha parte de autónomos que di ten ingresos moi superiores. Porén, é tan só o 17% o que presenta rendemento superiores aos 1.440 euros ao mes.

Os ingresos son superiores entre os homes (1.263 euros de media) que entre as mulleres (1.141 euros). De feito, o 61% das autónomas cotiza pola base mínima e só o 10% supera eses 1.440 euros mensuais.

Hai tamén grandes diferenzas por idade, de xeito que só entre os autónomos de máis de 50 anos hai unha porcentaxe significativa, de máis do 20%, con ingresos superiores aos 1.440 euros mensuais.

Por sectores, os traballadores autónomos de industria e construción son os que declaran rendementos superiores, con medias moi superiores aos do sector servizos e, sobre todo, aos traballadores do sector primario.

Existe un número moi elevado de persoas que abandonan a súa actividade despois dun tempo breve, ou que se dan de alta de maneira intermitente. A finais de só seguían a ser autónomos pouco máis da metade das persoas que estaban dadas de alta un ano antes (o 55%)

Existe un número moi elevado de persoas que abandonan a súa actividade despois dun tempo breve, ou que se dan de alta de maneira intermitente. Os datos do IGE amosan que a finais de 2022 só seguían a ser autónomos pouco máis da metade das persoas que estaban dadas de alta un ano antes (o 55%). 

Esta taxa de supervivencia a un ano vén manténdose estable nos últimos anos, movéndose entre o 47,9% de 2016 e o 55,8% de 2021, o seu nivel máis elevado, que se mantivo un ano despois. A taxa de supervivencia a dous anos é do 44% e a tres anos baixa ata o 36%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.