Unha ducia de máscaras de Entroido da exposición 'Masks' do Museo do Pobo
No Museo do Pobo Galego pode verse ata o 26 de abril a exposición Masks. Alas y Viento Collection. Nacho Rovira II, unha mostra que se achega ao mundo das máscaras como expresión cultural universal, presente en festas, rituais, celebracións relixiosas e representacións teatrais de diferentes épocas e lugares do mundo. A exposición realiza unha coidada escolma de 66 máscaras procedentes de Galicia e do resto do Estado español, de Portugal, Romanía ou Italia, 54 delas pertencentes á colección privada do coleccionista e viaxeiro Nacho Rovira, que leva máis de corenta anos reunindo pezas e outras 12 procedentes dos fondos do Museo do Pobo, correspondentes ás creacións tradicionais do Entroido galego
-
01Zangarrón de Sanzoles (Zamora)
O zangarrón celebra en Sanzoles as súas vésperas o día 25 de decembro á tarde e a súa función o 26 de decembro na honra de santo Estevo. Esta máscara pertence á tipoloxía de enmascarados fustrigadores. O zangarrón vai acompañado por outros mozos, que son: dous mordomos, catro bailadeiras, dous tocadores e tres asadores, que executan catro tipos de danza acompañados dun tamborileiro.
-
02Máscaro (Ousilhão, Bragança)
A Festa de Santo Estêvão en Ousilhão, Vinhais (Bragança), comeza o día de Nadal e prolóngase ata o día seguinte. Participan catro mozos, os mordomos, os gaiteiros e os máscaros. Estes últimos visten un traxe confeccionado con colchas de la de franxas multicolores e portan máscaras, que polo xeral son de madeira.
-
03Sarsaila (Romanía)
Estas mascaras corresponden á localidade de Șivița, condado de Galaţi, pero son características do Carnaval de Ano Novo en toda a rexión de Moldavia. Para a fabricación destas máscaras emprégase unha gran variedade de materiais: pel de animais, téxtiles, dentes de madeira ou de feixóns, chapeus, plumas, fíos, cabaza…
-
04Chocalheiro (Sendim, Miranda do Douro)
O chocalheiro de Bemposta-Mogadouro, na rexión portuguesa de Trás-os-Montes, é unha das máscaras máis icónicas de Europa. O 26 de decembro de cada ano sae polas rúas desta localidade o chocalheiro manso recibindo esmolas. O 1 de xaneiro é o chocalheiro bravo o que percorre as rúas pedindo dádivas.
-
05Zangarrón de Montamarta (Zamora)
A función do zangarrón de Montamarta repítese os días 1 e 6 de xaneiro. O día 1 emprégase a máscara negra, coñecida como de diaño, e o día 6, a vermella, chamada de festa. Un dos momentos máis significativos da celebración ten
lugar ao remate da misa, á que o zangarrón asiste co rostro descuberto. Cando o sacerdote imparte a bendición, o personaxe pica dúas oblatas de pan co tridente —tamén chamado purridera— e levántaas. -
06Carocho de Constantim (Miranda de Douro)
A Festa das Morcelas ou da Mocidade, celebrada en Constantim entre os días 27 e 29 de decembro, preséntase como unha das manifestacións máis representativas do ciclo invernal na Terra de Miranda. O núcleo simbólico do festexo é o ritual do convite, no que os mozos visitan casa por casa, ofrecéndolles aos veciños saúde e prosperidade mentres recollen alimentos e ofrendas destinadas á celebración colectiva.
-
07Jarramplas (Piornal, Cáceres)
Na localidade de Piornal, no Val do Jerte, celébrase cada ano, os días 19 e 20 de xaneiro, a Festa de Jarramplas na honra de san Sebastián. O jarramplas
encarna o maligno e a festa representa o triunfo do ben sobre o mal. Durante a festa, o enmascarado recibe por todos os lados o impacto de centos de nabos que lle guinda o público. Por iso ten que levar unha vestimenta de máis de corenta quilos de peso, incluída a máscara, e unha malla (armadura) de fibra de vidro para amortecer os golpes. -
08Peliqueiro (Laza)
En Laza saen uns cincuenta peliqueiros, que deben ir a todas as casas correndo para facer soar as chocas que levan arredor da cintura. Os peliqueiros eran, segundo a tradición local, antigos cobradores de impostos que se enmascaraban para non ser recoñecidos por medo a represalias do pobo, pero, para outros, a orixe deste Entroido pérdese na noite dos tempos. A diferenza do peliqueiro,
o cigarrón de Verín non leva detrás da máscara unha pelica, o anaco de pel que lle dá nome a este personaxe do Entroido -
09Pantalla (Xinzo)
O Entroido de Xinzo de Limia é o de maior duración no Estado español e as grandes protagonistas son as pantallas. Van vestidas de branco, levan unha capa vermella con cintas de cores, portan máscaras e percorren a vila correndo, bailando e saltando para impoñer a lei entroideira coas súas tradicionais vexigas.
-
10Boteiro (Viana do Bolo)
O boteiro é o personaxe máis representativo do Entroido de Viana do Bolo. As funcións do boteiro están ligadas ao fulión, comitiva formada por un grupo de veciños que tocan instrumentos tradicionais, como bombos e sachos. Para apartar o público e abrirlle paso ao fulión, o boteiro empurra, arremete e arrastra polo chan, e corre cara a adiante axudado dunha pértega de cores, a monca.
-
11Follateiro (Lobios)
Grazas á tradición oral dos veciños de Lobios —especialmente os da parroquia de Grou—, foi posible o renacemento dunha figura singular dentro do Entroido ourensán: os follateiros e follateiras. Este antigo costume consistía en cubrirse e enmascararse con follas de millo, follatos. No pasado, durante as celebracións, os homes portaban un pau co que, de forma festiva, trataban de levantarlles a saia ás mulleres, mentres que estas, para evitalo, levaban na punta do seu propio pau unha rama de toxo.
-
12Volante (Santiago da Riba, Chantada)
Entre os personaxes máis representativos do Entroido de Santiago da Riba destacan os volantes, que portan na cabeza uns puchos dos que colgan numerosas cintas —coñecidas como colonias— moi anchas, longas e de
cores variadas. Sobre os ombros, os volantes locen un pano denominado portugués e levan cinguido un cinto de coiro do que penduran vinte e catro campaíñas. -
13Cucurrumacho (Navalosa, Ávila)
Navalosa é unha pequena aldea da serra de Gredos. Os cucurrumachos saen o
Domingo Gordo ou Domingo de Carnaval, cubertos con mantas, chocas na cintura e a cara oculta por unha máscara, chamada carilla, feita de madeira con engadidos de crina de animal e, nalgúns casos, ósos, cornos e peles de animais. Tamén levan forcas ou estandartes lúgubres para provocar medo. -
14Cornuto e capra (Aliano, Italia)
A rexión italiana de Basilicata é unha rexión rica en entroidos tradicionais, protexidos por organizacións culturais e asociacións locais, que revitalizaron a partir dos anos oitenta do século pasado modelos de rituais preexistentes cun
enorme valor antropolóxico e cultural en diversos lugares.