Unha ducia de cousas que pasaron en abril en Galicia
Abril é o primeiro mes completo de primavera, uns días nas que a natureza agroma, no que chove de maneira xenerosa ("abril, augas mil") e que historicamente estivo pragado de acontecementos no noso país, dos que repasamos aquí algúns deles, dende a Revolución de 1846 ou a proclamación da Segunda República ao nacemento do Xabarín Club.
-
011 de abril de 1188: O Pórtico da Gloria
Segundo a tradición, o 1 de abril de 1188 colocáronse os linteis do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago. Por este motivo, esta foi a data escollida para a celebración do Día das Artes Galegas -en homenaxe ao Mestre Mateo-, que este ano estivo dedicado ao fotógrafo José Suárez (ao que dedicamos esta ducia).
-
022 de abril de 1846: Pronunciamento do comandante Solís
No mes de abril de 1846 un grupo de militares progresistas sublevouse en Lugo buscando un xiro na dirección do Estado e, da man de sectores provincialistas, unha maior descentralización e autonomía para Galicia. O fracaso do pronunciamento do resto de España converteu o movemento nunha "revolución galega", que nos días seguintes foi derrotada polos exércitos enviados dende Madrid.
A batalla de Cacheiras foi o capítulo final dunha revolta cuxos líderes foron fusilados o 26 de abril en Carral, onde dende 1904 un monumento homenaxea a acción, que ficou como un dos referentes históricos do galeguismo (na imaxe, unha homenaxe en 1931)
-
033 de abril de 1979: Primeiras eleccións municipais despois do Franquismo
Houbo que agardar case tres anos e medio dende a morte do ditador para poder contar cuns concellos democráticos. As primeiras eleccións municipais celebráronse o 3 de abril de 1979. Ese día as urnas déronlle ás esquerdas a súa primeira grande alegría electoral na Transición, tamén en Galicia, pois as forzas progresistas pasaron a gobernar Vigo, A Coruña e Ferrol e un gran número de vílas, como Redondela, Moaña, Fene, Narón, Oleiros, As Pontes, Bueu, O Grove, Marín, Vilagarcía de Arousa ou Cangas do Morrazo.
-
046 de abril de 1981: Promulgación do Estatuto de Autonomía
O 6 de abril de 1981 promulgouse o Estatuto de Autonomía co que Galicia se constituíu oficialmente como comunidade autónoma, despois de tres anos e medio de réxime preautonómico. O texto, que fora duramente recortado pola UCD, dando lugar a masivas protestas nas rúas, foi finalmente salvado nos Pactos do Hostal. Porén, a súa aprobación en referendo, cun 70% de abstención, acusou a desafección previa e a falta de interese das forzas conservadoras polo autogoberno.
Seis meses máis tardes celebráronse as primeiras eleccións ao Parlamento (na imaxe, a súa constitución)
-
0510 de abril de 1976: pasamento de Ramón Otero Pedrayo
Este 2026 foi declarado o Ano Otero Pedrayo, coincidindo co 50 aniversario do seu pasamento en 1976. O intelectual finou en abril e o seu enterro congregou milleiros de persoas nas rúas da cidade, onde foi soterrado no cemiterio de San Francisco cun hábito de franciscano e a bandeira de Galicia, como era o seu desexo.
Unha ducia de momentos da vida de Ramón Otero Pedrayo no seu 50 cabodano
-
0614 de abril de 1931: Proclamación da Segunda República
O 14 de abril de 1931 proclamouse a Segunda República, que foi acollida en cidades e vilas de Galicia con manifestacións e izado de bandeiras. Na Coruña, Vigo, Lugo ou Ferrol, os líderes republicanos combinaran nos seus discursos a ledicia polo triunfo coas chamadas á "orde" e á "disciplina" da veciñanza. "Sexamos bos republicanos", pediron.
Na imaxe, manifestación republicana pola rúa Real da Coruña, o 14 de abril de 1931 en dirección a María Pita.
-
0717 de abril de 1937: Fusilamento de Johan Carballeira e outros republicanos
A represión franquista foi especialmente dura no verán de 1936, pero continuou nos anos seguintes. O 17 de abril de 1937 foi fusilado o xornalista, poeta e alcalde galeguista de Bueu Johan Carballeira. Despois de pasar varios meses no campo de reclusión da Illa de San Simón, o galeguista foi executado na avenida de Buenos Aires de Pontevedra xunto a outros 10 republicanos condenados a morte.
-
0818 de abril de 1994: primeira emisión do Xabarín Club
O 18 de abril de 1994 comezou a emitirse na TVG o Xabarín Club, o programa infantil e xuvenil que marcou unha época no país coas súas series, cancións e os seus carnés de socio e socia, que chegaron a ser máis de cen mil. Isto foi o que nos contou de Suso Iglesias. responsable do programa nos seus inicios e posteriormente director da TVG entre o 2005 e 2009.
ENTREVISTA | Suso Iglesias: "Esa 'Xeración Xabarín' hoxe é o sector máis activo da sociedade"
-
0922 de abril de 1909: O masacre de Oseira
O 22 de abril de 1909 a Garda Civil dispara¡ou sobre os veciños e veciñas que intentaban impedir o derrubo do baldaquino do mosteiro de Oseira, unha acción que se saldou co resultado de 9 mortos e 12 feridos, no que se coñece como O masacre de Oseira.
-
1023 de abril de 1937: Asalto ao bou Eva
O 23 de abril de 1937 oito homes e unha muller tentaron fuxir a Francia dende o Porto de Vigo no bou Eva. Tras seren delatados, posiblemente por un tripulante, os falanxistas asaltaron o bou e asolagárono. Os tripulantes decidiron don saír, optando por un suicidio colectivo en lugar de se entregar aos franquistas.
-
1125 de abril de 1980: "Mil primaveras máis"
O 25 de abril de 1980, Álvaro Cunqueiro pronunciaba en Vigo o discurso no que dixo cal lle gustaría que fose o seu epitafio: “Aquí xaz alguén que coa sua obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis", unha frase que ficou como un símbolo da lingua e da cultura galegas.
-
1225 de abril de 1974: Revolución dos caraveis
Non tivo lugar en Galicia, pero o impacto da Revolución dos Caraveis -o 25 de abril de 1974- ao norte do Miño foi e segue a ser indiscutible.
O 25 de abril, hora a hora: a revolución pacífica que cantou á liberdade
-
1328 de abril de 2025: Apagamento eléctrico en España e Portugal
Hai case un ano, o 28 de abril de 2025, a Península Ibérica sufriu un apagamento eléctrico que chegou en moitos lugares ás 12 horas de duración. Un suceso cuxas causas seguen sen estar completamente claras e que paralizou por completo ambos os dous países.
Un sector eléctrico á espera de investimentos e maior control público: "Cómpre modernizar o sistema"
O que iluminou o apagamento: "Somos máis que algoritmos produtivos"