Marcos Pérez Pena

Unha ducia de episodios da revolución galega de 1846: do pronunciamento de Solís aos Mártires de Carral

No mes de abril de 1846 un grupo de militares progresistas sublevouse en Lugo buscando un xiro na dirección do Estado e, da man de sectores provincialistas, unha maior descentralización e autonomía para Galicia. O fracaso do pronunciamento do resto de España converteu o movemento nunha "revolución galega", que nos días seguintes foi derrotada polos exércitos enviados dende Madrid. A batalla de Cacheiras foi o capítulo final dunha revolta cuxos líderes foron fusilados o 26 de abril en Carral, onde dende 1904 un monumento homenaxea a acción, que ficou como un dos referentes históricos do galeguismo. Isto foi o que pasou neses días.

  1. 01

    Os antecedentes

    A derrota de Espartero e o ascenso de Narvaez, que iniciou unha reforma conservadora e autoritaria, propiciou o desexo dos sectores progresistas de levar a cabo unha revolta militar (moi habituais ao longo de todo o século XIX) para reconducir a política española. 

    A Coruña era unha das cidades de todo o Estado Español en que os sectores progresistas eran máis numerosos e os faladoiros que se levaban a cabo na casa de Juana de Vega, antiga aia da raíña e viúva do heroe militar Francisco Espoz y Mina, eran un dos grandes puntos de encontro.

  2. 02

    O pronunciamento de Solís

    Ao longo de 1846 foise preparando o pronunciamento, que contaba en principio con amplos apoios nas distintas cidades galegas e entre os batallóns militares asentados no país. Esperábase que un éxito inicial da revolta en Galicia fose secundado por levantamentos progresistas no resto do Estado.

    O Goberno de Madrid, con todo, reaccionou rapidamente ante os rumores dun posible pronunciamento, subsituíndo o capitán xeneral de Galicia, Francisco Puig Samper, sospeitoso de complicidade coa revolta, o que obrigou aos sublevados a iniciar o alzamento en Lugo, en lugar de facelo na Coruña.

    Así, o 2 de abril de 1846, Miguel Solís, comandante do exército sublevado, inicia en Lugo o pronunciamento militar, que triunfa rapidamente na cidade. Manuel Becerra Bermúdez é nomeado alcalde e presidente da xunta de armamento.

  3. 03

    As primeiras horas da revolta, que fracasa na Coruña

    Os máximos delegados do goberno na Coruña reaccionan con rapidez, arrestando os oficiais sospeitosos de simpatizar cos sublevados e declarando o estado de sitio nas catro provincias galegas. O pronunciamento fracasa na Coruña (que estaba chamada a ser o núcleo principal), pero triunfa en Compostela, onde se constitúe unha xunta de goberno presidida polo provincialista Pío Rodriguez Terrazo.

  4. 04

    Compostela únese a Lugo e convoca ás arma ao 'Batallón Literario'

    A xunta de goberno compostelá publica unha proclama anunciando o levantamento de toda Galicia, requisa armas e publica un bando chamando as armas aos universitarios, nunha reedición do Batallón Literario que existira durante a guerra contra Napoleón.

    Nos días seguintes a revolta esténdese por varias zonas de Galicia, especialmente na costa, formándose xuntas revolucionarias en Vigo, Tui, Rianxo, A Pobra, Vilagarcía, Palas de Rei, Mos... Tamén en León se pronuncia un grupo de militares

  5. 05

    A reacción do Goberno de Madrid

    As novas do pronunciamento galego chegan a Madrid o 6 de abril, catro días despois. O Goberno ordena que se despracen a Galicia seis batallóns para sufocar a revolta, ao mando de José Gutiérrez de la Concha, que chegan a Lugo o día 14.

  6. 06

    A revolta convértese nunha "revolución galega"

    Á vista de que o pronunciamento non tivo seguimento no resto do Estado, pero que si é forte en Galicia, a revolta transfórmase nunha "revolución galega", na que os sectores provincialistas -moi numerosos na xunta de Compostela- marcan a dirección do movemento, ausente a xunta coruñesa.

    O 15 de abril as distintas xuntas formadas nas comarcas galegas reúnense en Santiago e constitúen a Xunta Superior de goberno de Galicia, presidida por Pio Rodríguez Terrazo e con Antolín Faraldo (na imaxe) como secretario. Reclaman a unidade administrativa de Galicia, unha política autónoma respecto a Madrid e un sistema tributario propio.

  7. 07

    Xunta Superior de Goberno de Galicia

    A Xunta Superior emite o 15 de abril día unha histórica proclama na que expón os motivos da sublevación, os seus obxectivos, e o seu compromiso co "engrandecemento do antigo reino de Galicia". Publica un decreto no que declara nulos todos os actos do goberno de Madrid dende o día 2 de abril, somete todas as xuntas a Xunta Superior, abole o sistema tributario e suprime a policía

    O exército é dividido en dous grupos: un comandado por Miguel Solís e Manuel Buceta é enviado a tomar A Coruña e Ferrol; o outro, dirixido por Rubín de Celis e Sebastian Arias, diríxese á conquista de Ourense.

  8. 08

    Fracaso nos intentos de tomar A Coruña e Ourense

    O grupo dirixido por Solís chega ás portas da Coruña, pero non se decide a atacar, agardando un levantamento no interior da cidade que non se produce. Ao día seguinte repite a operación ás portas de Ferrol, pero tampouco alí se produce unha sublevación. 

    En Ourense, Rubín non consegue atravesar a Ponte Maior, fortemente defendida, e igualmente agarda por movementos dentro da urbe, que nunca chegan. Diríxese posteriormente á Ribadavia e A Cañiza.

    As boas novas chegan dende Vigo, onde o pronunciamento de dous barcos de guerra permite controlar o porto para que cheguen os prometidos envíos de armas dende Inglaterra e Francia para apoiar a sublevación. As armas chegarán o 23 de abril, demasiado tarde.

  9. 09

    A batalla de Cacheiras

    Mentres, as tropas do xeneral Concha achéganse a Compostela dende Ourense. Solís regresa a Santiago para defender a cidade e sae en dirección a Padrón para saír ao paso do exército fiel ao Goberno de Madrid. A batalla comeza ás 10 de mañá do 23 de abril en Cacheiras (Teo), cunha gran superioridade das tropas do xeneral Concha.

    Os militares ao mando de Solís retíranse ao interior de Compostela, que é asaltada polo exército inimigo. Solís ofrece finalmente a súa rendición, xunto con outros 60 oficiais. Pontevedra cae o 26 de abril. Lugo e Vigo resisten ata o día 27.

    Mentres, o exército de Rubín, que non fora quen de regresar a Compostela para apoiar a Solís, foxe de forma desordenada en dirección a Portugal. Nos días seguintes algúns tentan embarcar en Vigo para exiliarse en Inglaterra, outros conseguen chegar a Portugal e outros simplemente se renden.

  10. 10

    Os fusilamentos

    Decídese que o xuízo aos militares sublevados teña lugar en Carral, para evitar un posible levantamento na Coruña ou Compostela, de facelo alí. Os oficiais prisioneiros chegan á localidade o 25 de abril.

    O 26 de abril Solis é fusilado no adro da igrexa de Santo Estevo de Paleo. Posteriormente, na carballeira coñecida como fraga do rei, son fusilados outros once oficiais do exército sublevado.

  11. 11

    Os anos seguintes

    Unha gran parte dos civís que apoiaron a revolta e que integraron as xuntas revolucionarias exílianse a Portugal, onde son detidos e internados nun campo de concentración en Peniche. Nos meses seguintes os sectores progresistas e os provincialistas son duramente perseguidos en Galicia, sendo xulgados e encarcerados. Dous anos despois ditouse unha amnistía que permitiu o retorno de moitos dos exiliados.

  12. 12

    O legado

    O pronunciamento e posterior revolución ficou no imaxinario do progresismo e do galeguismo con un acto heroico. En 1856 un número especial do xornal La Oliva homenaxea a revolta. Durante o Bienio Progresista (1854-56) o Goberno declara os soldados executados en Carral "beneméritos da patria" e decrétase a construción dun monumento na súa lembranza, que non chegou a construírse debido ao golpe de Estado do Xeneral O'Donell.

    Con todo, xa a finais do século a Liga galega da Coruña retomou o proxecto e grazas a unha subscrición popular, fíxoo realidade o 22 de maio de 1904. O monumento aos Mártires de Carral foi dende entón o escenario de numerosas homenaxes, coma a organizada polas Irmandades da Fala. en 1931, que recolle a imaxe, na que Manuel Lugrís Freire, ofrece un discurso.