Así foron as primeiras eleccións municipais, hai 40 anos

Víctor Moro foi o candidato de UCD en Vigo Dominio Público Praza Pública

Unha das moitas anomalías do proceso de Transición Política foi que houbo que agardar case tres anos e medio dende a morte do ditador para poder contar cuns concellos democráticos. As primeiras eleccións municipais celebráronse o 3 de abril de 1979, hai 40 anos, case dous anos despois dos primeiros comicios xerais de 1977.

Houbo que agardar case tres anos e medio dende a morte do ditador para poder contar cuns concellos democráticos

Nas grandes cidades, ademais, eran moitos os retos e problemas que reclamaban unha solución dende os concellos. A década dos 70 foi un tempo de rápido e desordenado desenvolvemento urbanístico, con numerosas actuacións irregulares e unha gran necesidade de dotar de servizos e equipamentos públicos básicos aos novos barrios. Esas demandas foron as que fixeron crecer un vizoso movemento veciñal que mantería a súa importancia na primeira parte da década dos 80.

Aínda que xa en 1978 foran substituídos algúns alcaldes que procedían directamente do réxime franquista (como Joaquín García Picher en Vigo e José Manuel Liaño Flores na Coruña) situando no seu lugar a persoas de perfil máis baixo (Emma González Bermello e Berta Tapia, respectivamente), os veciños e veciñas aínda non puideran elixir libremente as súas corporacións municipais.

O contexto político xeral en Galicia era o dun esmagador dominio da UCD, que en xuño de 1977 obtivera 20 dos 27 escanos en xogo cun 53% dos votos e que o 1 de marzo de 1979 repetira o seu triunfo, aínda que perdendo tres deputados e cinco puntos. Detrás, aparecían o PSOE (17% e 6 escanos) e a Coalición Democrática de Fraga (14% e 4 deputados). O nacionalismo ficaba máis lonxe, co 5,9% do BNPG e o 5,4% de Unidade Galega (formada por PSG, POG e PG), e o PCE ficaba no 4,2%.

Ese día as urnas déronlle ás esquerdas a súa primeira grande alegría electoral na Transición

Vistos estes resultados, todo apuntaba a que a UCD mantería a súa hexemonía nas eleccións municipais convocadas un mes despois, o 3 de abril (unha sucesión de comicios que, por certo, lembra a que estamos a vivir neste 2019). Porén, ese día as urnas déronlle ás esquerdas a súa primeira grande alegría electoral na Transición. No conxunto de España os acordos entre o PSOE e o PCE, principalmente (aínda que tamén o PSA, ERC, HB, PSUC...), outorgáronlle ás forzas progresistas as alcaldías de principais cidades: Madird, Barcelona, Sevilla, Málaga, Córdoba, Zaragoza, Valencia, Palma de Mallorca, Xixón, Alacante, Pamplona...

Tamén en Galicia moitas zonas urbanas tiveron gobernos de esquerda, comezando polas dúas principais cidades. En Vigo foi escollido Manuel Soto (PSOE) e na Coruña Domingos Merino (Unidade Galega) e o mesmo sucedeu en Ferrol con Jaime Quintanilla (PSOE), fillo ademais do derradeiro alcalde republicano, fusilado en 1936. 

A esquerda e o nacionalismo fixéronse coas alcaldías de Vigo, A Coruña e Ferrol, e de numerosas vílas

É certo que as restantes catro cidades foron gobernadas por UCD: José Luis López Iglesias (Ourense), José Novo Freire (Lugo), José Antonio Souto Paz (Santiago) e José Rivas Fontán (Pontevedra). Porén, a esquerda e o nacionalismo fixéronse tamén coas alcaldías en numerosas vílas, como Redondela (UG), Moaña (BNPG), Corcubión (PTG), Fene (BNG), Mugardos (PCG), Narón (UG), Oleiros (Candidatura dos Veciños), As Pontes (UG), Bueu (BNPG), O Grove (PCG), Marín (PSOE), Vilagarcía de Arousa (PSOE) ou Cangas do Morrazo (PCG)

Iso si, na maior parte das zonas rurais o triunfo de UCD foi esmagador, mantendo o partido do Goberno boa parte das estruturas de poder caciquís que viñan funcionando previamente. Tamén Coalición Democrática acadou un número importante de alcaldías, debido en parte a que presentou nas súas listas a unha gran parte dos alcaldes franquistas. De feito, froito deste dominio nos concellos pequenos, UCD acadou un total de 1.797 concelleiros en toda Galicia, as listas independentes fixéronse con 706 e CD con 603, moi por diante dos 437 do PSOE.

Na maior parte das zonas rurais o triunfo de UCD foi esmagador, mantendo o partido do Goberno boa parte das estruturas de poder caciquís que viñan funcionando previamente

As negociacións entre as distintas forzas de esquerda e nacionalistas (PSOE, UG, BNPG e PCG) foron difíciles e estiveron a piques de rachar en moitos momentos. Os socialistas querían trasladar a Galicia a fórmula do seu pacto co PCE a nivel estatal: que en cada lugar gobernase a forzas de esquerdas máis votada, un modelo que lle tería outorgado ao PSOE os Gobernos de tres cidades (Vigo, Ferrol e A Coruña). Porén, dende Unidade Galega reclamábase a alcaldía da Coruña para Domingos Merino, a pesar de que recibira menos votos que o candidato socialista. Finalmente, o acordo foi posible, grazas ás cesións duns e doutros (semellantes fórmulas compensatorias aplicáronse por exemplo en Moaña, onde o BNPG acadou a alcaldía con menos votos que UG).

As negociacións entre as distintas forzas de esquerda e nacionalistas foron difíciles e estiveron a piques de rachar en moitos momentos.

Nunha crónica publicada días despois por Luís Álvarez Pousa, o xornalista destacaba que “Mandan os ucedeos, pero menos (...) Porque se ben seguen coas Deputacións provinciais na man, non poden esquecer que trinta e seis axuntamentos teñen maioría de esquerdas. E son dos máis importantes (...) A dereita ten o arrepío no corpo". 

Nos anos seguintes UCD acabaría esfarelada mesmo antes das seguintes eleccións xerais de 1982, pero tamén o nacionalismo entrou en crise coa desaparición da coalición de Unidade Galega, perdendo ademais en 1981 a súa máis importante alcaldía: a da Coruña que comandaba Domingos Merino. Pero esa é outra historia.

Domingos Merino, en María Pita © Homenaxe a Domingos Merino

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.