Unha ducia de momentos da vida do fotógrafo José Suárez, homenaxeado no Día das Artes Galegas 2026
Esta semana a Real Academia Galega de Belas Artes elixiu José Suárez como protagonista do Día das Artes Galegas do 2026, que terá o 1 de abril a súa celebración central, pero que incluirá actos e programación ao longo de todo o ano. O fotógrafo alaricano, que tamén foi cineasta e estivo influenciado polas vangardas artísticas, deixou unha obra variada e vibrante, etnográfica e humanista, con creacións nun gran número de países -Arxentina, Uruguai, Xapón...- que o converteron no "fotógrafo galego máis internacional".
-
01
José Suárez, homenaxeado
Na súa elección, a Real Academia Galega de Belas Artes destaca o carácter "internacional" da obra de José Suárez, fotógrafo (que tamén se iniciou no cinema) que desenvolveu a súa obra en varios países e que estivo influíndo polas vangardas artísticas e polo humanismo e o pensamento da Revista de Occidente.
Obrigado polo Golpe de Estado de 1936 a se exiliar en Arxentina e Uruguai, en 1959 regresa por primeira vez a España e a partir de 1967 instálase definitivamente en Galicia, primeiro en Allariz e despois en Ourense, ata a súa morte na Guarda en 1974.
Na imaxe, José Suárez en Punta del Este (Uruguai) nos anos 50 co seu can Mambrino. A fotografía, como todas as desta ducia, está publicada no blog josesuarezfernandez.wordpress.com, que recolle textos, vídeos, recortes de prensa e outros materiais e información sobre o fotógrafo homenaxeado.
-
02
De Allariz a Salamanca
José Suárez, nacido en Allariz en 1902, empeza a facer fotos cando aproba o Bacharelato en Ourense e o seu pai lle regala unha cámara. Máis adiante, marcha a Salamanca a estudar Dereito. Alí continúa coa súa afección, tirando imaxes das paisaxes salmantinas e galegas, que comeza a publicar en revistas como Vida Gallega.
-
03
Fotografía etnográfica: a Alberca ou a Festa do Boi
Tamén practica a fotografía etnográfica, con series sobre a Festa do Boi, a romaría de San Vitoiro, os oleiros de Niñodaguia, as mallas de Paicordeiro e San Salvador dos Penedos e as feiras locais. Tamén fotografa lugares de Salamanca, como a Alberca (na imaxe), Candelario ou Pena de Francia. Nestas series apréciase xa a vinculación coa nova linguaxe das vangardas fotográficas.
-
04
Relación con Unamuno e exposición en París
En 1932 publica o libro 50 Fotos de Salamanca con limiar de Miguel de Unamuno, con quen mantén unha estreita relación de amizade. De feito, realiza para a revista Cruz y Raya unha serie de retratos do pensador. En 1935 a Office National Espagnol de Tourisme de París acolle unha exposición con obras de Suárez.
-
05
Publicacións en revistas españolas e arxentinas
Ao longo dos anos 30, Suárez publica varias series fotográficas en revistas españolas como Ahora, Mundo Gráfico, Mundial, Estampa e Atalaya. Ademais, en 1935 publica en La Nación de Bos Aires unha reportaxe sobre as romarías galegas para ilustrar un artigo de Eduardo Blanco Amor.
-
06
Inicios no cine: 'Mariñeiros'
Tamén nesta década dos anos 30 comeza a traballar para a compañía CIFESA realizando a foto fixa nas rodaxes de películas. En 1936 a empresa encárgalle facer catro documentais sobre mariñeiros, oleiros, canteiros e feirantes. Froito dese encargo nace o proxecto da película Mariñeiros, que comeza a filmar na primavera dese ano no Morrazo e en Rianxo.
En paralelo, realiza a serie fotográfica de Mariñeiros, que probablemente naceu como un traballo de localización cinematográfica.
En decembro de 1936, Suárez vese obrigado a exiliarse a Arxentina. O fotógrafo sae por Lisboa na compaña de Manuel Colmeiro e Maruja Mallo. En 1937 remata a película, que estrea en 1938. Porén, perde o control sobre ela, e a Falanxe comeza a empregala con fins propagandísticos. Na actualidade, o filme está ilocalizable.
-
07
Exilio e primeiras obras cinematográficas e fotográficas na Arxentina
En Arxentina dedícase plenamente ao cine, e comeza a realizar unha serie de 26 películas. Obtén polo filme Malambo (1942) a Cuncha de Ouro á mellor fotografía da Academia de Artes y Ciencias de Cinematografía de Buenos Aires.
En 1942 publica Nieve en la Cordillera, un libro de fotos feitas en ocogravado tiradas nos Andes arxentinos.
-
08
Instálase en Uruguai: 'El Yelmo de Mambrino'
En 1950 instálase en Punta del Este e comeza a traballar para El Día de Montevideo. Abre unha libraría na súa casa El Yelmo de Mambrino.
Neses anos en Arxentina e Uruguai inicia amizade con intelectuais tamén exiliados como Luis Seoane, Xosé Nuñez Búa, Alejandro Casona, Rafael Alberti, Margarita Xirgú, Maruja Mayo, José Bergamin, Ramón Perez de Ayala, Manuel Colmeiro, Laxeiro, Luis Tobío ou Jesús Canaval
-
09
Xapón
En 1953 Suárez realiza a súa primeira viaxe ao Xapón como correspondente dos xornais arxentino e uruguaio La Prensa e El Día. Permanece dous anos no país asiático realizando varias series fotográficos e afondando na cultura xaponesa, da que queda namorado.
De volta a Uruguai, realiza exposicións coas imaxes tiradas en Xapón e imparte conferencias sobre o país do sol nacente. Publica en LIFE ou US Camera
-
10
Amizade con Akira Kurosawa
En 1959 regresa por primeira vez España e nos anos seguintes viaxa por Europa, Xapón e América como correspondente de La Prensa, realizando entre 1960 e 1971 un total de 61 reportaxes fotográficas para este xornal arxentino.
Na súa segunda viaxe a Xapón visita a Akira Kurosawa durante a rodaxe de Os canallas durmen en paz. Nos anos seguintes mantivo unha boa amizade co director xaponés.
-
11
Serie sobre A Mancha
Neses anos colabora coa parte fotográfica da Historia de Galicia dirixida por Otero Pedrayo.
Ademais, en 1965 realiza unha serie fotográfica sobre A Mancha, documentando a ruta que percorrera o Quixote na novela de Cervantes.
En 1967 realiza unha serie forográfica sobre as corridas de touros para o libro británico The Life and Death of the Fighting Bull
-
12
Regreso a Galicia
A partir de 1967 instálase definitivamente en Galicia, primeiro en Allariz e despois no Hotel Miño de Ourense, onde mantén tertulias cos seus amigos.
En 1974 morre na Guarda aos 72 anos de idade. Nesa década lévanse a cabo varias exposicións fotográficas en Galicia, Madrid e mesmo en Francia.
-
13
'Galicia, Terra, Mar e Xentes'
En 1981 publícase o libro Galicia, Terra, Mar e Xentes (Xerais), que dá a coñecer a súa obra no país.
Nestes anos a súa continúa a ser recoñecida, con varias exposicións propias e colectivas, como a Idas e Caos comisariada por Joan Fontcuberta).
Recentemente, o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid adquiriu 15 obras de José Suárez para integralas na súa colección permanente de fotografía.
-
14
'José Suárez: Uns ollos vivos que pensan'
No ano 2015 a Cidade da Cultura acolleu a exposición José Suárez: Uns ollos vivos que pensan, unha mostra que nos anos seguintes pasou por Madrid, Bos Aires, Montevideo, París, Toquio, Nova Deli, Salamanca ou A Coruña.